Os retos aos que se enfrontan estas novas alternativas non son poucos. Primeiro, concienciar á cidadanía da importancia da política, na que todos poden implicarse, e tratar de que a xente confíe en que non está todo perdido, que a situación si pode cambiar quitándolle o poder aos que levan con el anos e anos, eses que se rin dos cidadáns dende a súa acomodada posición. Probablemente este é o reto máis difícil, pois leva implícita a construción dunha alternativa sólida, con respostas e solucións e non só con queixas e demandas. Ademais, e dado que a día de hoxe non son poucos os problemas que os coruñeses teñen que afrontar como para deixarse atrapar polas cuestións políticas, a comunicación e difusión da iniciativa deberá ser clara, directa e ilusionante se quere convencer.
Por outro lado, é importante que se marquen unhas claras prioridades e que se estableza unha organización que garanta que a achega de todos e cada un dos participantes se teña en conta, integrando así mesmo a plataformas cidadás (como por exemplo a PAH) e a membros dos novos movementos e partidos que avogan polo cambio, entre os que nos atopamos EQUO e a Rede EQUO Xove, aportando tamén ideas firmes e a experiencia da ruta percorrida ata o momento. É por isto que eu asinei a iniciativa, para aprender, aportar e construír unha cidade que non perda a súa esencia.
Por suposto, e para poder comezar a traballar desta forma, é necesario formar á xente que se involucre, e manter sempre mecanismos de participación abertos, permitindo que se faga efectiva a fórmula seguinte: “dende os cidadáns e para os cidadáns”.
Noutras cidades e vilas galegas a situación é similar, e nalgunhas tamén está comezando a fraguarse o cambio, como pode ser o caso de Ames. Os cidadáns están fartos da corrupción, da ancoraxe na vella política, de ver como as súas necesidades permanecen desatendidas. Poderán estenderse estes movementos, da maneira axeitada e mantendo o seu espírito de cambio polo resto da xeografía galega? Serán capaces de transmitir á poboación que son unha boa opción? Estes meses serán a clave para ver se sentan uns sólidos alicerces ou quedan en pequenas nubes de fume.