O PPdeG apoia a Egerique e cre "artificiosa" a polémica na Comisión de Cultura tras o abandono da oposición

O PSdeG ve "inaceptable" a decisión da presidenta de acumular o debate de dúas iniciativas porque se referían a formatos dixitais.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 13/06/2022 | Actualizada ás 14:26

Comparte esta noticia

O Grupo Popular apoia a postura da presidenta da Comisión 4ª, de Cultura e Educación, Teresa Egerique, quen o venres pasado decidiu acumular no mesmo debate dúas proposicións non de lei (PNL) de BNG e PPdeG sobre a lingua galega en soportes dixitais, aínda que contaban con formulacións diferentes.

O viceportavoz parlamentario do PPdeG Alberto Pazos
O viceportavoz parlamentario do PPdeG Alberto Pazos | Fonte: PPdeG

Como protesta, nacionalistas e socialistas abandonaron a sesión denunciando un "reiterado desprezo" por parte de Egerique, á vez que avanzaron que presentarían unha queixa ante a Presidencia da Cámara.

O viceportavoz do PPdeG Alberto Pazos tachou de "bastante artificiosa" a polémica creada por BNG e PSdeG, xa que é "unha potestade" dos presidentes das comisións "desta lexislatura e de todas as anteriores" decidir "se se produce unha acumulación" de puntos a debater. De feito, Pazos destacou que foi unha "dinámica preestablecida", xa que os grupos da oposición "sabían" a acumulación destes puntos "antes de comezar o debate", concretamente a tarde anterior.

"O que non parece moi razoable é que na última das intervencións dun grupo se pretenda de súpeto cambiar esa dinámica e tentar crear un incendio que eu creo que quedou nunha pequena luz un pouco vergoñosa", insistiu o viceportavoz do PPdeG, para seguidamente mostrar o apoio do grupo á actuación de Egerique. "Faltaría máis", apostilou.

O PSDEG VEO "INACEPTABLE"

Tamén se referiu a este episodio o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, quen xustificou as queixas da oposición en que as dúas contiñan formulacións diferentes.

Por unha banda, a PNL do BNG reclamaba á Xunta que fixese "os trámites necesarios para que a lingua galega estea dispoñible de modo inmediato en Facebook, Instagram, Twitter, Tiktok, Whatsapp, Twitch, Siri ou calquera outra das distintas plataformas dixitais do momento".

Por outro, a iniciativa do PPdeG reclamaba ao Goberno galego "pór en marcha novas medidas para favorecer o acceso a formatos dixitais de obras en galego e fomentar a lectura dixital de calidade".

Tras dar lectura a ambos os textos, o portavoz do PSdeG cualificou de "inaceptable" o comportamento da presidenta da Comisión 4ª co "débil argumento" de que as dúas propostas "referíanse a formatos dixitais". "É o mesmo que se o fixese con dúas iniciativas para mellorar dous centros escolares diferentes porque os dous teñen aulas", ironizou Álvarez.

Neste sentido, o socialista lembrou que, aínda que Egerique pode ordenar o debate, non pode facer "un uso carente de criterio desa potestade". Ante esta situación absolutamente inaceptable", tamén o seu grupo presentou unha queixa formal ante a Presidencia da Cámara.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta