Falece un dos operarios feridos no accidente da refinaría de Repsol na Coruña

Os sindicatos esixen máis medidas de prevención na fábrica e denuncian que "non se pode sustentar" a política de subcontratación das grandes empresas na "precarización" das condicións laborais, nin en materia salarial nin "moitísimo menos" en prevención de riscos.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 29/03/2022 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

Un dos dous operarios feridos o accidente rexistrado o sábado na refinaría de Repsol na Coruña, cando se realizaban traballos de mantemento, faleceu, segundo confirmaron fontes consultadas por Europa Press e ratificou a empresa nun comunicado.

Concentración celebrada este martes ás portas da refinaría da Coruña polo sindicato CC. OO.
Concentración celebrada este martes ás portas da refinaría da Coruña polo sindicato CC. OO. | Fonte: CC.OO.

Trátase dun home de 35 anos que resultou ferido grave nun sinistro laboral orixinado por un escape de gas nunha zona da planta que estaba nunha parada técnica programada. O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia foi informado o suceso preto das 11,15 horas polos servizos de emerxencias da industria, quen mobilizaron un equipo interno de seguridade para atender os afectados.

Por este accidente, constituíuse este luns unha comisión de investigación que está a solicitar información sobre o sucedido. Ademais, o comité de empresa convocou unha concentración este mediodía en apoio ás familias.

SINDICATOS ESIXEN MÁIS SEGURIDADE

Os sindicatos reclaman máis medidas de prevención na refinaría. Nunha concentración convocada ás súas portas, coa participación dunhas 300 persoas, segundo os convocantes, o secretario xeral de CC.OO. Industria de Galicia, Víctor Ledo, denunciou que "non se pode sustentar" a política de subcontratación das grandes empresas na "precarización" das condicións laborais, nin en materia salarial nin "moitísimo menos" en prevención de riscos que deriven nunha situación "dramática".

Ledo insistiu en que é un traballo cuns riscos "importantes" e os traballadores que están a acometer servizos de mantemento deben ter un grao de "cualificación importante" e "experiencia".

Pola súa banda, o responsable comarcal de Industria de CC.OO. da Coruña, Arturo Julián, asegurou, en relación ás medidas de prevención, que unha refinaría "non é unha charcutería". "Isto é un polo petroquímico", remarcou, argumentando que os empregados traballan "día a día" con "tóxicos penosos e perigosos". Por iso, solicitou "á empresa principal" que "extreme ao máximo" as medidas de seguridade.

DEPURAR RESPONSABILIDADES

Á súa vez, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril esixiu que se depuren responsabilidades. Despois deste último sinistro laboral, manifestou que xa están "fartos" de que "con frecuencia" e "especialmente nas paradas" se produzan accidentes que "sempre quedan a medio aclarar", á vez que reclamou medidas de seguridade.

En relación ao proceso de investigación que está en marcha, afirmou que "chove sobre mollado" porque xa se viviron accidentes anteriores con "tráxicos resultados". Respecto a investigación, o delegado da CIG na refinaría, Ventura Agís, en declaracións a Europa Press, confirmou que na actualidade está a solicitar datos pero non hai información "concluínte" sobre o que pasou.

"EXHAUSTIVA E RIGOROSA"

Neste sentido, Víctor Ledo manifestou que CC.OO. vai esixir tanto a Repsol como a Nervión --a empresa auxiliar-- unha investigación "exhaustiva e rigorosa" sobre os motivos do accidente e asegurou que "se hai algunha irregularidade" actuarán de maneira "totalmente drástica" contra os responsables deste accidente.

Respecto da comisión de investigación, Arturo Julián trasladou o seu descontento por estar composta "exclusivamente" por persoal de Repsol. "En ningún momento se conta coa representación dos traballadores das contratas, que teñen moito que dicir neste campo", sentenciou. Neste sentido, o delegado de prevención de Nervión, Iván Cernadas, asegurou que non sabe "nada" de Repsol. "Nin unha chamada", lamentou.

"TEMPADA 'LOW COST'"

A ligazón sindical de Nervión, Esteban García, reivindicou durante o acto a necesidade de formación dos traballadores. "Estamos nunha tempada 'low cost'", dixo en referencia a que as condicións das contratas son inferiores ás que se pide a outros traballadores que poidan estar en persoal. García engadiu que os compañeiros do falecido o que demandan é saber a verdade. "Non queremos botarlle a culpa nin a Repsol nin a Nervión", pero demandou que "non empecen a tapar cousas que non deban tapar".

Pola súa banda, UGT manifestou, nun comunicado, que esperan que tanto a comisión de investigación de Repsol como as autoridades competentes esclarezan os feitos "o máis axiña posible". Mentres, o comité de empresa da refinaría de Repsol A Coruña convocou unha concentración na porta de Bens, ás 14,45 horas.

REPSOL

Repsol trasladou as súas condolencias á familia e convocou un minuto de silencio o mércores ante as instalacións. Nun comunicado, lamentan "profundamente" a morte deste traballador dunha empresa auxiliar, contratada por Repsol para a parada programada da área de conversión da refinaría. Xunto a el, resultou ferido outro operario.

A compañía, en nome dos seus traballadores, transmite o seu pesar aos familiares e á empresa na que traballaba. Ademais, indica que en sinal de do se suspenden os traballos de parada e de mantemento programado durante o día de hoxe. Así mesmo, informa que mañá mércores, día 30, ás 12,00 horas, gardarase un minuto de silencio na refinaría. Por outra banda, lembra que ten aberta unha investigación para aclarar as causas do accidente.

CONCENTRACIÓN

Traballadores secundaron este mediodía ante a refinaría coruñesa unha concentración silenciosa como mostra de solidariedade coa familia do operario falecido tras o accidente rexistrado o pasado sábado, no que resultou ferido outro traballador. Fixérono ás portas da instalación despois da convocatoria feita nesta mesma xornada polo comité de empresa para mostrar o seu apoio e solidariedade tanto á familia do compañeiro falecido como á do outro traballador ferido.

"Foi para transmitir o noso apoio", expuxo o vicepresidente do comité de empresa, Alberto García, que explicou que por agora se segue á espera dos resultados da comisión de investigación constituída o luns.

Mentres, por parte da compañía convocouse para este mércores, ás 12,00 horas, un minuto de silencio tras un accidente que se produciu mentres que os dous traballadores dunha empresa auxiliar realizaban labores de mantemento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta