A lei galega de igualdade incluirá o concepto 'benestar laboral' en relación coa conciliación

Baixo este concepto abordaranse a conciliación e medidas para a igualdade de oportunidades, como o teletraballo, as substitucións por maternidade e a prevención de riscos de xénero, explicou a conselleira do ramo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/03/2022 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

A nova Lei autonómica de Igualdade incluirá o concepto de benestar laboral, relacionado coa conciliación e a perspectiva de xénero nas contornas de traballo. Así o avanzou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na inauguración do congreso 'Igualdade, Conciliación e RSE como motores da empresa', organizado por Galicia Novos Empresarios (AJE) co apoio da Xunta.

Baixo o paraugas de benestar laboral abordaranse as políticas de conciliación e un conxunto de medidas para garantir a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no ámbito do traballo, entre as que se inclúen o teletraballo, as substitucións por maternidade e a prevención de riscos de xénero, entre outros.

"A nova lei avanzará no concepto de benestar laboral, ao que dedicaremos un capítulo enteiro, e que está directamente vinculado á calidade do emprego feminino", especificou Lorenzana.

A titular de Emprego e Igualdade tamén informou de que a Xunta traballa nas bases da nova Certificación galega de excelencia en igualdade para empresas, "un distintto que diferenciará a aquelas organizacións comprometidas coa igualdade entre mulleres e homes, que destaquen na aplicación de políticas igualitarias, coa finalidade de recoñecer publicamente o seu labor e exemplo de boas prácticas".

Segundo explica o departamento autonómico nun comunicado, a Xunta está a reforzar os apoios á igualdade laboral e, en dous anos --2021 e 2022--, destinaría catro millóns de euros a apoiar a pemes e autónomos para promovela, así como a favorecer a conciliación e fomentar a Responsabilidade Social Empresarial. Ademais, este ano destinaranse máis de 16 millóns de euros --o triplo que en 2021-- a apoios transversais á conciliación e á corresponsabilidade.

INDICADORES DE DESIGUALDADE

Na súa intervención, Lorenzana lembrou algún dos indicadores que demostran que "aínda queda camiño por percorrer para facer da igualdade laboral unha realidade", como que só o 31% das mulleres en España ocupan postos de responsabilidade en grandes empresas; que o 90% das excedencias por coidado de fillos son realizadas por traballadoras; ou que un 75% das reducións de xornada tamén son para elas.

A conselleira tamén se referiu a unha enquisa recente realizada polo Club Malasmadres --que participa no congreso-- e que afirma que as mulleres nais e traballadoras "asumen custos laborais, persoais e emocionais". En base a eses datos, unha de cada dúas mulleres sufriu algunha perda salarial ao converterse en nai; o 65% recoñece ter menos dunha hora libre ao día: e o 73% sente cansada a diario como resultado das responsabilidades que asume.

"Debemos mellorar a sensibilización da sociedade e aumentar a concienciación das empresas", defendeu Lorenzana, que vinculou o benestar laboral coa produtividade das empresas, con alusión ao dato da Organización Internacional do Traballo, que indica que seis de cada dez empresas que promoven a igualdade laboral aumentaron os seus beneficios entre un 5% e un 20%.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comparece na Cámara galega
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comparece na Cámara galega | Fonte: Conchi Paz - Xunta de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta