Rusia e Ucraína: Do esencial... e de todo o demais

No caso da invasión rusa da Ucraína, iso -invasión rusa da Ucraína- é o esencial. E punto, sen máis aditamentos, ou chamadas ás razóns profundas do conflito entre os dous bandos en liza, importantes pero non tan críticas.”

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 08/03/2022

Comparte esta noticia

Cando falamos ou escribimos dalgunha cousa é conveniente ter claro que é o esencial do asunto e que, a pesar incluso da súa importancia, non é o estritamente nuclear. Tal aseveración xa se viña practicando nos tempos clásicos, sendo moitos os autores que dedican unha moi importante parte da súa obra a reflexionar sobre que é o verdadeiramente esencial nun ámbito e que non. É unha viaxe á ontoloxía, a disciplina que estuda o ser en tanto que ser, tratando de libralo de todas aquelas rémoras que non fan outra cousa que complicar a análise, sen aportar moito máis á hora de poñer os argumentos diáfanos enriba da mesa.

No caso da invasión rusa da Ucraína, iso -invasión rusa da Ucraína- é o esencial. E punto, sen máis aditamentos, ou chamadas ás razóns profundas do conflito entre os dous bandos en liza, importantes pero non tan críticas. Non hai máis. Trátase dunha enorme agresión, con violación flagrante da máis sensible normativa internacional no tocante á inviolabilidade das fronteiras dun estado soberano, de forma que un estado agresor, que mobiliza á súa forza e penetra no territorio agredido, causa nel destrución e morte. Moita morte, como vemos estes días horrorizados nas canles de noticias. Todo o previo, que o hai, existe, é e está. Pero non é o esencial agora, e por tanto non pode pertencer á mesma categoría da nosa análise. É importante, si, pero non pertence a esta esfera conceptual.

É verdade que a Ucraína non tivo en conta os Acordos de Minsk, nos que se comprometía a facer unha serie de cousas para evitar a escalada de tensión con Moscova. É verdade tamén que no país agora violentado xa viña de largo unha guerra civil terrible, na que moitas persoas teñen morto e na que houbo violación dos dereitos humanos. E é verdade, porque distintas fontes o dan por probado, que non todo é trigo limpo na xestión disto polos sucesivos gobernos da Ucraína, nun escenario moi delicado e cheo de sobresaltos.

Si, todo iso é verdade, e tamén que a contenda entre rusófobos e rusófilos -moitos deles directamente rusos residentes neste país de “corta e pega”- ven de lonxe e está estragando calquera posibilidade de convivencia na rexión. Pero cada un destes elementos, preocupantes e moitos deles terribles, merece atención por separado, de maneira que non se mesturen co fío principal da nosa análise, que é o descrito no segundo parágrafo deste texto: a invasión da Ucraína polas tropas rusas é, en si, un acto execrable, constitutivo de declaración de guerra e que pon contra as cordas a toda a comunidade internacional.

Non caeremos nesta columna na tentación de entrar agora ao trapo dos maniqueísmos extremos e da simplificación dun filme de bos e de malos. Nin por asomo. Porque é verdade que a Rusia de hoxe vive con particular preocupación o reequilibrado de forzas dos últimos anos da rexión, e a posibilidade de que unha OTAN, á que considera propia doutra época, se lle poña mesmo ás portas do seu propio territorio. E xa sabemos tamén que nin nun bando nin no outro as cousas se fan por santidade ou por maleficencia pura. Non. É un conto de equilibrios de poder, e nisto as cousas están bastante atrapalladas. Ademais, se me apuran, a cuestión é o suficientemente complexa como para que na análise dun tipo coma eu se esquezan ou directamente non se coñezan algúns dos fíos sensibles cos que tecer o conxunto, saíndo entón a lóxica global do texto pola tanxente ou aínda peor... É complexa a cousa, amigos e amigas. E, coma sempre nestes casos, todos poden ter nos seus argumentos algún punto de razón.

Pero o que non vai a ningures é a actual saída de matón de patio de escola, traducida na invasión. Niso si que podemos ser contundentes, e é o esencial desta argumentación. Por moitos elementos que puidese esgrimir Vladimir Putin na súa visión persoal do tema, todos quedan desacreditados polas súas accións presentes. Porque poderase discrepar ou non con el, pero o que non cabe de maneira algunha é a decisión coa que todos nos despertamos hai uns días, e que se traduce en tanta destrución e morte. Así non.

É por iso que este artigo, mirando ao mar, é unha condena tallante e sen paliativos á agresión, sumándome a tantas outras columnas publicadas en tal liña neste e noutros medios. Non pode ser. Esta non pode ser a “metodoloxía de resolución de conflitos” dunha pretendida civilización do século XXI. Entendo que noutro tempo era posible que as cousas funcionasen así, pero agora non é de recibo. O triste é que, a pesar de tanto progreso en mil campos, non teñamos sido quen de poñer en marcha os medios efectivos, en todo este tempo, como para deter situacións esperpénticas, terribles e tan daniñas como a que estes días nos espanta e nos conmove, e que asolaga vidas e o futuro.


jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Mapa de Rusia e Ucraína
Mapa de Rusia e Ucraína

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.