Rafael Pillado: “na Bazán sabían perfectamente que o amianto era velenoso, pero nunca nolo dixeron”

Dúas décadas despois de destapar o escándalo do asbesto nos estaleiros ferrolás, Rafael Pillado batalla cun cáncer mortal polo que irá a xuízo contra Navantia. “O meu proceso será unha defensa de todos os afectados. Non vale morrer en silencio na casa”.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/03/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Poño este exemplo porque é moi claro. Reformando un barco, nunha sala totalmente pechada. A miña parella saca un tubo. Collo o coitelo da caixa de ferramentas e corto o amianto de arriba a abaixo para deixar libre o tubo. Espárcese pola sala. Como eu amianto, come el amianto, comen todos os que estabamos naquel lugar”.

Rafael Pillado retratado no barrio de Caranza
Rafael Pillado retratado no barrio de Caranza | Fonte: GC

Rafael Pillado revólvese no asiento e palpa brevemente a parte baixa das costas. “Empézame a doer agora un pouco...”. Aí, detrás da roupa e a pel, está o cancro que lle diagnosticaron hai apenas hai un mes. Pulmón; consecuencia da terse exposto durante máis de 30 anos ao amianto que pendía no aire da Bazán, anegando as portas, os corredores, “todas as esquinas”. “Pensabamos que non tiña ningún efecto físico... non tiñamos nin puta idea”.

Se un presta atención á Historia decatarase da presenza duns fíos moi finiños que van unindo esta data con aquela outra, aquel pequeno motín con tal grande guerra. Pillado e os compañeiros de estaleiro foron loitadores antifranquistas activos, cos sucesos do 10 de marzo como cumio e pena da confrontación. Hoxe, 50 anos máis tarde, caen --ou caeron xa-- vítimas do amianto, un veleno patrocinado durante décadas polo réxime franquista.

É certo que o fibrocemento ou asbesto xa estaba presente na España da República. Un empresario catalán comezara a fabricala a pequena escala arredor de 1910. Pero o auténtico impulso chegou na posguerra, momento no que o réxime expropia a factoría para darlla a Juan March Ordinas, un simpático emprendedor das Baleares que fixera fortuna no contrabando do tabaco, vendendo armas a Marrocos na guerra contra España e outros moitos turbios acordos.

Pero a súa xogada mestra na materia dos negocios foi apoiar economicamente o alzamento nacional de Franco. Así foi como, tras a contenda, March logrou o monopolio exclusivo para importar e fabricar fibrocemento a través da empresa Uralita. E Uralita había en practicamente todas as casas, todos os alpendres... e todos os barcos da Bazán.

“Por todas as esquinas”, repite o vello dirixente, sentado na mañá de Caranza. Pillado mantén a voz firme para falar do fragmento máis aterrador desta vella historia: a familiariedade dos traballadores co material, o contacto diario con ese produto lixeiro e grisáceo que estaba a se asentar nos seus pulmóns sen que chegaran sequera a sospeitalo.

“Nun momento en Bazán facíanse moitas horas extras”, relata. “E a unha determinada hora, xa canso, na que ao mellor levabas 10 horas traballando, collías unha tea de amianto e apoiabas a cara nela para non tocar co ferro frío. Tamén, os aprendices e os traballadores máis novos podían coller un anaco de tella e lanzarlla a outro chaval novo. Non facía dano, era moi lixeiro. Era unha especie de xogo”

Os operarios da Bazán que queden deses anos lembrarán tamén ao compañeiro delineante que tivo durante décadas un anaco de amianto sobre o escritorio. “Era unha figuriña mecánica preciosa, que quedaba moi ben. E tívoa durante décadadas sobre o escritorio. Morreu do mesmo que vou morrer eu”, engade Pillado con enteireza.

OS PAPEIS DA BAZÁN

O diagnóstico deste sindicalista golpea como unha sorte de inxustiza poética: foi el quen, a cabalo entre o 99 e o 2000, destapou o escándalo do asbesto na Bazán. Todo chegou cun regueiro de funerais de vellos compañeiros. As coroas de flores íanse sucedendo nos meses, ata que lle chegou a quenda a un traballador que era “como un castelo”, conta, erguendo os brazos. Entón soubo que algo ía mal.

“Contactei coa dirección de CC.OO. en Madrid e xa me dixeron que iso tiña que ser polo amianto”. Chegaron entón as lecturas e a constatación do horror. Pillado lembra con cariño e fervor o papel que xogou La Voz na denuncia do caso. “Publicaron a miña entrevista en portada, e eu dixen o que había, que iso era de estar expostos no estaleiro”.

Unha das primeiras voces críticas co anuncio veu, paradoxicamente, do comité de empresa da factoría. “O que entón andaba de presidente con CC.OO. chamoume esaxerado e dixo que estaba creando alarma social. Esa expresión era algo que lles levaba cravando a empresa dende había tempo, estaban tentando agochalo”.

Pero o escándalo xa estalara, e era imposible volver botar a manta por riba do número cada vez maior de operarios que denunciaban ter síntomas compatibles. A Xunta accedeu a instalar unha unidade fixa de atención aos afectados e comezaron as revisións da man da doutora Carmen Diego, hoxe aínda á fronte da sección. Foi entón cando lle chegou a Pillado o diagnóstico da asbestose, que había de preceder en 20 anos ao temido carcinoma.

- Agardabas a nova do cancro?

- Non... pero non parvo de min.

“O amianto ten un tempo de latencia no corpo de entre 15 e 30 anos. Ata hai seis meses daba por feito que o esquivara, que xa rematara ese período. Pero non pasa, non pasa nunca”, exhala.

UN XUÍZO EXEMPLAR

Pillado fixo pública a diagnose hai apenas un mes, anunciando a súa intención de levar a xuízo á actual Navantia. O obxectivo do vello dirixente pasa por construír un proceso con dimensións públicas, que abra unha nova etapa nas reclamacións contra a empresa. Ata agora, explica, as familias levan a asbestose e os carcinomas derivados como unha sorte de vergoña que se sofre en privado. “As indemnizacións case nunca se fan públicas por medo. E se un non sabe o que cobrou o compañeiro seralle máis difícil reclamar unha cantidade xusta”.

Por iso incide na necesidade de facer “un xuízo en defensa de todos os demais”. “Non quero que a miña enfermidade sexa clandestina, como nos someteron á clandestinidade durante tantos anos. E que todo o mundo que teña enfermidades polo amianto saiba que non vale agochalo, que non vale morrer só nunha casa”, subliña.

O problema desta nova contenda social estará nos prazos. Pillado conta cun prazo vital que rolda o ano, e os xuízos polo asbesto adoitan ser pasto de dilacións polas reclamacións e atrancos de Navantia. “Pero o meu caso é distinto, xa me dixo o avogado, porque nunca fumei. No meu caso non teñen nada que alegar”, confía.

Pillado leva outra vez a mans ás costas e láiase da molestia. “Levo 30 anos cun pinchazo pequeniño aquí, na parte baixa do pulmón”, explica. Con 79 anos cumpridos, vive días intensos, a cabalo entre conferencias e entrevistas, sementando palabras de denuncia nas gravadoras e micrófonos que lle acheguen. E ten unha máis antes de marchar e perderse baixo o sol de Ferrol.

“Pouco despois de denunciar na Voz o tema do amianto, atopo na rúa a un xefe da Bazán ao que coñecía dende neno. Acaban de saír as miñas declaracións e dime «pero hombre, vamos a ver, cómo va a haber tantos afectados, eres un exagerado».Entón díxenlle: «la cuestión es que no tienes ni puta idea de lo que estás hablando». Sempre me alegro desa provocación porque me contestou: «si llevo desde finales de los años 50 siguiendo lo que pasaba en Estados Unidos con el amianto». Confirmábame que os membros da dirección coñecían perfectamente o risco que corriamos. E ninguén nos dixo nunca unha palabra, nin chegamos a ter ningunha protección”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta