Temas: FRASEOLOXíA

“O morto á mortalla e o vivo á fogaza”, equivalente, entre outras, á castelá “el muerto al hoyo y el vivo al bollo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 15/05/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas ocasións en que se quere dar a entender, ou mesmo criticar, o relativamente pronto consolo ou esquecemento que polo xeral teñen os humanos ante a perda de parentes ou amigos, ou en que simplemente se desexa manifestar que os que aquí quedan teñen que seguir facendo vida e atendendo o seus asuntos e necesidades por moi achegada ou querida que fose a persoa que finou, en castelán é moi frecuente recorrer á paremia el muerto al hoyo y el vivo al bollo.

Cadaleito
Cadaleito | Fonte: Pixabay

En galego tamén dispomos de paremias que cobren exactamente o mesmo contido ou significado, como deseguido imos ver:

El muerto al hoyo(,) y el vivo al bollo && El muerto al hoyo, el vivo al bollo

El muerto a la sepultura(,) y el vivo a la hogaza

El muerto a la cava(,) y el vivo a la hogaza

{= Paremias con que se expresa, ou mesmo se critica, o relativamente pronto consolo ou esquecemento que polo xeral teñen os humanos ante a perda de parentes ou amigos, ou con que simplemente se manifesta que os que aquí quedan teñen que seguir facendo vida e atendendo os seus asuntos e necesidades por moi achegada ou querida que fose a persoa que finou. [En ocasións tamén se poden usar, de xeito metafórico, para dar a entender que algo rematou ou se acabou, pero que a vida vai igualmente seguir, mesmo con outra cousa ocupando o seu lugar.]}

O morto á mortalla(,) e o vivo á fogaza

O morto á burata(,) e o vivo á fogaza && Os mortos á burata(,) e os vivos á fogaza

O morto ó cebolo(,) e o vivo ó bolo

Ex.: —Tanto y tanto cariño que le tenía a la mujer, pero no hace ni dos meses que la enterraron y ya se ha buscado una nueva compañera. —Si, al final, esto es lo de siempre, chico: el muerto al hoyo y el vivo al hoyo.

—Tanto e tanto cariño que lle tiña á muller, pero non hai nin dous meses que a soterraron e xa procurou unha nova compañeira. — Se, ó cabo, isto éche o de sempre, meu rei: o morto á mortalla e o vivo á fogaza os mortos á burata e os vivos á fogaza o morto ó cebolo e o vivo ó bolo.

Ex. (uso metafórico): —¿Y si la Champions desaparece? —Pues no te preocupes, que vendrá la Superliga. El muerto al hoyo y el vivo al hoyo.

—¿E se a Champions desaparece? —Pois á tranquilidade, que virá a Superliga. O morto á mortalla e o vivo á fogaza O mortos á burata e o vivo á fogaza O morto ó cebolo e o vivo ó bolo.

● E tamén:

El muerto a la huesa(,) y el vivo a la mesa

O morto no cemiterio(,) e o vivo no candeeiro && O morto quere mortalla(,) e o vivo quere faramalla

● E mais tamén:

O morto ó burato(,) e o vivo ó prato && O morto a durmir(,) e o vivo a vivir

● E inda, nesta mesma liña, só aplicables en determinados contextos:

¡Ay del que muere, que el vivo en seguida se apaña mejor de lo que puede!

O morto podrece(,) e o orfo crece && Críanse os orfos(,) e non resucitan os mortos && O máis malo é de quen vai alá && O malo éche de quen morre que ó reino de Deus non vai; o que queda logo come e o loito logo se vai

NOTAS:

1. Como, sen ir máis lonxe, se pode observar en ambos os dous exemplos, hai ocasións en que estas paremias son susceptibles de compartiren espazos de uso coas correspondentes á castelá a rey muerto, rey puesto, que veremos, libres de mal, no seu día.

2. É de entender que na paremia o morto ó cebolo e o vivo ó bolo, a voz bolo denota ou ben a peza de pan (acepción 2 do DRAG) ou ben algún tipo de alimento con feitura arredondada (acepción 1 do DRAG).

Supomos, abundando no tema, que non fai alusión á acepción 3 do DRAG, isto é, á que se refire a un tipo de pastel, significado este que, sendo o que viría a cadrar en castelán coa acepción 1 do DRAE, en galego responde en principio a un emprego relativamente recente e non tradicional.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta