1.500 persoas visitan a Casa Grande de Xanceda para mercar os iogures retidos polo paro no transporte

Os responsables da granxa ecolóxica non esperaban semellante acollida e agradecen aos seus clientes a axuda para poder darlle saída aos seus iogures.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/03/2022 | Actualizada ás 20:02

Comparte esta noticia

A granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda recibiu durante este fin de semana máis de 1.500 persoas que acudiron ao 'Xanceda Market', o mercado organizado polas persoas responsables do establecemento para dar saída aos lácteos almacenados que non puideron distribuír durante esta semana polo paro do sector do transporte.

Segundo confirmou a responsable de comunicación da empresa a Europa Press, Jessica Rey, a iniciativa foi un éxito e puideron vender todos os iogures almacenados nas súas cámaras e que non puideran chegar aos mercados esta semana. O paro do transporte situounos nunha situación "moi extrema", pola que mesmo tiveran que parar a produción durante dous días porque as cámaras estaban cheas de produtos e xa non tiñan máis capacidade para almacenar.

Pero desta "situación extrema" naceu a oportunidade de abrir as portas da granxa ao público para que comprasen, en primeira persoa e de forma directa, os iogures da marca e á súa vez coñecesen a orixe do produto que levan á boca nas súas casas. Neste sentido, Jessica sinalou que dunha situación de incerteza e inseguridades sacaron "cousas positivas", entre elas, ademais de conseguir dar saída aos seus produtos con descontos, que a súa clientela coñecese e gozase da granxa por dentro.

Outra idea que tiñan na Casa Grande de Xanceda para dar saída aos seus produtos almacenados era doar a mercadoría acumulada, pero tamén se atoparon con problemas porque os camións tiñan dificultades para trasladar a mercadoría a lugares como os bancos de alimentos.

ACTIVIDADES PARA TODOS OS PÚBLICOS

Por outra banda, ademais da venda de iogures, Xanceda organizou este fin de semana outras actividades para que puidese gozar todo aquel que se achegou a Mesía este fin de semana. Así, as persoas asistentes puideron acariñar os tenreiros máis pequenos, visitaron a sala de ordeño, posaron nun photocall especial montado para a ocasión ou mesmo puideron gozar dun peculiar 'rallye de tractores'.

Para recibir esta cantidade de xente nunha aldea, os organizadores tiveron que tomar medidas excepcionais, como habilitar alpendres ou o parking no que habitualmente se sitúan os tractores, para que puidesen aparcar os visitantes.A responsable de comunicación de Xanceda relatou a Europa Press que non se esperaban esta acollida, que superou "por moito" as súas expectativas. Como mostra, o feito de que o mércores ao mediodía anunciaron a iniciativa e ás 19,00 horas xa tiveron que pechar as inscricións. "Foi un tsunami", afirmou Jessica Rey.

REPETIR O 'XANCEDA MARKET'

Os responsables da granxa non descartan repetir esta experiencia noutras ocasións porque, aínda que recoñecen que é "imposible" realizala todos os fins de semana, si viron como a xente ten ganas de coñecer a orixe do produto que consomen e, en xeral, observaron que é unha experiencia que gustou.

En todo caso, polo momento, todo dependerá de como avance o conflito do transporte. Jessica Rey indicou que o paro deste sector afectou en gran medida o sector primario e en concreto ás granxas que teñen un produto ultrafresco que deben servir, se pode ser, nas 48 horas de fabricación.

Varias persoas compran produtos lácteos, mentres uns nenos xogan a ordeñar, no Xanceda Market , na granxa Casa Grande de Xanceda. Álvaro Ballesteros - Europa Press
Varias persoas compran produtos lácteos, mentres uns nenos xogan a ordeñar, no Xanceda Market , na granxa Casa Grande de Xanceda. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Algo bo saído da dinastía de La Voz (Augusto Assía e Victoria Armesto). Do milloriño, un pouco caros para mín...