Motos eléctricas: unha alternativa económica á suba dos carburantes?

Nos últimos meses as vendas destes vehículos subiron un 94%, proba das súas vantaxes para circular polas cidades e o escaso consumo económico que aparellan en comparación cos coches.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2022 | Actualizada ás 10:30

Comparte esta noticia

As motos eléctricas eríxense como o transporte de moda en 2022. Así o apuntan dende a firma AMV, que dá pistas sobre todas as vantaxes destes vehículos en comparación con outros. Segundo a empresa, a suba dos prezos en xeral, e dos combustibles en particular, están a facer que conducir a diario troque nun verdadeiro luxo. Por iso moitas persoas están a buscar alternativas máis baratas aos coches, como son as motos, e en especial as eléctricas.

Moto eléctrica
Moto eléctrica | Fonte: Motorpasión

E é que, segundo datos que manexa a propia empresa, dedicada á comercialización en liña de seguros de motos, as matriculacións de motocicletas eléctricas no primeiro trimestre do 2022 aumentaron un 94% con respecto ao mesmo período do ano pasado, mentres que as de ciclomotores eléctricos fixérono nun 88 %.

"Para as persoas que utilizan o seu vehículo a diario, especialmente nas grandes cidades, as motos, xa de seu, teñen moitos beneficios fronte aos coches e supoñen un gran aforro, pero é que, ademais, as eléctricas teñen moitas máis vantaxes", inciden. Entre estas apuntan a un custo por quilómetro menor, revisións e mantemento máis baratos, incentivos para a súa compra, estacionamento gratuíto ou con tarifas reducidas, posibilidade de libre circulación en zonas céntricas, autorización para transitar por carrís especiais e moitas outras máis.

O aforro de combustible trátase seguramente dunha das maiores vantaxes que teñen as motos eléctricas fronte a calquera outro vehículo de gasolina, xa que o prezo da electricidade, aínda que tamén é elevado, é bastante inferior ao do combustible, que durante este ano chegou a alcanzar o seu récord histórico. Pois ben, recargar unha moto eléctrica é ata catro veces máis barato que encher o depósito de combustible dun modelo de 125 cc.

"Pero é que, ademais, é conveniente saber que existen multitude de puntos de recarga gratuítos, tanto en oficinas como en centros comerciais, así como en hoteis e aeroportos. Mesmo, hoxe en día, algunhas compañías eléctricas teñen tarifas especiais para os fogares nos que recargan vehículos eléctricos", inciden.

Da outra banda estaría a grande autonomía destes vehículos para circular polas cidades, 100 quilómetros, máis que suficientes para os núcleos urbanos, e a facilidade de aparcar e manter os propios vehículos. Á parte, ao gozar dunha etiqueta ambiental das máis limpas, non hai visos de que poidan prohibir a súa entrada no centro das cidades a curto e medio prazo.

Asimesmo, o argumento económico segue a sentar cátedra: "nas motos eléctricas, o aforro non só vén do combustible e o mantemento, tamén vén vía aparcamento e impostos. Dependerá un pouco da cidade na que nos achemos e a súa normativa municipal, pero normalmente adoitan poder estacionar de forma gratuíta ou cunha tarifa moi reducida nas zonas reguladas. Tamén están autorizadas a circular polos carrís especiais", inciden dende AMV.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta