Os movementos e correntes cidadás que pretenden devolver Barcelona (Guanyem), Madrid (Municipalia), Málaga (Ganemos Málaga), A Coruña (Marea Atlántica)… aos seus habitantes son cada vez máis, e están comezando a organizarse de cara a conformar unha posible candidatura para os comicios municipais que se aproximan. Por que esta motivación? Perdeu todo o crédito a política actual, lastrada pola actuación dun bipartidismo case atroz? Quizais si sexa agora o momento do cambio.
Obras, obras e máis obras, máis de 50000 parados, desafiuzamentos, un gasto en touradas que a meirande parte da cidadanía rexeita, multas a cidadáns que rebuscan entre o lixo mentres que os políticos corruptos seguen nos seus cargos sen un chisco de vergoña… Parece que a cidade da Coruña ten motivos máis que suficientes para tratar de conformar unha alternativa nova, aberta e, sobre todo, que se afaste da política tradicional e derrube os muros construídos arredor da actividade política.