A Deputación da Coruña investirá 8,3 millóns para financiar a contratación de 177 profesionais do ámbito social

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2022 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

A Deputación da Coruña publicou este mércores no Boletín Oficial da Provincia a concesión definitiva do Programa de Servizos Sociais Comunitarios 2022, que suporá un investimento de 8,3 millóns de euros para financiar a contratación de 177 profesionais do ámbito social e un total de case 389.000 horas de servizo de axuda no fogar en concellos de menos de 20.000 habitantes.

"Seguimos cumprindo co noso compromiso de reforzar todos os programas de protección social, tanto os da Deputación como os que dan apoio aos municipios da provincia", indicou o presidente provincial, Valentín González Formoso, quen destacou que a Deputación financia hoxe en día 100.000 horas máis de servizo de axuda no fogar na provincia que hai dous anos.

En concreto, nos concellos das comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte, o ente provincial investirá 1,7 millóns de euros para a contratación de 35 profesionais e un total de 79.802 horas de axuda no fogar. "É un servizo imprescindible para a atención de maiores e dependentes, especialmente nos concellos rurais, que ademais dá emprego a máis dun centenar de persoas na provincia", reivindicou González Formoso.

O presidente puxo en valor o "gran esforzo" que teñen que facer os pequenos municipios para poder contar cun persoal de profesionais especialistas no ámbito social. "Por este motivo, seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos alicerces da área Social da Deputación, permitindo que os concellos poidan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio", engadiu

Persoal de servizos sociais e de axuda no fogar en concellos / DEPUTACIÓN DA CORUÑA. / Europa Press
Persoal de servizos sociais e de axuda no fogar en concellos / DEPUTACIÓN DA CORUÑA. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta