Inaugurada a mostra das Letras que levará o legado de Florencio Delgado Gurriarán a dez concellos

Comeza en Vilamartín de Valdeorrasa e chegará tamén a O Barco, Santiago, A Coruña, Chantada, Vigo, Ourense, Lugo, Pontevedra e Celanova.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 09/05/2022 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A Xunta inaugurou este luns a exposición itinerante 'Compromiso na distancia', unha das iniciativas enmarcadas na programación especial das Letras Galegas 2022, que levará o legado de Florencio Delgado Gurriarán por dez localidades galegas ata decembro e que arrinca no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras, onde naceu o homenaxeado.

O autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas de 2022
O autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas de 2022 | Fonte: REAL ACADEMIA GALEGA.

Segundo detallou a Consellería de Cultura, 'Compromiso na distancia' permanecerá aberta ao público no Centro Cultural de Santa Lucía ata o 29 de maio. A exposición consta de diferentes zonas explicativas nas que se fai un percorrido pola vida e obra do homenaxeado, desde a súa infancia ata a súa madurez, ademais das súas experiencias en México e o seu regreso a Galicia.

Así mesmo, explicou que o texto central e a documentación da mostra foi realizado por Héctor Cajaraville con pezas baseadas no libro publicado por Xerais 'Florencio Delgado Gurriarán. Polos Vieiros da saudade'. As fotografías pertencen ao arquivo familiar do autor, con fotos orixinais en branco e negro que foron modificadas con técnicas de coloración dixital.

No acto estivo presente o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que destacou a oportunidade que esta exposición supón para "descentralizar a actividade das Letras e promover o legado de Florencio Delgado Gurriarán en distintos lugares de Galicia".

Ademais, Lorenzo tamén puxo de manifesto a importancia de elixir como primeira parada da mostra a vila natal do autor, que ten especial protagonismo na programación.

Por outra banda, valorou a actividade que leva a cabo durante este ano con "máis de 150 accións" dedicadas á figura do poeta, tradutor, editor, escritor e activista impulsadas pola Xunta, a Real Academia Galega e o Consello da Cultura Galega, en colaboración con múltiples empresas, entidades e concellos.

A exposición continuará o seu percorrido en concellos da Rede de Dinamización Linguística e en bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. En concreto, tras o seu paso por Valdeorras chegará a Santiago de Compostela, para continuar na Coruña, Chantada, Vigo, Ourense, O Barco de Valdeorras, Lugo, Pontevedra e Celanova.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta