A Deputación de Pontevedra convoca os Premios Provinciais á Xuventude e o Concurso Reacción polo Clima

Buscan estimular e promover o talento dos mozos da provincia no ámbito sociocultural e mostrar as súas reivindicacións no campo da loita contra o cambio climático.

Por E.P. | Pontevedra | 14/03/2022 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha a nova convocatoria dos Premios Provinciais á Xuventude e o Concurso Reacción polo Clima, que buscan estimular e promover o talento dos mozos da provincia no ámbito sociocultural e mostrar as súas reivindicacións no campo da loita contra o cambio climático, respectivamente.

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España.

Deste xeito, a partir deste martes, 15 de marzo, e ata o 15 de maio estará aberto o prazo de presentación dos traballos a ambos os certames, que en conxunto repartirán 36.000 euros en premios.

No caso dos Premios Provinciais á Xuventude, será a sexta edición duns galardóns que buscan estimular e recoñecer o talento, a traxectoria, o esforzo e compromiso dos mozos no dez categorías do certame: Iniciativa social, iniciativa empresarial, educación en valores, investigación, contido audiovisual, traballos musicais (coas subcategorías de música clásica e outros xéneros), traballo literario breve (con narrativa e poesía), banda deseñada, fotografía orixinal (con serie fotográfica e fotografía) e deseño e moda. En cada unha delas haberá tres premios, cun orzamento total de 32.000 euros.

A novidade este ano será a incorporación da modalidade de investigación, á que poderán optar proxectos no ámbito das ciencias e de humanidades realizados en centros de investigación e/ou universidades galegas. Admitiranse traballos rematados, presentados e publicados (incluíndo os de fin de grao), ou proxectos en fase de investigación avanzada.

Os premios están dirixidos a persoas de 16 a 35 anos, aínda que na categoría de Educación en Valores permitirase a concorrencia de proxectos de centros educativos nos que participasen alumnado de entre 12 a 18 anos.

Por outra banda, o concurso Reacción polo Clima, que chega á terceira edición, ten como finalidade promover a loita contra o cambio climático a través de manifestacións artísticas visuais, ademais de potenciar o talento da mocidade e mostrar as súas reivindicacións. Os galardóns están dotados de 4.000 euros, que se distribúen nun primeiro premio de 2.400 euros, un segundo de 1.000 euros e un terceiro de 600 euros.

Os traballos a presentar deberán realizarse en formato audiovisual, para o que se admitirá calquera tipoloxía empregada pola mocidade nas redes sociais ou medios de difusión similares (como Instagram, TikTok, Youtube...) e a súa duración máxima será de 2 minutos e medio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta