A conselleira do Mar pide ao Goberno decidir "canto antes" se retoma a procura do 'Villa de Pitanxo'

Rosa Quintana espera que os resultados da Comisión de Investigación acheguen ás familias "acougo e tranquilidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2022 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, instou ao Goberno Central a tomar a decisión de continuar coa procura da 'Villa de Pitanxo' o máis axiña posible. "Canto antes se tome a decisión de ir, máis probabilidade de éxito haberá", sinalou.

Nunha entrevista ofrecida este domingo na Radio Galega e recollida por Europa Press, a conselleira manifestou que polo momento á Xunta non lle consta que se vaian a enviar medios propios á zona do naufraxio. En todo caso, dixo que "supón" que o director xeral da Mariña Mercante "estará a avaliar os medios dos que dispón España e as condicións que terían que ter eses medios para chegar á zona do sinistro". Así mesmo, recoñeceu que "non podendo dispor de medios propios, o Goberno de España estaría a buscar medios privados para poder acudir á zona".

O pasado xoves, o director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez Quintanilla, xa informara de que o Goberno central descartaba enviar medios propios para baixar ao pecio da 'Villa de Pitanxo' debido ás complicacións técnicas, pero aseguraba que buscarían alternativas privadas.

Ademais, cuestionada pola decisión de Canadá de abandonar a procura ás 36 horas, Quintana asegurou que "o seu comportamento foi bo" porque "para eles tamén era unha situación complicada; os seus cidadáns tampouco son buscados máis de 24 horas".

Co ánimo de "dar tranquilidade ás familias", a conselleira do Mar insistiu en que a Xunta demandou "desde o minuto 1" que se ampliase a procura, pero recoñeceu que, lamentablemente, "os protocolos internacionais recomendan buscar durante 12-24 horas". Neste sentido, lembrou que no último naufraxio nas costas galegas, o de 'Sin Querer Dos', en Fisterra, mantívose a procura "durante 31 días".

Rosa Quintana tamén aproveitou para agradecer a "solidariedade" dos mariñeiros galegos que faenan na zona. "A frota que está nestes momentos en Terranova está a soportar unhas condicións moi duras e, aínda así, alongan máis a marea, para facer unha procura activa", expresou.

Sobre as conclusións que se poden ir tirando da comisión de investigación do accidente, Quintana evitou pronunciarse e expuxo que hai que deixar traballar aos técnicos "con rigor" e "non meter présa". Ademais, expresou que espera que os resultados desta comisión achéguen ás familias "acougo e tranquilidade".

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no pleno da Cámara. XUNTA
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, no pleno da Cámara. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta