Temas: FRASEOLOXíA

“(Traer # Levar # ...) Na palma da man # en andas # no peneiriño”, equivalentes ao castelán “(traer # llevar...) en palmitas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 13/03/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

En castelán, para indicar que se trata moi ben a alguén, con moito meco, e procurando compracelo en todo canto sexa posible, é habitual botar man da expresión traerlo # llevarlo... en palmitas.

Unha persoa se desinfecta as mans con xel hidroalcohólico. Foto de arquivo.. Ricardo Rubio - Europa Press
Unha persoa se desinfecta as mans con xel hidroalcohólico. Foto de arquivo.. Ricardo Rubio - Europa Press

Vexamos algunhas das expresións que se empregan en galego para dar conta dese mesmo contido:

En palmitas && En palmas

{= Cun trato [cara a alguén] moi obsequioso e cheo de meco, procurando compracelo en todo canto sexa posible.}

Na palma da man

Nas palmas da(s) man(s)

En andas

No peneiriño

Ex.: Hasta que se casó y se fue de casa, sus padres lo traían en palmitas y le cumplían todos los gustos.

Ata que casou e marchou da casa, seus pais traíano na palma da man nas palmas da(s) man(s) en andas no peneiriño e cumpríanlle todos os gustos.

NOTAS:

1. Coidamos que non é desrazoado pensar que a orixe da expresión levar # traer en andas pode estar no feito ou costume de levar figuras relixiosas en andas durante as procesións ou actos semellantes.

2. Para aqueles contextos en que o que fundamentalmente se expresa é que se anda con alguén con todo coidado para o tratar ben ou para non o ofender (e podendo indicar igualmente que se anda cunha cousa con moito coidado para non a estragar ou derramar), tamén se podería botar man das expresións que veremos na próxima entrega: andar con algo ou con alguén coma cos ovos.

3. A locución preposicional no peneiriño tamén presenta o “significado”, como veremos no seu día ó abordarmos a expresión castelá en el candelero, de “en situación en que se é obxecto de gran publicidade ou propaganda, ou de grande éxito, fama ou notoriedade”.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.

- Ibáñez Fernández, José: Diccionario galego da rima e galego-castelán. Publicado en 1950. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Santamarina, Antón (dir.) & Ernesto González Seoane & María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.

- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario castellano-gallego. Publicado en 1884. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta