Tres novas incorporacións ao cartel do Festival de Ortigueira 2022

Fransy, Davide e Cibrán, Fiandola e Caamaño&Ameixeiras únense a un evento que abrirá Tanxugueiras e que se celebrará do 10 ao 17 de xullo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/05/2022 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira anunciou este luns que se suman ao seu cartel tres novas incorporacións. Así, Fransy, Davide e Cibrán, Fiandola e Caamaño&Ameixeiras únense ás xa confirmadas Tanxugueiras, Red Hot Chilli Pipers, Wolfstone, Luar na Lubre, Baiuca, Xosé Lois Romero e Aliboria, Talisk, Covagueira, Susana Seivane, Digresk, Os D'Abaixo e Dequenvessendo, nunha edición que a organización definiu como "a máis longa da historia" e que se celebrará do 10 ao 17 de xullo.

Nun comunicado, a organización sinalou que Fransy, Davide e Cibrán levarán a Ortigueira a unión da "música tradicional galega e a vangarda". O grupo está formado por Fransy González e Davide Salvado á percusión e a voz, e Cibrán Seixo ao violín procesado e o moog. Actuarán o domingo 10 de xuño.

Por outra banda, o grupo compostelán Fiandola subirase ao escenario do festival o luns 11 de xullo, onde mostrará a súa "visión harmónica e tímbrica da música tradicional galega" na que o baile "ten un protagonismo destacado".

Xa o venres 16 de xullo, o dúo Caamaño&Ameixeiras --formado por Sabela Caamaño ao acordeón cromático e Antía Ameixeiras ao violín e voz-- achegará a Ortigueira a súa música e baile "de raíz".

As encargadas de dar o pistoletazo de saída a esta edición do Festival de Ortigueira, declarado de Interese Turístico Internacional, serán as Tanxugueiras, o domingo 10 de xullo, mentres que Talisk e Covagueira subiranse ao escenario o xoves 14 de xullo, Susana Seivane e Red Hot Chilli Pipers actuarán o venres 15, e Baiuca, Wolfstone, Digresk e Xosé Lois Romero e Aliboria, o sábado 16. Luar na Lubre, Os D'Abaixo e Dequenvessendo estarán no escenario de Ortigueira o último día, o domingo 17.

Arquivo - Celebración do Festival de Ortigueira. TONI REGO/FESTIVAL DE ORTIGUEIRA - Arquivo / Europa Press
Arquivo - Celebración do Festival de Ortigueira. TONI REGO/FESTIVAL DE ORTIGUEIRA - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta