A administración busca esquivar a escaseza de materias primas na construción

A Xunta aplica a revisión de prezos nas obras amparada polo Goberno.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o acordo para que todas as entidades do sector público galego poidan aplicar o Real Decreto Lei de revisión de prezos nas obras, autorizado este xoves no Consello de Galicia. O decreto, aprobado o 1 de marzo polo Goberno de España, ten como finalidade facilitar a viabilidade de obras públicas da comunidade. A súa outra función é minimizar a afección nos investimentos públicos do incremento dos prezos de materiais de construción e da crise enerxética. É dicir, que a administración podería subir os prezos das intervencións para adaptalos á suba de costes.

En canto ás obras impulsadas pola Xunta, esta decisión permite aplicar a normativa estatal. Nun comunicado, o Goberno galego apunta que espera o acordo no conflito de competencias aberto polo Goberno de España polas medidas adoptadas para blindar as obras públicas de titularidade autonómica.

Tras a reunión Consello da Xunta do xoves, Alberto Núñez Feijóo, aínda neses momentos á fronte do Goberno galego, considerou que a normativa estatal é "insuficiente" respecto ao tempo fixado de revisión de prezos, a exclusión dos custos enerxéticos e non contar cos contratos de servizos.

Ademais, advertiu que a exclusión de materiais como o plástico, vidro ou madeira "pon en risco" a execución de infraestruturas hidráulicas, os contratos de conservación de estradas ou as obras de rehabilitación de edificios.

O Goberno de Galicia contactou co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para solicitar a ampliación de materiais recolleitos no Real Decreto Lei. A Xunta pide que cada administración poida destinar os seus recursos para garantir a viabilidade das súas obras. O obxectivo, asegura, sería que non se paralizasen as actuacións e os traballadores non sexan despedidos pola subida dos prezos.

Ademais, en contacto co sector da construción, elaborou unha lista de 40 materiais afectados pola escalada de custos. Tamén estableceu un "amplo" período temporal para fixar unhas condicións excepcionais para lograr un reequlibrio das obras de responsabilidade autonómica.

Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA
Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta