O Castelo de Sobroso, preparado para acoller visitas que busquen "experiencias únicas"

Vén de inaugurarse a musealización deste espazo, que está adaptado ás novas tecnoloxías.

Por E.P. | PONTEVEDRA | 04/04/2022 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou este luns na inauguración da musealización do Castelo de Sobroso, un traballo posible grazas á colaboración entre a institución provincial e o Concello de Ponteareas e que converterá a esta infraestrutura nun dos polos de atracción turística da provincia.

"Esta musealización vai servir para que moita xente veña visitarnos, pero tamén para que todos nós nos sintamon grandes, porque somos, e sempre fomos ao longo da historia, un pobo grande", dixo Silva. A xornada de inauguración do Castelo de Sobroso vestiuse de trasgos e seres do Bosque Atlántico coa produción 'Bosque vivinte', a cargo das actrices de Serán Animación, a través da cal criaturas da natureza de Sobroso deron a benvida ao público asistente.

Da súa man, e da do director da musealización, Antoni Nicolau, as persoas convidadas coñeceron o proxecto desenvolvido no castelo, que, unido a Soutomaior, converte a provincia no único destino galego con espazos fortificados musealizados e adaptados ás novas tecnoloxías, para atraer así visitantes que demandan "experiencias únicas".

Carmela Silva destacou que neste lugar "aconteceron sucesos moi relevantes" e sinalou que "esta musealización permite poñer en valor a longa historia" como pobo, "descubrindo desde a figuras moi relevantes ata acontecementos que tiveron a grandes mulleres e homes como protagonistas".

Neste campo, a presidenta detallou o papel de Dona Urraca, "a primeira raíña de Europa", ou o paso polo castelo da feminista Emilia Pardo Bazán. "Non é que esteamos feminizando o castelo, é que por aquí pasaron grandes mulleres, que deixaron unha pegada moi potente", destacou.

Tamén se detivo na figura de Alejo Carrera, "que fixo o que moitos mecenas, non permitir que morrese o noso patrimonio, reconstruír o castelo e permitirnos que hoxe teñamos esta xoia". Todas estas figuras, así como a historia de trobadores ou profesionais da cantaría ou as lendas relacionadas con este espazo teñen o seu lugar na musealización de Sobroso e comparten protagonismo co territorio e a contorna.

Inauguración da musealización do Castelo de Sobroso.. RAFA ESTEVEZ
Inauguración da musealización do Castelo de Sobroso.. RAFA ESTEVEZ | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta