Temas: FRASEOLOXíA

“Quen non ten que facer sacha os nabos”, equivalente, entre moitas, á castelá “cuando el diablo no tiene qué hacer, mata moscas con el rabo” (1ª parte)

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/04/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para dar conta dunha situación en que alguén está a facer algunha cousa inútil ou pouco produtiva, ou en que simplemente está a pasar o tempo, por non ter nada que facer, con algunha cousa que consideramos banal ou mesmo negativa, en castelán pódese botar man, entre outras, da paremia cuando el diablo no tiene qué hacer, mata moscas con el rabo.

Cunca de caldo galego
Cunca de caldo galego | Fonte: carlosviajero.blogspot.com

En galego tamén imos ben servidos de paremias empregables nesa mesma situación, como imos ver deseguido (precisamente, e dada a considerable cantidade de paremias que fornecen este mesmo “significado”, imos dividir o presente artigo en dúas entregas, en prol de non saturar con demasiada información os lectores):

Cuando el diablo no tiene qué hacer, mata moscas con el rabo # espanta moscas con el rabo

Cuando el diablo no tiene qué hacer, con el rabo mata moscas # con el rabo caza moscas

Cuando el diablo no sabe qué hacer, mata moscas con el rabo

Cuando el diablo no tiene qué hacer, coge la escoba y se pone a barrer

[E, MÁIS COLOQUIAL OU POPULAR]:

Cuando el diablo no tiene qué hacer, abre el culo y papa moscas

{= Paremias que se lle aplican a alguén que está ocioso e, por pasar o tempo, se pon a facer algo inútil, banal ou de pouco proveito, ou ben algo que non nos gusta, que consideramos que non ten xeito nin dereito ou que temos por negativo.}

Quen non ten que facer sacha os nabos

Quen non ten nada que facer sacha os (seus) nabos antes de nacer

Quen non ten que facer, os zapatos espiolla

[E MAIS]:

Quen non ten que facer, os seus nabos sacha antes de nacer

Quen non ten que facer sacha o nabo antes de nacer

Quen non ten que facer, os seus nabos sacha

Quen non ten que facer vai sachar os nabos antes de nacer

Ex.: —Siempre ha sido un solterón convencido, pero dicen que ahora que ha cogido el retiro se dedica a navegar por internet a ver si encuentra alguna novia. —¡Bueno, hombre, cuando el diablo no tiene qué hacer, mata moscas con el rabo!

—Sempre vos foi un solteirón convencido, pero disque agora que colleu o retiro se dedica a navegar por Internet a ver se atopa algunha moza. —¡Vaites, ho, quen non ten que facer sacha os nabos (antes de nacer) quen non ten que facer, os zapatos espiolla!

● Tamén:

Quen non ten que facer sacha os nabos e o alcacén && Quen non ten que facer, os seus nabos sacha e o alcacén

● Tamén:

Quen non ten que facer manga a macheta && Quen non ten que facer, co rabo ata as moscas && Quen non ten que facer compra unha cabra e vólvea (a) vender && Quen non ten que facer compra unha casa e vólvea (a) vender && Quen non ten que facer tira coa casa e vólvea (a) erguer && Quen non ten que facer íspese e vístese && Quen non ten que facer dedícase a dar auga por un canado

NOTAS:

1. En relación coa paremia quen non ten que facer sacha os nabos, cómpre mencionar que na zona de Asturias rexístrase unha case idéntica: quien no tiene qué haga, sus nabos salla.

E para ofrecermos a orixe ou o porqué desta paremia, reflectimos a explicación que se fornece, por exemplo, na obra Refranes o proverbios del comendador Hernán Núñez (1804):

“El asturiano llama sallar al escardar, que no es necesario en el nabal”.

2. Téñase tamén en conta que en todas estas paremias se pode substituír o pronome quen pola locución o que, que é precisamente a que máis se rexistra para elas: O que non ten que facer sacha os nabos.

3. Polo que atangue ás paremias quen non ten que facer sacha os nabos e o alcacén e mais quen non ten que facer, os seus nabos sacha e o alcacén, cómpre comentar que a forma orixinal que se rexistra nas mesmas non é a normativa alcacén, senón a variante alcacer, a cal nos proporciona en orixe unha rima consonante (facer / alcacer).

4. Respecto de quen non ten que facer manga a macheta, lembremos que, en por si, mangar a macheta tamén constitúe un ente fraseolóxico mediante o cal damos a entender que alguén non está a traballar ou non está a facer nada produtivo, ou que está a facer moito menos do que sería de agardar, tal e como xa recollemos no artigo “Non dar/pegar pancada”, “non dar/pegar pandolada” ou “non facer branca”, equivalentes, entre bastantes outras, á castelá “no dar un palo al agua”.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Sobreira Salgado, Juan: Material lexicográfico elaborado por Juan Sobreira Salgado entre 1787 e 1805. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Vidal Castiñeira, Ana: “Aproximación ó ‘mínimo paremiolóxico’ galego. Unha proposta didáctica”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 79-116. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- VV.AA.: Refráns e ditos da Ulla. Obra á que no seu día se accedeu a través de Internet, e que hoxe en día non se atopa dispoñible.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta