Santiago e Chile únense para tecer redes feministas en torno ás carreiras científicas

A USC e a Universidade de Chile veñen de crear un espazo de diálogo para compartir expectativas sobre perspectiva de xénero.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Consolidar un espazo de diálogo feminista nas áreas de desenvolvemento, investigación, innovación e emprendemento é a meta que se persegue a través do proxecto ‘Innovación en Educación Superior (InES) Xénero 2021’. Esta iniciativa internacional na que participa a USC e que lidera a Universidade de Chile, acaba de celebrar a súa primeira xuntanza co obxecto de fortalecer a perspectiva de xénero na creación e transmisión de coñecemento.

Unha investigadora nun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite. USC
Unha investigadora nun laboratorio da USC. FOTO: Santi Alvite. USC

Para a responsable da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo, esta articulación é unha oportunidade de tecer redes feministas que transformen e innoven. "Compartindo experiencias na implementación de políticas de igualdade de xénero, avanzamos tecendo redes feministas. Imos colaborar cos Plans de Igualdade que son a folla de ruta na política de igualdade no ámbito universitario español dende o marco lexislativo establecido en 2007”, explicou. Deste xeito, “a USC é un referente no fomento de empresas de base tecnolóxica lideradas por mulleres e procesos de transferencia con perspectiva de xénero co programa Innovatia 8.3”, afirmou no encontro.

Ademais da USC, tamén interveñen no proxecto a Universidade de Murcia, Federal do Espírito Santo de Brasil e a Universidade Libre de Berlín en Alemaña, institucións todas elas que compartirán as súas experiencias en políticas e accións para a igualdade de xénero dende a educación superior e a innovación.

O vicerreitor da Universidade de Chile, Enrique Aliste, asegurou que este proxecto nace para diminuír as brechas de xénero no campo da investigación. "Empuxamos este proxecto que nos vai orientar sobre as estratexias que hai que tomar en materia de xénero”, sinalou. “Confiamos no traballo dun equipo sólido”, dixo. Ademais, no contexto chileno interveñen no proxecto a Universidade Metropolitana de Ciencias da Educación (UMCE), Universidade Arturo Prat (UNAP) e a Universidade de Aysén (UAYSEN). Tamén colaborará o Observatorio de Datos de Xénero e Interseccionalidades (ODEGI) para integrar a perspectiva de xénero na produción e análise de datos a nivel institucional.

Finalmente, o proxecto Gender STI da Comisión Europea que reúne a participantes de 16 países, apoiará o deseño de medidas que promovan a equidade de xénero en carreiras científicas, a toma de decisión e o contido da investigación e innovación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta