A 'Semana Santa ao vivo' volve a Allariz, dous anos despois

A música ao vivo terá un protagonismo especial nas rúas desta vila ourensá do 14 ao 17 de abril. As actuacións, que contemplan distintos estilos musicais, faranse en horario de mañá e de tarde. O concello convida tamén a participar en diferentes actividades divulgativas e a visitar os seus museos.

Por X.M. Fernández | Allariz | 01/04/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Cristina Cid, Alcaldesa do Concello de Allariz, e María López, concelleira de Promoción Económica, Comercio e Turismo presentaron na mañá deste 31 de marzo a programación para a edición deste ano da "Semana Santa ao Vivo", ciclo que retoma a súa actividade despois de dous anos de parón por mor da pandemia.

Presentación do programa da 'Semana Santa ao Vivo'. Foto: Prensa Concello de Allariz
Presentación do programa da 'Semana Santa ao Vivo'. Foto: Prensa Concello de Allariz

A música ao vivo terá un protagonismo especial nas rúas da vila alaricana. Do 14 ao 17 de abril, en horario de maña e de tarde, diferentes estilos musicais terán cabida na programación de Semana Santa. Dende o xoves ao domingo tanto veciños e veciñas como os/as visitantes a Allariz poderán gozar destas actuacións de rúa en horario de 12.00 a 14.00 y de 18.00 a 20.00 horas.

OUTRAS ACTIVIDADES

Dentro da oferta divulgativa comentar que para os máis pequenos e pequenas da casa haberá dous roteiros que desvelarán as peculiaridades agochadas de Allariz. Serán o venres 15 e o sábado 16 ás 17:00 h. A actividade será de balde pero ten prazas limitadas co cal cómpre anotarse enviando un correo a participa@allariz.gal. A idade para participar será dos 6 ao 12 anos. 

Haberá visitas guiadas para coñecer o patrimonio histórico e cultural de Allariz. No que respecta ao casco histórico, están programadas para xoves, venres e sábado. Para anotarse deberase enviar un correo a informacion@allariz.gal ou na Oficina de Información e Turismo de Allariz. O custe destas visitas serán de 5 €.

Museo Galego do Xoguete de Allariz
Museo Galego do Xoguete de Allariz | Fonte: GC

No relativo a visitas fóra da vila, existe a posibilidade de achegarse a Santa Mariña de Augas Santas e Cibda de Armea dende o 10 ao 17 de abril ás 11:00h. O punto de encontro cos interesados e interesadas será o aparcadoiro de Santa Mariña de Augas Santas. Toda a información e reservas en www.celtiatravel.com.

Outra opción interesante para aproveitar é visitar museos. O Museo da Moda e o Museo Galego do Xoguete ampliarán o seu horario para estes días. Estarán abertos a todas aquelas persoas que se acheguen a visitalos o 9, 10, 14, 15, 16 e 17 de abril de 11:00h ás 14:00h e de 17:00h ás 19:00h. O 11, 12 e o 13 de abril estarán abertos no mesmo horario aínda que soamente de mañá.

Para completar a estancia, ou o paso pola vila, pódese coñecer tamén o traballo que fan nas instalacións do Ecoespazo e Centro Medioambiental O Rexo --horario de 12:00 a 14:00 h. (pola mañá) e de 16:30 a 19:30 h. (pola tarde)--, ou coñecer as elaboracions dos artesáns locais nunha mostra que haberá na Paneira. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta