Temas: SIDRA

"Hijos de Rivera prevé triplicar a produción de sidra Maeloc"

Entrevista a José Luis Olmedo, xestor de proxectos de I+D+i de Hijos de Rivera Corporación.

Por GCAgro | Chantada | 07/07/2014 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Pedir unha sidra nun bar ou nun restaurante en Galicia e que sexa galega é algo habitual dende hai anos gracias a marcas como Sidra Maeloc ou a súa precedesora, Manzanova, as máis consumidas no mercado galego e que empezan a ter moi boa acollida en países tan distantes como Xapón ou os Estados Unidos. Isto é posible grazas á ampla rede de distribución da multinacional coruñesa Hijos de Rivera, propietaria de Estrella Galicia, e tamén de Sidra Maeloc.

As sete variedades de sidra Maeloc
As sete variedades de sidra Maeloc | Fonte: Custom Drinks

As prespectivas de futuro desta sidra 100% galega son tan boas que se está amplicando a planta de Chantada para triplicar a produción. Falamos con José Luis Olmedo, un dos artífices do éxito de Sidra Maeloc.

Cómo naceu a sidra Maeloc? 
A orixe da sidra Maeloc está no ano 1999 cando un empresario chantadino funda a antiga Sidrería Galega en Chantada (Lugo) para aproveitar toda a mazá de sidra que se producía en Galicia e que se exportaba fóra do país, a outras Comunidades para facer sidra. 

Esta sidra chamábase Manzanova. No ano 2001 este empresario púxose en  contacto con Hijos de Rivera, con nós, para unha colaboración tecnolóxica para mellorar a fábrica porque o proceso da sidra e da cervexa teñen un proceso parecido. Foi entón cando entramos a formar parte de Sidrería Galega. Cando el se xubilou decidimos fundar Custom Drinks, unha nova empresa, que vai ser o centro de innovación de Hijos de Rivera e cun peso moi importante na produción de sidra. 

É entón, no ano 2008, cando a sidra Manzanova pasa a chamarse Maeloc e empezamos a estudar diferentes alternativas de sidra. Ata entón faciamos tres tipos de sidra: a extra, a natural e a doce. E cun proxecto de I+D de desenvolvemento de novos produtos chegamos ao día e hoxe no que elaboramos 7 tipos de sidra: aos anteriores engadímoslle unha sidra seca, con moi pouco azucre que adoite consumirse moi fría, típica do Norte de Europea e das Illas Británicas; e logo sidras de sabores, que é sidra natural máis zume de froitas de amora, pera e amorodo. 

Cal é a vosa capacidade de produción a día de hoxe? 
En Custom Drinks temos unha capacidade de produción de 2,5 millóns de litros de sidra ao ano. Estamos nun proxecto de ampliación da fábrica porque xa se nos queda pequena. A día de hoxe xa empezaron as obras que nos permitirán triplicar a produción que temos a día de hoxe. 

Os vosos mercados están sobre todo en Galicia? 
A verdade é que agora está bastante fragmentado. Houbo un tempo en que só vendiamos en Galicia, pero aproveitando a rede de distribución de Hijos de Rivera exportamos ao resto do Estado, e tamén a países como Australia, Xapón ou aos Estados Unidos.

“Valórase que a sidra producida en Galicia sexa con mazá galega..e iso non ocorre en Asturias e ou no País Vasco”

Costa convencer aos clientes de que en Galicia temos unha sidra excelente? 
Si porque a imaxe de sidra en España é Asturias. Porén, en Galicia temos moi boa produción de mazás e conseguimos un gran producto. E a xente valora que a sidra se faga coa mazá que se produce na zona, e niso en Galicia marcamos a diferencia con respecto ao resto do Estado. 

De onde provén a vosa materia prima, as mazás de sidra? 
Utilizamos todo tipo de mazá de variedades sidreiras, non nos valen as mazás de mesa; que sexa producida en Galicia, tanto de maneira ecolóxica como convencional. Aproximadamente, utilizamos un 50% de mazá ecolóxica e o mesmo en convencional. Encantaríanos que toda a mazá de sidra que se producira en Galicia fose ecolóxica, pero entendemos que hai produtores que non poden, tanto pola dimensión das parcelas como polos cultivos que teñen ao carón. 

Deste xeito, do noso catálogo de 7 tipos, temos 3 sidras ecolóxicas e 4 de mazá convencional.

“Interésanos ter unha relación a longo prazo cos produtores de mazá” 

Tedes plantacións propias? Como son os acordos cos produtores?
Non. Nós o que sabemos facer ben é a sidra. Por iso, temos acordos con produtores e con cooperativas para mercarlles a mazá. 

O proxecto de investigación no que estamos agora en Custom Drinks é facer unha radiografía de como está o rural galego en canto a produción de mazá de sidra. É un proxecto a 5 anos que empezamos o ano pasado. 

Este proxecto presentámosllo á Xunta e estannos apoiando, cofinanciando o proxecto, porque comprenden que é unha alternativa máis para crear emprego e riqueza no rural galego. 

A nosa filosofía é manter relación dos produtores a longo prazo. A produción de mazá oscila bastante dun ano para outro, e manter a relación cos produtores e os prezos é fundamental para nós e para eles. 

Qué tipo de tendencias apreciades no mercado? 
Estamos a facer unha labor de dar a coñecer os 7 tipoS de sidras diferentes que temos, con follas de valoración para os consumidores. E sorpréndenos os bos resultados de todas. Si que estamos observando unha pequena diferencia de rangos de idade pero hai gustos para todos os tipos de sidra. E iso é o que lle queremos ofrecer ao consumidor: variedade para escoller. 

E iso notámolo moito máis na exportación: ao consumidor gústalle escoller. En Xapón, por exemplo, encántalles a sidra con zume de froitas. 

Descargando a mazá para elaborar sidra
Descargando a mazá para elaborar sidra | Fonte: Custom Drinks

Temas: SIDRA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta