A alternativa verde é EQUO

Trala celebración da Segunda Asemblea Federal e a conseguinte renovación de co-voceiras, Comisión Executiva Federal e tesourería, o partido EQUO sae reforzado e cunha visión máis clara e ambiciosa. Cabe destacar, neste contexto, o apoio amosado por diversos colectivos, socios de coalición e membros doutros partidos.

Por Roberto Carro Vázquez | A Coruña | 17/11/2014

Comparte esta noticia
Emprego, cambio climático e novo modelo enerxético, dereitos sociais… Os piares de EQUO seguen sendo o noso sinal de identidade, pero a partir de agora enfocaranse doutra maneira que nos permita chegar ao corazón e á razón de máis xente que ou ben non nos coñece, ou ben aínda non nos considera alternativa de Goberno. Unha base sólida de partido, profundos debates e, sobre todo, un estupendo ambiente reinaron na que foi a Segunda Asemblea Federal de EQUO, onde ademais da renovación de cargos aprobáronse un documento de relatorio político onde se analiza exhaustivamente a situación do partido, un programa marco de cara ás eleccións municipais e unha reforma de estatutos que fará ao partido máis operativo e completo. Por outro lado, aprobáronse diversas resolucións de apoio a un novo modelo enerxético, a unha renda básica aplicada de maneira intelixente e á preservación dos dereitos das persoas migrantes (entre outras).
 
Diversos invitados do panorama político, entre os que podemos citar a Mónica Frassoni (co-presidenta do Partido Verde Europeo), Joan Baldoví (deputado de Compromís-Equo no Congreso) ou Cayo Lara (coordinador federal de IU) e do panorama de asociacións, con presencia da FELGTB, diversas ONG's, asociacións animalistas ou a Plataforma pola Defensa da Cultura, participaron na Asemblea dando o seu apoio a EQUO, onde destacaron que a EQUO “sempre poderemos atopalo nas rúas loitando coa xente”.
 
Finalmente, e tras dous días moi intensos, Juan López de Uralde e Rosa Martínez foron elixidos novos co-voceiros de EQUO e presentaron un discurso potente, forte e de cambio que esperan permita a EQUO “chegar ao corazón da xente”, pois “o espazo para a ecoloxía política existe e está ante nós, e o noso deber é transmitilo e comunicalo dun xeito máis axeitado”.
 
Unha delegación de EQUO Galicia e Rede EQUO Xove Galicia participou e traballou nesta Asemblea, apoiando ás novas co-voceiras e colaborando na elaboración dos diversos documentos. A ecoloxía política tamén ten o seu espazo en Galicia, e esperamos que esta fin de semana sexa un punto de inflexión para eses territorios, como o noso, onde aínda é unha relativa descoñecida. Dende EQUO, seguimos adiante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Roberto Carro Vázquez Nacín en A Coruña en 1992. Estou a finalizar o último curso do Grao en Biotecnoloxía na Universidade de León. Atópome a cabalo entre estas dúas cidades. Son membro da Rede EQUO Xove Galicia (organización política xuvenil que ten como referente a EQUO Galicia) dende setembro do 2013, e é a opinión desta organización a que aquí traslado. Ademais, colaboro en diversas tarefas de EQUO Galicia dende comezos de 2014. Ecoloxía política, dereitos humanos e democracia participativa como piares. O futuro é verde. @RQX_Galicia