A morte do "Juancarlismo"

Para as persoas que participamos na resistencia antifranquista e que defendimos – a partir de 1976 – a instauración dunha forma de Estado republicana, o que está sucedendo co anterior xefe do Estado causa unha grande sorpresa porque, seguramente, non entraba nas previsións de quen profesaba as conviccións mais intensamente antimonárquicas.

Por Xesús Veiga | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/06/2022

Comparte esta noticia
Naqueles momentos iniciais do posfranquismo, as reivindicacións republicanas – mesmo aquelas que se postulaban mediante a demanda dun referendo específico sobre a materia – non semellaban ter os apoios maioritarios que desexaban moitos dos activistas organizados durante o franquismo. Aínda que non se coñecían estudos demoscópicos  sobre esta cuestión, sabíase cal era a posición das equipas dirixentes dunha boa parte das organizacións políticas ilegalizadas pola ditadura de Franco: PSOE, PCE, CiU e PNV aceitaron – con distintos argumentos – que a monarquía encarnada na figura de Juan Carlos de Borbón formase parte da nova arquitectura constitucional que se someteu a consulta popular en decembro de 1978.
 
Durante varias décadas, o republicanismo ficou reducido, practicamente, ás celebracións anuais simbólicas do 14 de Abril, protagonizadas por grupos e asociacións que vivían na periferia do sistema político dominante. O “juancarlismo” consolidaba a súa hexemonía grazas á lexitimidade outorgada por unha boa parte da oposición antifranquista e apoiado nos relatos apoloxéticos dos poderes económicos e mediáticos que gardaban silencio – cunha fidelidade cómplice digna de mellor causa – sobre calquera suceso que puidera cuestionar o mito do “Rei construtor da democracia”.
 
O relevo de Juan Carlos polo seu fillo no ano 2014 revelou que estabamos asistindo a unha crise importante na reputación da monarquía española. A erosión da “lexitimidade juancarlista” derivaba, sobre todo, do progresivo coñecemento das prácticas corruptas rexistradas durante o seu mandato como xefe do Estado. Os cambios operados – nesa segunda década do presente século – no cadro político xeral, aceleraron a velocidade da retirada do primeiro plano institucional. Dúas das forzas asinantes do pacto constitucional – o PCE e CiU – mudaron substantivamente a súa posición: nun caso pola recomposición do espazo á esquerda do PSOE como consecuencia da aparición de Podemos e no caso das formacións nacionalistas catalás herdeiras do “pujolismo” pola asunción de postulados independentistas que fican fora da lóxica constitucional.
 
A pesar de que, nos últimos anos, o CIS non quere realizar enquisas específicas sobre o estado de opinión presente na cidadanía a respecto da historia recente da institución monárquica, existen algunhas estimacións aproximadas que sinalan unha dupla ruptura xeracional e territorial. Nos segmentos poboacionais inferiores aos 40 anos e nos corpos sociais de Pais Vasco e de Cataluña habitarían as expresións mais críticas sobre o statu quo monárquico e, xa que logo, un maior potencial de apoios a fórmulas republicanas alternativas.
 
Para reducir a erosión reputacional que está padecendo a institución monárquica serían necesarias un conxunto de medidas que, polo momento, non figuran na axenda da actual Casa Real: retirada de todos os atributos honoríficos e protocolarios que aínda posúe Juan Carlos de Borbón, eliminación da inviolabilidade para todos aqueles actos que non están asociados ao rol da xefatura do Estado, establecemento dunha normativa que asegure a total transparencia no uso dos recursos públicos por parte das persoas integrantes da devandita Casa Real, levar a cabo unha investigación parlamentaria que permita substanciar as responsabilidades políticas derivadas do mandato do anterior Rei...
 
Mentres os dirixentes do PSOE non muden a posición estrutural que adoptaron en 1978, non existirá unha maioría parlamentaria capaz de reparar as graves anomalías antidemocráticas rexistradas nas últimas décadas de “juancarlismo”. Dende este punto de vista, resultan absolutamente cínicos os ataques realizados pola dereita política (PP, Vox) e mediática contra o actual presidente do goberno español en base a unha presunta complicidade coas opcións políticas expresamente republicanas. Os sectores conservadores deberían recoñecer publicamente que grazas á posición política defendida por Felipe González, Zapatero, Rubalcaba e Pedro Sánchez a Monarquía española logrou sobrevivir a todos os escándalos que agora coñecemos.
 
A destrución da lexitimidade “juancarlista” - construída, no seu momento, sobre a renuncia aos plans previamente deseñados polo réxime de Franco – suscita unha interrogante moi relevante de cara ás vindeiras décadas: resultará viábel consolidar, sobre bases parcialmente revisadas, a lexitimidade de Felipe VI como titular da continuidade monárquica? Será posíbel – a diferenza do sucedido hai 40 anos – un pronunciamento específico da cidadanía a respecto da forma de Estado?
 

O Rei Emérito Juan Carlos I saúda desde un vehículo á súa saída da casa de Sanxenxo camiño de Madrid. ÁLVARO BALLESTEROS
O Rei Emérito Juan Carlos I saúda desde un vehículo á súa saída da casa de Sanxenxo camiño de Madrid. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: EUROPA PRESS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.