Unha xestión que mata

A crise do ébola evidencia as deficiencias do Partido Popular cando se enfronta a un problema destas características (tralo Prestige, o metro de Valencia…), botando a culpa dunha xestión ineficiente, arriscada, prepotente e, en definitiva, pésima, sempre á parte máis débil. Ana Mato, a ministra de sanidade dos miles de euros en confeti, négase a dimitir e deixar o seu inexistente liderado da crise a unha persoa, cando menos, cun mínimo de capacitación. No 2009, ela reclamou a Carme Chacón a súa dimisión por “non dar suficientes explicacións” nuns contaxios de Gripe A nunha academia militar.

Por Roberto Carro Vázquez | A Coruña | 15/10/2014

Comparte esta noticia
Ébola, a palabra máis escoitada nestes días, polo menos en Madrid. Cada vez que sobes ao metro, aí está, agochada en cada conversa. Todos se preguntan que como é posible que esteamos nesta situación, que se se arranxará, que de quen é a culpa… Nisto último hai diferencia de opinións. A meirande parte da poboación comenta que a culpa é do Goberno por desmantelar o Carlos III, único hospital preparado para atender enfermidades destas características, un novo erro das políticas de austeridade. Foron tamén eles os que impulsaron a repatriación dos dous relixiosos (en contra da opinión dalgúns médicos a causa dos recortes previos no Carlos III, non por outro motivo), e sacaron peito da xestión, ofrecéndose a dar asesoramento a outros países que puidesen verse na mesma situación. Por outro lado, os cursos de preparación (protocolos, información, actuación…) que no caso de pór/quitar o traxe son de tres semanas, dada a necesidade de adquirir ese proceso como algo totalmente automático (non é un proceso curto, senón que pode levar un bo anaco facelo apropiadamente), foron unicamente tieóricos, insuficientes, nalgúns casos dun cuarto de hora de duración. En definitiva, pésimo.
 
Analizando a xestión da Ministra, chama a atención a súa rolda de prensa, abominable, sen apenas palabras pola súa parte, exceptuando a súa intención de non dimitir, ao responder a un xornalista con evasivas e sen claridade. Cabe destacar tamén as apalabras de Rajoy, o noso insigne e ilustre presidente que dixo que lle “felicitaran” polo saber facer na xestión desta crise (parece claro que ou Rajoy esqueceu o que é a ironía, ou que o inventou). E, ademais, un paso máis aló están certas personalidades, como o Conselleiro de Sanidade da Comunidade de Madrid, con frases como “non é preciso ter un máster para saber como quitarse un traxe”.
 
Dende o Partido Popular, dunha maneira bastante desacertada e descarada, deixan caer que a auxiliar de enfermería (galega, por certo), puido seguir mal o protocolo (que raro, coa preparación intensiva recibida), e chegan a botarlle as “culpas”, cando parece claro que a palabra culpa non pode ir ligada ao nome desta persoa, un exemplo do colectivo ao que representa e que se xoga a vida cumprindo o seu traballo nesta difícil situación. 
 
Dende EQUO, mandamos o noso apoio a todos aqueles que están a sufrir de maneira máis ou menos próxima esta xestión e pedimos a asunción das pertinentes responsabilidades, incidindo tamén, e unha vez máis, na necesidade dunha sanidade de calidade e nunha designación responsable dos Ministros que non inclúa individuos da incompetencia da señora Mato. A nivel persoal eu espero que a cidadanía tome nota de todo isto, da pouca vergoña deste partido esquivando as responsabilidades, véndose superados pola situación, e facendo deste un país de pandeireta unha vez máis en boca de todos por algo tremendamente negativo. En definitiva, estamos a tempo de cambiar de rumbo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Roberto Carro Vázquez Nacín en A Coruña en 1992. Estou a finalizar o último curso do Grao en Biotecnoloxía na Universidade de León. Atópome a cabalo entre estas dúas cidades. Son membro da Rede EQUO Xove Galicia (organización política xuvenil que ten como referente a EQUO Galicia) dende setembro do 2013, e é a opinión desta organización a que aquí traslado. Ademais, colaboro en diversas tarefas de EQUO Galicia dende comezos de 2014. Ecoloxía política, dereitos humanos e democracia participativa como piares. O futuro é verde. @RQX_Galicia