Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/06/2022 | Actualizada ás 20:10
Máis de 4.200 persoas participaron este domingo na Coruña en 'Runki, a carreira dos superheroes', un evento benéfico en favor da inclusión organizado polas fundacións galegas ENKI e Adcai. A saída tivo lugar ás 10,30 horas na Chaira de Riazor, que se converteu nun espazo completamente accesible. Ademais, os inscritos que o necesitaron, puideron acceder ao préstamo de cascos para persoas con hipersensibilidade auditiva.
O percorrido foi de sete quilómetros e atravesou o Paseo Marítimo, pasando pola Torre de Hércules, o Castelo de San Antón e a Mariña, antes de chegar á meta en María Pita. A entrega de premios celebrouse en María Pita, ás 12,00 horas, onde se premiaron sete categorías: absoluta e adaptada masculina e feminina, equipo mixto máis rápido, mellor disfrace individual e mellor disfrace conxunto.
Nas categorías masculina e feminina absoluta e adaptada, os gañadores leváronse ademais do trofeo, a oportunidade de participar nun dos dous maratóns máis importantes de Europa, Berlín ou Londres.
A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, asistiu este domingo e sinalou que este tipo de iniciativas "axudan a visibilizar que unha Galicia máis integradora é posible".
Lembrou ademais que a Xunta colabora con Enki para a organización de eventos deste tipo, "que lle permiten a persoas con discapacidade vivir unha vida plena".
Fabiola García asegurou que a atención á discapacidade é unha "prioridade" para o Goberno galego, polo que destina este 2022 "unha cifra marca a este ámbito, case 142 millóns de euros para impulsar a autonomía das persoas con discapacidade e mellorar as súas vidas e as das súas familias".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.