Concha Losada, única candidata para substituír a Xusto Beramendi á fronte do Museo do Pobo Galego

Cando se faga coa presidencia do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada será a primeira muller á fronte deste órgano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2022 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

A profesora universitaria Concha Losada, actual vicepresidenta do padroado do Museo do Pobo Galego, encabeza a única candidatura presentada para substituír a Xusto Beramendi á fronte desta institución.

Xusto Beramendi (Madrid, 1941) anunciaba no mes de abril a súa intención de retirarse dunha institución da que el mesmo foi cofundador na década dos 70 e á que dedicou toda unha vida. "Xa me retiro, xa vai sendo hora", explicou no seu momento Beramendi, que asumiu a presenza do Padroado en 2011.

Como consecuencia deste anuncio, presentouse unha única cadidatura, liderada por Concha Losada e na que tamén figuran nomes como os de María Xosé Fernández, Liño Lema ou Francisco Sanjiao. Trátase dunha candidatura de consenso que concorrerá en solitario.

Cando se faga coa presidencia do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada será a primeira muller á fronte deste órgano que, na súa historia, lideraron personalidades culturais da talla de Xaquín Lorenzo Fernández, Antonio Fraguas e Isaac Díaz Pardo. A asemblea será o próximo 28 de maio.

DÍA DOS MUSEOS

Este 18 de maio, Día Internacional dos Museos, o Museo do Pobo Galego celebrará unha xornada de portas abertas, con entrada gratuíta, así como unha visita comentada á exposición 'Coreografías do Facer'.

Esta mesma xornada, ás 19,00 horas, celebrarase o taller de pandeireta e outras percusións dirixido a persoas de 12 a 16 anos. É necesaria unha inscrición previa en servizosdeac@museodopobo.gal.

O xoves, 19 de maio, ás 19,30 horas haberá unha sesión do 'Itinerario sonoro' pola colección permanente, 'Son(em)peza'. Será gratuíto con prazas limitadas asignadas por rigorosa orde de inscrición en servizosdeac@museodopobo.gal

Justo Beramendi
Justo Beramendi | Fonte: premiosdacriticagalicia.org

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta