Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Santiago | 19/06/2014
Que é para ti o jazz em definiçom?
Para min o jazz, ademais de ser unha das músicas más universais que coñezo, é principalmente un xénero onde a personalidade e particularidade de cada músico teñen un valor especial. Aínda que esta característica non é exclusiva do jazz, si é certo que nesta música adquire unha gran relevancia e valórase moi positivamente que cada intérprete ou compositor aporten algo propio, do seu propio xeito de entende-la música e da súa propia experiencia.
O jazz ten unha incríbel capacidade para fundirse tamén con outros xéneros, para recibir aportacións de mundos musicais moi diversos. É, ademais, como unha terra moi fértil onde a creatividade xurde sen que ninguén a poida conter.
Explica-nos que podemos atopar no teu novo disco para quem seja consumidor de jazz e para quem nom o seja.
En “Crónica cromática”, o novo cd do noso quinteto pódense atopar varias cousas… Por unha banda, o cd contén once composicións orixinais miñas concibidas especialmente para este quinteto. Dentro destas composicións hai no disco algunhas tocadas polo quinteto, outras a cuarteto, a trío e a piano solo. Estas composicións, este xeito de escribir música dentro do jazz, penso que é moi persoal posto que antes de eu me adentrar neste mundo xa tiña un percorrido e unha formación ampla como músico de clásica ou como compoñente de Tangata (cuarteto de tango instrumental) dende había moitos anos. Toda a información e experiencia acumulados logo de bastantes anos confluíron aquí de xeito inevitábel, quixera eu ou non, xa non tiña remedio. A música que escribo está chea de influencias de todo o vivido, tocado e escoitado con anterioridade. Sinceramente, penso que aí é onde pode estar o máis interesante da miña humilde aportación a esta música.
Logo da gravación de “Experianza”, o noso cd debut coma quinteto, puiden comprobar polo que me comentaron varias persoas que acudiron aos nosos concertos que a moita xente que non era fiel seguidora do jazz, ou que incluso afirmaban que non lles gustaba, que a nosa proposta si lles gustaba. Eu penso que neste punto pode ter que ver o comentado anteriormente, que é unha música feita de outras moitas músicas e que ten un discurso que te vai levando.
A improvisación ten un papel fundamental nesta música, como en todo jazz loxicamente, mais tamén o teñen as partes non improvisadas e arranxadas. Polo que sei de amigos e amigas que xa escoitaron este novo traballo e que non son sospeitosos de ser seguidores do jazz é un traballo que se deixa escoitar moi ben.
Qual é a tua maior fonte de inspiraçom á hora de componher?
A miña maior fonte de inspiración para facer música é a música mesma. Acontece que cando escoito música a miña cabeza énchese de ideas e sinto un desexo imparábel de compoñer. Hai días nos que quixera escribir e síntome baleiro, sen ideas, ou sen ideas que me gusten ou convenzan e descubrín que o antídoto é poñerme a escoitar música e case sempre funciona.
Ás veces tamén acontece que a música sae do silencio, da inactividade, do repouso, do distanciamento. Cando acontece deste xeito encántame.
Qué proporciona a infáncia, os teus filhos nesta etapa da tua carreira musical?
A xulgar polo acontecido dende o momento no que apareceron os meus fillos na escena da vida teño que dicir que a infancia debe ser un auténtico revulsivo da creatividade, pois o primeiro traballo que fixen con composicións miñas ,“ Experianza”, gravado a quinteto foi feito aos dous meses do nacemento do meu segundo fillo, composto durante os primeiros anos do meu primeiro fillo. Nese traballo hai un tema adicado a cada un deles.
Paradóxicamente todo apunta e moita xente así o anuncia, que cando vas ter fillos acabouse todo, xa non vas ter tempo para nada e non poderás adicarte ao que máis che gusta. Evidentemente prodúcense cambios moi importantes, de horarios, de prioridades, e un deixa dese-lo centro pasando a ocupalo os nosos fillos. Mais no meu caso concreto penso que me aportaron unha enerxía e unha gañas inmensas de facer música e de compoñer. Eles son o principal neste momento e lévante ao seu terreo, ao seu mundo o cal inevitablemente aporta novas visións e novas ideas.
Polo que sei fixeches este projecto enteiro, fixeches o seguimento até o resultado final que é chegar aos cenarios e tendas mas, cómo é que chegaches a este ponto autogestor? Tas contento com ele?
Non foi unha decisión premeditada nen moito menos. De feito nun principio tiña bastante claro que esta edición se faría cun selo discográfico. O que barallamos en primeiro lugar foi Azos Jazz, selo co que xa editáramos o noso primeiro traballo como quinteto e co que estábamos moi satisfeitos, incluso xa nos reuníramos con eles e desa reunión saímos pensando que habería continuidade. Por outra banda, e por escoitar e coñecer outras propostas e xeitos de traballar e non pecharnos nunha soa opción por boa que fora para nós, quixemos reunirnos con A Central Folque e tamén desa reunión saímos moi satisfeitos e a proposta semellaba moi interesante, realista e sinceira.
Mais,os acontecementos que se sucederon escaparon ao noso control previo. Ao entrar en escena Jose María Arrizabalga (encargado de todo o deseño, maquetación e proceso de fabricación) virou o rumbo das cousas, xa que o seu proxecto non ía entrar na editorial de Azos. Outro dos factores que foi moi determinante foi o tempo, o tempo no que agardábamos polas propostas definitivas, xa que nós tiñamos fixada unha data para que o disco estivese feito que coincidía cunha xira que fixemos por algúns puntos do estado español. Así que vímonos na obriga de tomar unha decisión e optamos pola autoedición.
Non te podería dicir si foi acertada ou non ou si o saberemos algún día, o que si é certo é que supuxo unha tremenda aventura o feito de seguir todo o proceso e ter que encargarnos de todo. Aquí foi fundamental o apoio de Lolo Nantes, amigo e autor do cadro que aparece no cd. Estou moi contento de ter sacado adiante este traballo e máis ao ver como quedou finalmente, pero teño que confesar que é agotador, que é un tipo de traballo do que un músico non deberá encargarse, é demasiado gasto de enerxía e un enorme esforzo en todo-los sentidos, é de tolos! Agora, a satisfacción de velo aí tal e como quedou tamén é enorme.
Quem é a tua banda masculina, esa que te segue e te apoia?
Eu sempre digo que son un privilexiado por poder contar cun grupo humano de tanta calidade e que se entregaron a este proxecto dende o primeiro día. De feito eles foron os responsables de que nos metéramos a gravar a música que eu escribo dende un primeiro momento, empurrándome e animándome a tomar esa decisión. A súa entrega e profesionalidade son admirables, sempre están dispostos a traballar e a tentar de mellora-las cousas, e levamos así case que cinco anos… E ademais son grandes amigos!
Na Galiza contamos cun elenco de saxofonistas verdadeiramente importante e de moitísima calidade, mais para min Rosolino Marinello, nado en Detroit mais siciliano ata a medula, é o home ideal para este proxecto polo seu xeito de entende-la música, pola súa linguaxe e o seu tipo de son. Cando escoitamos música xuntos dinme de conta de que tiñamos gustos case que idénticos.
Contar na guitarra coa elegancia e o bo gusto de Felipe Villar é tamén todo un luxo. Tamén posúe un son moi fermoso e sempre toca o que ten que tocar, sen excesos, moi atento para dar as notas xustas en cada momento, o que dá ao conxunto sempre limpeza e claridade .
A solidez do contrabaixo de Juansy Santomé, músico que tamén procede de outros xéneros musicais coma o folk ou o rock e para min un valor engadido. Non precisa de tocar moitísimas notas para dicir moito, algo que valoro especialmente e é un apoio importantísimo como parte da sección rítmica.
Javier Barral é un batería capaz de desempeñar un papel moi melódico, de facer un traballo orquestral dende o seu instrumento e cunha ampla formación en moitísimos campos que non dubida en levar á práctica dentro do proxecto cando ten ocasión. Cando se trata de desenvolver un traballo rítmico a súa función e bo facer son incuestionables.
O dito, excelentes músicos e fantásticos profesionais que creron neste proxecto e continúan a apoialo con moito esforzo e corazón.
A música todopoderosa tem uma funçom de ser, porque e para qué fas música?
Moitas veces, demasiadas diría eu e máis nos tempos que corren, escoitamos dicir á xente que o mundo non se pode cambiar ou que un só ou uns poucos non van cambiar o mundo e verdadeiramente si o valoramos dende a perspectiva da situación de guerras, inxustizas, desastres, miseria e demais semella que vai ser moi difícil mudar algo máis non imposible e nunca podemos deixar de tentalo.
Non se me pasa pola cabeza que so facendo música imos cambiar o rumbo das innumerables crises e desfeitas que atravesa o noso planeta nin son tan pretensioso de pensar que a música vai salvar a humanidade. Mais, visto dende unha óptica máis pequena, penso que cada día cos nosos actos estamos transformando cousas. Todo o que facemos os seres humanos a cada momento fai que o mundo xa non volva a ser o que era nun instante anterior. Dalgún xeito tamén ao facer música mudamos algunhas cousas por pequenas e insignificantes que poidan ser. Acaso cando tocamos para alguén ou cando alguén escoita unha gravación dun músico non estamos xerando cambios no seu sentir ou pensar? A música é vital para as persoas, é un dos grandes legados que nos deixaron os nosos ancestros, e é un dos maiores agasallos dos que podemos desfrutar as mulleres e homes da Terra.
Para min converteuse en algo fundamental, nunha necesidade, nun xeito de vida. É o meu traballo e tamén é a miña paixón. É o vehículo para poder expresar aquelas cousas para as que as palabras non chegan, aquelas cousas que moitas veces nen sabes de onde saen. É aquilo ao que lle entrego unha parte moi importante da miña vida e é aquilo que me entrega algo moi importante para poder vivila. Unha vez alguén me dixo: “A música é coma un bicho velenoso. Si te pica…estás perdido para sempre”.
Persoalmente, descubrín que a medida que ía crecendo e madurando coa música o máis importante non era que cada vez me fora facendo mellor músico senón que me ía coñecendo a min mesmo moito mellor, era como si me fora descubrindo. A música cando se vive a diario e durante toda a vida tamén axuda a coñecerse e a coñecer mellor ao ser humano. E si, fago música porque é a actividade máis marabillosa que pode facer calquera persoa.
Entom senom fixeras música que imaginas fazer?
Se non fixera música escoitaría moita máis música da que agora podo escoitar, escoitaría música todo o día!
Bueno, sempre pensei que hai moitísimas cousas que si tivese tempo me gustaría facer. Sempre me gustou moito debuxar, dende pequeno e esa actividade foi quedando relegada e incluso pasei anos sen debuxar nada. Grazas aos meus fillos retomei un pouquiño o pracer de debuxar para acompañalos a eles nesa actividade. Poder ilustrar libros ou incluso traballar facendo debuxos para películas infantís sería estupendo. Tamén calquera actividade relacionada coa natureza, cos animais, sempre me gustou moito todo iso. Ou poder construír instrumentos, ser lutier, paréceme impresionante poder darlle vida á madeira.
Cómo é a situaçom “real” e relaçom dos locais galegos e espanhois para com os músicos. Qual é a maior implicaçom dos locais?
Coma sempre nestas cousas, hai de todo. Por unha banda hai locais que levan moitos anos apoiando aos músicos e á música en directo, locais que de verdade fixeron algo polos músicos, dende o meu punto de vista son ben poucos. Agora, ca situación socioeconómica que estamos a vivir, moitos destes locais ven que o seu xeito de programar tivo que mudar. Hoxe, lamentablemente, moi poucos locais están dispostos a pagar un fixo aos músicos e a maioría están programando a taquilla, o cal é moi malo para os músicos posto que son os que arriscan todo namentres os locais non queren arriscar nada. Penso tamén que si se chegou a esta situación cada vez máis xeralizada algo de responsabilidade teñen os propios músicos que comezaron a aceptala. Isto vai ter difícil volta atrás.
Locais de Jazz na Galiza hai ben poucos, son verdadeiramente contados, mais, por sorte, hoxe podemos tamén atopar Jazz en moitos locais que tradicionalmente non se adicaban a este xénero.
En realidade hoxe en día estase vendo moita máis actividade ca nunca nos locais, é ben curioso precisamente cando todo o mundo fala do mal que está todo. Agora ben, actividade si, hai moita, mais non sei en que condicións…
Com o mesmo fio da pregunta anterior, cómo som os festivais de jazz em Galiza, cómo se está programando?
Houbo uns anos atrás nos que había máis festivais de Jazz na Galiza do que os hai neste momento xa que moitos deles foron desaparecendo. Na Galiza existen algún festivais moi importantes e xa consolidados. Nestes festivais podemos desfrutar de grandes nomes do Jazz internacional sen ter que movernos demasiado da casa. Tamén, a maioría deles apoian ao Jazz galego, ao que aquí se fai.
Polo que eu vexo os festivais gozan de moi boa saúde polo que respecta á resposta do público, case sempre está masificados, mais dende o meu punto de vista, isto acontece case que con calquera festival adicado a calquera outra cousa. É o “efecto chamada do festival”. Logo, no día a día, no resto do ano a maioría dos concertos que se fan fora deste tipo de eventos teñen pouco ou moi pouco público.
Ugia Pedreira - Cobrantas
Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade.