A CIG en contra do plan de Sánchez contra a guerra: "a crise social que a pague o capital"

Paulo Carril, considerou "inxusto" que se aumente a partida para Defensa "cando a carestía da vida segue imposible".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/03/2022 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

Delegados sindicais da CIG mobilizáronse en distintas cidades galegas para demandar un plan de rescate "contra a pobreza" e esixir a Goberno e Xunta cambios profundos nas políticas económicas e fiscais. Fixérono na Coruña, onde ao redor dun centenar de representantes sindicais concentráronse ante a Delegación do Goberno, e tamén en Pontevedra, Lugo e Ourense.

As mobilizacións tiveron lugar con motivo da aprobación, en Consello de Ministros, do plan de medidas ante as consecuencias económicas da guerra de Ucraína e cunha pancarta co lema 'Contra a pobreza. Políticas públicas e salarios dignos'. Na protesta da Coruña, os participantes secundaron proclamas como 'A crise social que a pague o capital' ou 'A solución, a intervención', dixeron en relación ao mercado enerxético.

En declaracións aos xornalistas, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, considerou "inxusto" que se aumente a partida para Defensa "cando a carestía da vida segue imposible". Ademais, demandou un plan de rescate con medidas como a intervención no sector eléctrico ou fixar o prezo dos carburantes tomando como base o importe medio que existía en gasolineiras o pasado 24 de febreiro.

En relación ao prezo da luz, Carril instou o Goberno a unha intervención pública no sector eléctrico "para fixar unha tarifa que poida garantir unha vida digna". "Existen mecanismos legais para facelo", sostivo, ademais de volver reclamar unha tarifa eléctrica galega.

Xunto ás demandas ao Goberno, expuxo tamén actuacións por parte do Executivo galego, ao que dixo ver máis "preocupado" pola sucesión do presidente Alberto Núñez Feijóo. En particular, criticou a ausencia de medidas "para defender o sector primario".  Por outra banda, avanzou que convocaron para o 5 de abril unha mobilización en Santiago de Compostela "en defensa do emprego e da industria".

Concentración de delegados da CIG. CIG
Concentración de delegados da CIG. CIG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta