O relevo controlado de Feijóo

A elección de Feijóo como presidente do PP estatal, colocou á organización galega deste partido diante dunha situación inédita: a necesidade de substituír á persoa que relevou a Manuel Fraga a partir de 2006 e que, posteriormente, acadou a presidencia da Xunta.

Por Xesús Veiga | Compostela | 28/04/2022

Comparte esta noticia
Os precedentes históricos deben ser considerados mais non poden asegurar o éxito do proceso que se vai dar nos vindeiros meses. Dende 1990, o PPdG foi un partido que combinou unha estrutura organizativa baseada nas xerarquías provinciais coa existencia dun liderado forte a nivel galego. Primeiro Fraga e despois Alberto Núñez administraron unha maquinaria pensada, fundamentalmente, para conseguir e conservar o poder político nas diversas instancias das Administracións públicas.
 
Certamente, existiron especificidades en cada unha desas etapas. Entre 1990 e 2005 as baronías provinciais tiñan acumulado un peso tan relevante (Romay, Cuiña, X.L. Baltar e Cacharro Pardo) que esixían un exercicio intenso da autoridade fundacional que posuía Fraga no universo da dereita posfranquista. Nas hemerotecas fican algunhas probas daquelas tensións entre o presidente da Xunta e os caciques provinciais que non estaban dispostos a perder totalmente os niveis de autonomía cos que se edificara a estrutura do poder interno no PPdG. A partir da chegada de Feijóo as cousas mudaron significativamente porque o novo líder galego promoveu unha política deliberada para reducir a capacidade de manobra dos virreinatos provinciais. Só houbo unha excepción: a familia Baltar gañoulle o pulso a Alberto Núñez e, coa bandeira simbólica da “ourensanía”, blindou o dominio sobre o seu territorio ante calquera proxecto de control dende a dirección galega.
 
Resulta obvio que o PPdG non elixiu o momento para realizar a transición que vai situar a Alfonso Rueda como o principal referente orgánico e como novo presidente da Xunta. Os tempos viñeron marcados pola fonda e rápida crise interna padecida polo PP de Casado. Esta circunstancia reforzou aínda mais o papel de Feijóo no proceso da súa sucesión. Se comparamos o que está sucedendo agora co que pasou no ano 2006, constataremos que, daquela, Fraga tivo un protagonismo menor do que cabía esperar (por varias razóns: a forte erosión padecida polo que fora presentado durante moitos anos como o relevo oficial -Xosé Cuiña-; pola perda da maioría absoluta sufrida no 2005 e pola presión exercida por Rajoy e Romay dende Madrid). No momento actual o partido non cambia o liderado por un fracaso nas urnas ou pola xubilación do seu máximo dirixente senón por unha circunstancia imprevista. Nestas condicións, para acadar o obxectivo de manter a hexemonía do PPdG nas institucións de autogoberno resulta necesario, como mínimo, asegurar a maior unidade no establecemento do novo equilibrio de poder interno. Nesa tarefa, a intervención de A. Núñez resulta determinante: por moito que se garden algunhas aparencias, estamos ante un proceso controlado e dirixido polo actual inquilino de Montepío.
 
O PPdG non sente a necesidade de renovar o seu ideario programático. Tampouco quere repensar o seu funcionamento organizativo. Aposta pola máxima continuidade e deposita toda a súa confianza no éxito futuro de Feijóo na carreira cara a Moncloa. O problema é que Rueda carece das fortalezas que tivo o actual presidente da Xunta. E, ademais, as eleccións municipais de Maio do vindeiro ano poden ratificar, mais unha vez, a derrota do PP na provincia de Pontevedra (se non acada as alcaldías das tres principais cidades e o goberno da Deputación) e debilitar, xa que logo, a figura do novo líder.
 
BNG e PSdG teñen a mellor oportunidade dos últimos anos para desprazar ao partido que ven hexemonizando a vida política galega. Non será doado porque, a pesar das súas vellas e novas debilidades, o PPdG conserva unha notábel fortaleza no tecido social e segue contando, polo momento, co apoio dos principais poderes económicos e mediáticos do noso País. As forzas da actual oposición na Cámara do Hórreo están obrigadas a non cometer erros e maximizar as súas potencialidades.
 

Alberto Núñez Feijóo con Manuel Fraga
Alberto Núñez Feijóo con Manuel Fraga | Fonte: xunta.gal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.