Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2022 | Actualizada ás 20:00
O pasado luns 14 deixou unha nova que de seguro pasou desapercibida sobre a maior parte dos galegos: faleceu unha desas eternas princesas da realeza distante, muller do difunto conde de París. A princesa Micaela, contan dende a web francesa Histoires Royales, nacera en 1939 e finou con 83 anos por causas non espeficadas este pasado luns. O interese da historia é que esta muller de sangue azul tiña orixes galegas.
Así o relatan dende a publicación francesa nunha reducida nota, apuntando que Micaela Cousiño foi filla de Luis Maximiliano Cousiño. As raíces da familia pérdense no tempo, pero quedan claro dúas cousas: que se tratou dunha liñaxe acaudalada e que, malia ser orixinarios da Coruña, viviron durante séculos en Chile, moi probablemente como parte do éxodo migratorio sostido durante séculos en Galicia.
Segundo destacan na publicación realista francesa, a familia Cousiño marchou para Chile no século XVIII. Alí atoparon prata, instauraron varias industrias e fixéronse ricos. "O bisavó de Micaela foi deputado e o seu tataravó foi senador", inciden. Parece ser tamén que o 'palacio Cousiño' de Santiago de Chile foi o primeiro edificio de Sudamérica en ter enerxía eléctrica.
De acordo coas mesmas fontes, a princesa Cousiño fixo carreira en Madrid e París, exercendo nunha axencia de prensa e na edición. De 1978 a 1981 estivo a cargo da comunicación dentro do francés Ministerio do Orzamento, durante o mandato de Raymond Varre. De 1961 a 1966 estivo casada con Jean-Robert Boeuf, con quen ten un fillo, Alexis Francis- Boeuf .
Foi polo 74 cando coñeceu ao tamén Príncipe Henri d' Orléans, fillo maior do Conde de París. Casaron polo civil no 84 e outra vez --xa pola Igrexa-- en 2009. Á morte do pai de Henri, en 2009, este trocou en Conde de París, e Cousiño en Condesa; título que ostendou até a súa morte. O home morrera en 2019 aos 85 anos. Segundo explican dende a publicación francesa, a princesa de orixe herculina levou "unha vida discreta" até a súa morte o pasado luns.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.