Co pobo ucraniano, co pobo ruso

A liberdade de prensa e a liberdade de expresión son piares fundamentais dun estado democrático. O feito de votar cada certo tempo convértese nunha pantomina si as persoas, os partidos políticos e as organizacións sociais non teñen a posibilidade de dirixirse á cidadanía, si non existen medios de comunicación libres e plurais que difundan as reflexións, as novas, as reportaxes e as investigación que nos axuden a formar opinión e tomar as nosas propias decisións.

Por Emilio Martinez | A Coruña | 04/03/2022

Comparte esta noticia
Liberdade de prensa e liberdade de expresión son dereitos fundamentais, e como tais están regulados, en España, en Suecia ou en calquera país minimamente democrático. A liberdade de expresión non ampara o uso abusivo da mesma: non ampara o insulto, os ataques a intimidade das persoas, a vexación, a promoción da violencia ou a exaltación de accións criminais.
 
A liberdade de promover un medio de comunicación, de difundir novas, non protexe un uso criminal dos medios. Un exemplo extremo do que non ampara a liberdade de prensa é o papel xogado pola emisora ruandesa Radio Televisión Libre das Mil Colinas  (RTLM) durante o xenocidio ocorrido entre 1993 e 1994 naquel país. Aquela radio, xunto a revista Kangura, foi un instrumento nas mans dos radicais hutus para difundir o odio cara aos tutsis, a quenes os seus locutores denominaban “cascudas”. A Radio das Mil Colinas tamén era coñecida como Radio Machete, a arma preferida por aqueles que cometeron milleiros de asasinatos, que se denominaba a si mesmos como “Os que matan xuntos”.
 
Pablo Iglesias, e non só el, saíu hai uns días en defensa dos medios rusos RT e Sputnik. Segundo o ex-vicepresidente e fundador de Podemos, o peche das súas emisións en Europa, que promove a Unión Europea, é un acto de censura. Paga a pena ler o artigo que publica en “Público”: “Censurar medios pro-rusos?”. 
 
Tal e como o propio Iglesias afirma no seu artigo RT e Sputnik fan parte da estratexia de propaganda rusa a nivel internacional. Non é que sexan medios públicos rusos, carecen totalmente de autonomía, non seguen ningún código ético profesional, responden única e exclusivamente aos intereses do goberno ruso. Non son comparables, como pretende facernos crer Iglesias nin á FOX, nin a CNN, nin á COPE nin á SER, que poden ter liñas editoriais que non nos gusten, que poden ter unha calidade cuestionable, ínfima se queremos,  pero non son unha extensión do Estado, nin responden ante o Estado.
 
Pretendernos facer crer que os xornalistas deses medios rusos realizan o seu traballo de forma libre é pretender enganarnos. Ben,  supoño que aqueles xornalistas que teñan abrazado a causa do imperialismo ruso traballaran con enorme liberdade.  Hoxe en día o verdadeiro xornalismo ruso, o independente, o plural,  está baixo asedio, perseguido, os profesionais acaban na cadea por denunciar a corrupción das autoridades, teñen que exiliarse ou acaban tendidos na rúa cun tiro na cabeza. Non falo dos xornalistas de RT e Sputnik, claro. Unha ollada á web de Reporteiro Sen Fronteiras ilustrará esta afirmación con incontables exemplos. Os peores cegos sempre son os que non queren ver.
 
Segundo a clasificación que Reporteiros Sen Fronteiras realiza anualmente da situación da liberdade de prensa en cada pais, Rusia situase no lugar 150 entre 180, iso si, un pouco mellor que o seu estado satélite Bielorrusia, no lugar 158. 
 
Non é Reporteiros Sen Fronteiras a única organización que denuncia a situación dos xornalistas e do xornalismo en Rusia, son frecuentes as protestas e os  informes de Amnistía Internacional ou Human Rights Watch.  Si é verdade que cada vez hai menos ONGs rusas que denuncia a situación, pero non porque a situación mellore, non é iso, simplemente o goberno de Vladimir Putin acosa ás ONGs ata que os seus integrantes, temendo pola súa vida ou pola súas familias, optan por disolvelas, hai pouco foi Equipo 29, tamén Memorial.
RT e Sputnik son pezas estratéxicas na persecución e acoso aos xornalistas independentes e ás ONGs de calquera tipo... de dereitos humanos, de homosexuais, feministas, de defensa das minorías... 
 
Cando en maio de 2021 o goberno bielorruso, de forma ilegal e con enganos,  fixo aterrar, un avión de Ryanair para deter ao xornalista Roman Protasevich, a directora de RT e Sputnik correu a felicitar a Alexandre Lukashenko.  Deixouno escrito en Twitter: “Nunca pensei que envexaría a Bioelrrusia por nada. Pero agora estou cimenta de certo xeito. Batka (Lukashenko) o fixo moi ben”. O delito de Roman Protasevich era dirixir unhas canles en Telegram, Nexa e Nexa Liv críticas co réxime do seu país.
 
En agosto de 2020 xornalistas de RT foron usados polo goberno bielorruso para romper a folga no medio de comunicación público BT, tomando o mando da cadea televisiva.
 
Hoxe vivimos a agresión imperialista dun país, Rusia, contra unha nación soberana, Ucraína. Un enorme Goliat contra un pequeno Davide. A loita dos ucranianos pola súa liberdade non só é nas rúas de Kiev, Járkov ou Mariupol. A loita do pobo ucraniano, a loita co pobo ucraniano, está tamén nas nacións democráticas europeas, nas súas prazas e nos despacho oficiais: nos non imos empuñar un fusil, pero podemos esixir que o noso goberno tome as decisións necesarias para apoiar a democracia ucraniana ante a agresión fascista.
 
As canles de propaganda do goberno ruso non son medios de comunicación, non son medios de información, son armas que se usan contra a independencia de Ucraína, e como tales armas de guerra é de xustiza paralas, impedir o seu uso. Non é censura: é solidariedade co pobo ucraniano, tamén solidariedade con xornalistas rusos perseguidos, solidariedade cos cidadáns rusos detidos nas manifestacións contra a guerra. 
 
Querer, como fai Pablo Iglesias, facer pasar por vítimas, por heroes da liberdade de prensa, a RT e a Sputnik, si é tomarnos por imbéciles. Pablo Iglesias saberá as razóns polas que se pon a carón dos verdugos.

Soldados na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína
Soldados na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína | Fonte: Cope-EFE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.