Ábrete de orellas

De como um projecto nasce da ilusom e o amor pola música sem fronteiras, isso é o programa “ÁBRETE DE ORELLAS” assinado por Pepe Cunha desde Ferrol. Aqui vos deixo uma transparente e decidida entrevista com Pepe onde vocês podem verificar em que médula se torna a comunicaçom musical neste canto da Europa. Ábrete de Orellas é um autofalante necessário e decididamente alternativo para quem quer conhecer e reconhecer o mundo da música sem bipartidismos, com as orelhas abertas a todas as ondas.

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Santiago | 29/05/2014

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Pepe Cunha
Pepe Cunha

Porqué decidiches comezar este programa. Qual foi o motivo principal no teu salto? E porque Radio Filispim.

O proxecto Ábrete de orellas comezou en Radio Kaos aló polo 1997. O irmán dun ex-compañeiro de instituto que conservaba casetes gravadas na casa e escritas coa miña letra propúxome participar na emisora universitaria cun programa músical no que compartir esa miña afección. Pensei que estaría ben ir compartindo as propostas musicais que me gustaban e ía coñecendo, desde a proximidade, sen pretensións de semellar enciclopédico ou erudito. Tiven boa resposta, collínlle gusto e seguín facendo máis horas, engadindo tamén unha axenda de concertos na ona de Ferrol.

A defunción de Radio Kaos deixou a ex-integrantes desa etapa con ganas de radio. Colaborei un par de anos en Diario de Ferrol recomendando discos e en Radio Fene no programa “A Encrucillada”. Pouco despois acudín á chamada de André “Pequeno Monstro” para falar con máis xente de crearmos unha emisora comunitaria, con todo o proceso que isto implica de asamblearismo nas decisións: finanzamento, local, equipo técnico, estatutos da asociación cultural (O.P.A.I.I.) ... No 2004-2005 comezou emitir Rádio Filispim e aí tiña que estar eu, polo menos durante un par de anos. “Ábrete de orellas” xa crecía en contidos, especialmente con máis presenza de artistas do país, pero a limitación a unha difusión local, a vida laboral e o cansanzo da implicación nas asambleas fíxome saltar á rede para administrar mellor o meu tempo e chegar máis lonxe. O meu regreso a Radio FilispiM nesta época de podcasts e redifusión na Internet era cuestión de tempo e materializouse en outubro de 2014. Esta etapa é unha volta ás orixes radiofónicas vencellada ao portal na internet.

Neste momento de exceso de informaçom que invade todos os recunchos do planeta qué desejas aportar com o teu trabalho?

Pois, dentro das miñas limitacións, o que indica o nome de “Ábrete de orellas”: unha apertura a diferentes estilos musicais. Agora a xente ten facilidade para procurar por si mesma o que lle gusta, co risco de quedarse no xa familiar ou recoñecible. Sempre gostei dos programas de autor, eses nos que o guión semella peneirar entre unha oferta abonda. Talvez non estean de moda, como amosa ese desmantelamento da referente Radio 3, e semella que estamos a construír unha especie de colmea con celas separadas por estilos ou tendencias. Precisamente cando máis acceso temos a calquera cousa! Eu tento de compartir pistas, achados, reflectindo un mínimo de diversidade. Así aprendín eu a gozar de músicas diferentes.

Qual consideras que é o papel fundamental da comunicaçom musical deste exceso?

Se non sabes que existen ou non tes posibilidade de que alguén chas presente, como vas saber que non te gusta outras propostas? A comunicación musical ten que apostar polo que considere merecedor de divulgación, argumentalo, criticalo, darlle visibilidade ás propostas e que despois a xente elixa. Aquí entra a dificultade de construír e amosar un certo criterio, unha perspectiva que boto en falla en demasiadas ocasións.

Qué podes atopar en Abrete de Orellas se tiveras que explicar-lho a quem nom conhece o programa?

Tanto na web como no programa de radio, atopas pistas, suxestions, recomendacións de discos e concertos no país, de artistas nos@s ou que nos visitan en xiras. Non están todas as que son, desde logo, pero aquí sabe que pode atopar recomendacións por riba de estilos. Hai outros medios máis concretos (música en galego, folque, escea alternativa, jazz ...) pero aquí tento de ser un punto de confluencia de músicas populares (entendido coma diferenciado da música clásica). Nun mesmo programa poden músicas ben diferentes e xa se di que quen moito abrangue ... pero acepto o reto.

Desde a tua experiência nas ondas em qué dirias que variou a música ao vivo na Galiza? E a música editada?

Vivimos baixo unha nube da precariedade económica e orzamentos apertados pero tamén chegou despois dun espertar unido a uns anos de visibilidade na radio e TV públicas. Resumindo, comezamos ver como o galego se expresaba tamén fóra do folque e o bravú. Edítase moito, as ferramentas abaratáronse, pero non hai distribución, divulgación ou un mercado normalizado. A min non me chegan todas as cousas que hai no país, porque hai quen edita dixitalmente, sen formato físico e non coida moito a divulgación. O positivo é o traballo das escolas de conservatorios de música, das de produción, imaxe e son, das iniciativas de apoio entre os propios artistas (Discos da Máquina, Metamovida ...) ... Subiu o nivel pero hai que ser autoesixentes e seguir traballando.

Qual pensas que é o melhor avance a nivel programaçom que conseguimos culturalmente?

A calidade, polo menos na presentación. Varias iniciativas e empresas pequenas están ben preparadas, teñen a ilusión necesaria e non carecen de profesionalidade. Hai propostas con calidade e os orzamentos axústanse con imaxinación e esforzo. Desgraciadamente, as institucións agora destinan menos cartos a cultura e poñen a tomar decisións a xente que non ten nin moita idea nin gusto. Ou non tan desgraciadamente, porque non hai moito se despilfarraba e acostumaba ao público á subvención, aos cachés pagados e os concertos de balde. Na actualidade hai que apostar pola imaxinación e un maior esforzo para convencer a quen ten que pagar, por unha entrada ou por unha produción.

Qué papel e lugar ocupa a música galega na sociedade atual galega e a música feita em espanhol desde aqui?

Desde a perspectiva de quen estamos moi en contacto co que aquí se fai podemos pensar que algunhas das cousas que escoitamos teñen repercusión entre o “gran público”, pero a realidade amósanos que son minoritarias. Desgraciadamente regresamos aos tempos nos que a exposición mediática é escasa. Os medios públicos non cumpren coa súa función de divulgar a cultura galega, polo menos a que se arreda do populista ou manido. Vivimos na militancia, na difusión pola Internet e as redes sociais. Quen quere música en galego ten que procurala (“Tres peixes voando”, “GZ Música”, “Radiofusión”, “PlanetaFurancho” ...); non lle vai chegar pola televisión ou a radio xeneralista. A música feita en español ou inglés ten algo máis de sorte por chegarnos de volta a través de emisoras estatais tipo Radio3. Hai tempo que non escoito radiofórmulas, pero si falo con xente “menos melómana” penso que vivo nun universo paralelo. Ás veces semella que nos teñen que dicir desde fóra que Budiño, Marful, aCadaCanto, Sés, Niño y pistola ou Magín Blanco prestan.

Se puderas variar o teu programa e aumentar conteudos, horarios ... qual seria a viragem que lhe darias?

Gustariame entrevistar artistas, realizar programas máis específicos, monográficos ... darlle un carácter máis didáctico. Isto implicaría adicar máis tempo pola miña parte e confeccionar máis horas de programa. Na actualidade temos tantas ocupacións ou distraccións que unha hora de programa xa nos parece atención abonda. Realmente ten máis repercusión o traballo no portal de internet e no facebook, así que teño que priorizar cara onde encamiño os meus esforzos, pois isto non deixa de ser un “hobby” por moito que o faga cun mínimo de profesionalidade. Non quero cansar nin queimarme.

Cómo vês o panorama profesional dos músicos nos palcos desde que tu comezaches o programa, qual foi-é o maior cambio a ter em conta?

Talvez a apertura de estilos expresados en galego. Nos palcos notei un crecemento en formación, profesionalidade, hai escolas tanto de comunicación como de producción, gravación e creación. Falta foguearse máis e probablemente con menos precariedade, pero é o que hai é cómpre tirar proveito do que hai e seguir aprendendo. Nos concertos gustaríame ver máis artistas vendo outras propostas. Penso que así se crece.


Ugia Pedreira - Cobrantas

Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais  que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ugia Pedreira Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço “para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade”. A Central Folque