Por Galicia Confidencial | Panxón | 20/06/2014 | Actualizada ás 18:00
Cotobad, Villanueva de Arosa, Bayona, Puenteareas, Puente Caldelas, Sangenjo, Oya, Panjón... E así, unha longa lista de toponimía deturpada. Eran os nomes que figuraban nun mapa que un alto cargo do Ministerio de Agricultura utilizou hai uns días nun acto en Panxón.
Foi nunha rolda de prensa para dar a coñecer o proxecto de obras que se levarán a cabo no litoral galego. Ata alí desprazouse o Director Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, Pablo Saavedra, cargo do Ministerio de Agricultura con ese mapa debaixo do brazo que causou a sorpresa dos asistentes.
Por iso, ProLingua decidiu enviar unha carta de protesta a Pablo Saavedra, e a Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística. "É inaceptable que se presente unha cartografía coa toponimia deturpada e que se alegue que se trata dun mapa antigo, que lonxe de ser unha escusa é unha mostra máis da falta de respecto das institucións do estado a Galicia, pois non é a primeira vez que un ministerio violenta sen escrúpulo ningún a toponimia galega", denuncia esta entidade.
Tamén A Mesa exíxelle á Xunta que cumpra e faga cumprir a legalidade sobre a toponimia. Así, lembra que tanto Renfe como o Goberno galego promocionan trens turísticos da ruta do viño con saída en "Orense"
"Os recentes casos de Renfe e o Ministerio de Agricultura son só dous exemplos da involución no uso correcto e oficial dos nosos nomes de lugar por parte da Administración que A Mesa leva meses denunciando", critica nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.