Un proxecto europeo loita por sacar á luz os contaminantes das augas galegas

A investigación de Nor-Water pretende deseñar novos métodos para identificar os residuos tóxicos dos mananciais do país e o norte de Portugal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/03/2022 | Actualizada ás 20:41

Comparte esta noticia

O proxecto europeo Nor-Water conseguiu mellorar e deseñar novos métodos de identificación dos contaminantes emerxentes presentes nas augas superficiais costeiras e fluviais de Galicia e do Norte de Portugal. Ademais, tamén permitiu desenvolver ferramentas para mitigar a presenza destes compostos nos ecosistemas.

A Consellería do Mar informou nun comunicado que os resultados do proxecto permitirán implantar medidas de xestión ambiental para mitigar a presenza destes elementos e mellorar a eficiencia das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) de Galicia e tamén do norte de Portugal.

Os integrantes deste proxecto centraron os seus esforzos no últimos tres anos en desenvolver novos métodos analíticos e ferramentas de predición e modelado para os contaminantes emerxentes máis prexudiciais para os ecosistemas, así como fórmulas para mellorar a eficacia dos sistemas de tratamento para a súa eliminación.

As zonas que se estudaron no proxecto Nor-Water foron as costas e zonas fluviais do sur de Galicia e do norte de Portugal, en concreto, a ría de Vigo, os ríos Miño e Limia e os ríos Ave e Cávado. Á súa vez, tamén foron seleccionadas seis estacións depuradoras de augas residuais para o seu estudo.

Así, o grupo de expertos de Nor-Water realizou tres campañas en 2021 cun total de 100 mostras recollidas nas que se constatou a presenza de distintos contaminantes emerxentes. A Consellería informou que as tecnoloxías desenvolvidas permitirán "unha eliminación superior ao 80%" de 15 dos 19 contaminantes de interese emerxente seleccionados, obtendo auga tratada que podería ser empregada "con fins de irrigación".

Manancial de Pitarque, en imaxe de arquivo
Manancial de Pitarque, en imaxe de arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta