Feijóo carga contra a ministra Ione Belarra e contra Pedro Sánchez por mantela no Goberno

O presidente da Xunta critica a ministra por chamar "partidos da guerra" a quen apoia o envío de armas a Ucraína para defenderse dos invasores rusos. Ciudadanos pide seriedade a Feijóo para ofrecer ao PSOE un Goberno sen Podemos.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 07/03/2022 | Actualizada ás 16:20

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargou contra Podemos e criticou a "falta de autoridade" do presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, por manter no Executivo á ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Ione Belarra. Todo iso despois de ser preguntado polas últimas palabras de Belarra, que este domingo chamou "partidos da guerra" a quen apoian o envío de armas a Ucraína, entre os que se inclúe o PSOE, o seu socio de Goberno.

A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, ofrece declaracións aos medios de comunicación no Congreso dos Deputados
A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, ofrece declaracións aos medios de comunicación no Congreso dos Deputados | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Feijóo mostrou o seu apoio ao Executivo central despois de "rectificar" e, en liña co resto de países europeos, enviase armamento ao conflito. "Creo que non se pode ser morno nin ambivalente ante un ataque á poboación civil e a un país soberano", reivindicou o titular da Xunta, quen asegurou que España non ten un Goberno "homologable" pola Unión Europea xa que ten uns socios que "non son homologables" e apóiase no Congreso en partidos "non homologables".

"Non hai ningún outro goberno en Europa que teña partidos como Podemos. Partidos que proveñen do Partido Comunista, que o representan e tamén ao populismo máis antieuropeo", lamentou Feijóo, quen reiterou o seu apoio ao Executivo ante o envío de armas a Ucraína porque "é a súa obriga".

CRÍTICAS A BELARRA

Así, criticou as palabras de Belarra, que foron "aplaudidas" por outra ministra (falando sen nomeala da ministra de Igualdade, Irene Montero) e que contan coa "ambivalencia" dunha vicepresidenta e doutro ministro (outra vez falando sen nomealos de Yolanda Díaz e de Alberto Garzón).

"Non soamente nos desacredita como nación, senón que acredita a falta de autoridade do presidente do Goberno. Un presidente non pode aceptar que unha parte do seu gabinete cualifique ao partido maioritario do Goberno como un partido de guerra e non pode, en ningún caso, aceptar que esas ministras sigan formando parte do Goberno coma se non ocorrese nada", reivindicou o tamén candidato a presidir o Partido Popular a nivel nacional.

Feijóo lamentou que estas palabras de Belarra supoñen unha "falta de respecto" cara ao pobo ucraíno, cara á liberdade, a democracia e cara aos españois.

"Constatamos que desde hai anos non temos un Goberno, senón un conxunto de políticos que o que lles interesa é o poder que outorga o Goberno, pero foxen da responsabilidade que debe emanar do propio Goberno", sentenciou.

O presidente galego lamentou o "disparate" que supón a invasión por parte de Putin a Ucraína e indicou que Pedro Sánchez non o chamou para falar do tema, pero si o número 2 da embaixada de Ucraína en España, quen lle pediu axuda para acoller refuxiados e camas para posibles feridos. Tamén lle solicitou chalecos antibalas, pero a Xunta non ten competencias nese aspecto e o Sergas ofreceu un quirófano móbil por se fose necesario.+

CIUDADANOS

O vicesecretario xeral e portavoz de Ciudadanos, Edmundo Bal, asegurou que aínda non mantivo contactos co PP ante o posible nomeamento, como presidente do partido, de Alberto Núñez Feijóo, ao que pediu "seriedade" para explorar vías de apoio ao Goberno que non fagan depender a Pedro Sánchez de Unidas Podemos.

Preguntado hoxe en rolda de prensa sobre se dialogou co PP para ofrecer ao PSOE unha alternativa sen Podemos, Bal dixo que por agora non houbo ningún achegamento máis aló do "tímido ofrecemento" que a portavoz 'popular' Cuca Gamarra fixo a semana pasada no Congreso dos Deputados. "Oxalá que este ofrecemento sexa serio. A seriedade demóstrase cos feitos", apuntou.

"Pídolle ao señor Feijóo seriedade", manifestou Bal, para quen non valen as ofertas "imposibles de cumprir, porque entón estás a facer en realidade unha pantomima". "Alegraríame moito comprobalo cos feitos, pero correspóndelles a eles".

Deste xeito, Bal reclamou ao PP pasar das palabras aos feitos, á vez que criticou a Feijóo por "calar" ao redor da aprobación da reforma laboral, cando os 'populares' votaron "de forma irresponsable" en contra dun acordo "bo" entre empresarios e sindicatos para "loitar contra a precariedade". "Que fixo Feijóo? Calar", contestouse a si mesmo o portavoz 'laranxa', para quen sería unha boa noticia que aparecese o "perfil máis pactista" do presidente de Galicia. Iso si, Ciudadanos ten "lexitimidade" para "sospeitar" que o ofrecemento de Gamarra ao PSOE "non vai de todo en serio", engadiu Bal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta