A oposición volve acurralar ao PP polos contratos da Xunta con Eulen

"Contratar seguridade da familia cústanos cinco veces máis aos galegos", incidiu o BNG. Denuncian que a cámara limitou o tempo de intervención a só cinco minutos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

O Pleno do Parlamento deu luz verde á Conta Xeral da Xunta de 2019, elaborada polo Consello de Contas, entre o que se incluíu unha proposta do BNG pola que se insta ao Goberno galego a establecer sistemas de control sobre as sociedades e fundacións públicas nas que non ostenta o control pero é o socio maioritario.

Este debate no Pleno chega despois de que na comisión parlamentaria de finais de marzo o PP rexeitase unha batería de peticións realizadas pola oposición de auditoría a cargo do Consello de Contas. Nesa sesión, os populares vetaron a fiscalización das contratacións públicas adxudicadas á empresa Eulen desde 2009, así como a elaboración dun informe sobre os convenios de publicidade e comunicación da Xunta desde 2015.

Na sesión do Pleno deste martes, a deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo (PSdeG) mostrou a súa "desconformidade" co feito de que a Conta Xeral de 2019 chegue ao Pleno uns dous anos e medio despois, o que contrasta con que noutros parlamentos de comunidades como Asturias ou Madrid xa se debateu o correspondente a 2020, á vez que critica que nesta xornada os grupos só conten con quendas de cinco minutos para a súa exposición.

Ademais, Rodríguez Rumbo censura que a Xunta "ignora" as recomendacións de Contas e busca "desvirtuar o labor" deste organismo para que os seus informes pasen "desapercibidos" pola cidadanía. Reprocha que a Cámara "pon medallas" ao Consello, "pero ao mesmo tempo que condecora non dignifica o seu traballo". Así mesmo, clamou contra o "rodete" dos populares para tombar as propostas da oposición.

Nesta liña, Iago Tabarés (BNG) reprochou aos populares que voten en contra de recomendacións "substancialmente idénticas" ás realizadas por Contas na memoria de 2020, polo que pide que "no canto de dar medallas", debería "atender a recomendacións" deste órgano.

Votación de Pleno do Parlamento sobre Consello de Contas
Votación de Pleno do Parlamento sobre Consello de Contas | Fonte: Europa Press

EULEN

Carga contra o "afán privatizador" da Xunta e a "externacionalización de servizos públicos". Pon como exemplo que contratar a 13 traballadores "da empresa da que é apoderada a irmá de Núñez Feijóo" custa 500.000 euros, mentres que contratrar a 206 persoas con convenios públicos supoñen 1,5 millóns. "É dicir, contratar seguridade da familia cústanos cinco veces máis aos galegos", apostila.

Xunto a isto, Tabarés tamén denunciou que a Xunta mantén "chiringuitos" nos que se "favorece o traballo de pillos ou pillaxe". Tamén se referiu ao informe de Contas sobre a Deputación de Ourense no que recolle que o 80% dos contratos de obras son "a dedo", "nepotismo en estado puro". De tal forma, pregúntase se os populares "están a favor de que continúe esta corrupción".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta