Segue a Xunta de Galicia o método Ayuso; substituír persoal médico por persoal de enfermaría?

A Comunidade de Madrid non pode garantir cubrir os postos de médicos nos seus centros de saúde. Unha idea así reflicte o fracaso dun determinado modelo de xestión sanitaria, un fracaso que sindicatos sanitarios tamén denuncian en Galicia. Ademais, o actual modelo galego pode levar ao colapso da sanidade pública por falta de profesionais no sistema, sobre todo en Atención Primaria.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 19/06/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, criticaba ao Goberno central non non terse abordado o "tema urxente" da "falta de médicos" na reunión das CCAA co Ministerio de Sanidad. A idea xeralizada entre as formacións sindicais é que durante os gobernos de Rajoy a Xunta non mencionaba este tema, agora cos gobernos Sánchez, si apuran a urxencia de renovación. A presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso e o seu equipo propuxeron de cara ao verán que profesionais de enfermaría substitúan a falta de profesionais médicos e se non poden dar unha solución, derivar persoas a centros onde si haxa médicos. A Xunta de Rueda sería capaz de poñer en marcha un modelo así?

Arquivo - Profesionais sanitarios colocan maniquís como signo de protesta durante o inicio dunha folga indefinida e completa convocada para máis de 5.000 médicos de Atención Primaria da Comunidade de Madrid, na Praza de Chamberí, fronte á Cons. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Profesionais sanitarios colocan maniquís como signo de protesta durante o inicio dunha folga indefinida e completa convocada para máis de 5.000 médicos de Atención Primaria da Comunidade de Madrid, na Praza de Chamberí, fronte á Cons. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo

UN MODELO IGUAL EN GALICIA?

“En Galicia son capaces de facer calquera cousa con tal de non pagar” di Javier Martínez de UGT. “Negamos a maior, os profesionais de enfermaría teñen a súa carteira de servizos e os profesionais médicos a correpondente” aputna Manuel Moreira da CIG. “O modelo de Madrid é unha desfeita e tapan con parches, esperemos que en Galicia non se lles ocorra mais o perigo está aí” apunta Javier González de CCOO. “En Galicia nin acontece nin temos a situación de Madrid. Si hai casos puntuais onde os denunciamos, mais non é habitual” denuncian desde o sindicato de enfermaría Satse.

“A falta de médicos fai que as autoridades sanitarias barallen colocar competencias a outras categorías profesionais sanitarias” apunta Javier González. “A idea que propomos é ter a enfermaría como finalista, a persoa usuaria vai directamente á enfermaría para curas, Sintrom ou estracción de sangue”. Esta consulta finalista axilizaría as consultas médicas e “para isto deberan existir protocolos e agora mesmo en Galicia temos o de curas” apunta Javier Martínez. “A cronicidade dalgunhas doenzas pode ser levada polo servizo de enfermaría”. “Un profesional non pode substituír a outro, é necesario dotar de persoal a toda a sanidade pública, se non hai suficientes é por falta dunha xestión debida”, remarca Manuel Moreira.

Pola súa parte, a Consellería de Sanidade responde que “non nos plantexamos que o persoal de Enfermaría substitúa aos médicos, senón que traballen en equipo, con protocolos conxuntos que permitan que cada un actúe no límite máximo das súas competencias”. Por outra parte, subliñan que “o persoal de Enfermaría está capacitado para atender certos procedementos agudos con carácter finalista, e poden facer o seguimento de pacientes crónicos con protocolo”. Por último remarcan que  “o traballo e funcións que desempeñan son as propias da Enfermería familiar e comunitaria”.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparece no pleno do Parlamento de Galicia.. CONCHI PAZ
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, comparece no pleno do Parlamento de Galicia.. CONCHI PAZ | Fonte: XUNTA

INCENTIVOS NECESARIOS

“Os orzamentos de Sanidade non son finalistas e por outra parte, as listas de profesionais da sanidade, por exemplo en Atención Primaria, carecen de RTP, é dicir, non se coñece o número real de persoal como si se sabe en Función Pública” explica Martínez. “Tampouco sabemos se os fondos destinados a Atención Primaria van para Atención Hospitalaria”.

As políticas sanitarias levadas adiante desde 2009 polos gobernos do PP na Xunta buscaban o “aforro”. Esta contención de gasto fixo que Atención Primaria dependa da dirección da Área Sanitaria. “A Atención Primaria debera xestionarse como entidade propia” di Martínez. Enténdese que con isto habería unha maior calidade asistencial ao mesmo tempo que se disporía dun orzamento propio e, posiblemente, se incrementase o número de profesionais para esta especialidade.

“Entre 2006 e 2007 negociouse o Plan de Mellora da Atención Primaria, o preámbulo falaba de melloras de cara a unha nova reforma da especialidade” sinala Manuel Moreira. “Pedíase mellorar a necesidade de prazas e criterios para a construción de novos centros de saúde, en 2009 o PP tirou todo e apareceron as taxas de reposición”. En 2013 aparece o Plan de Organización de Recursos Humanos da Sanidade. “Sabían o que pasaba, chegarían as xubilacións e non se tomaron medidas”.

QUE PASA?

Durante os últimos anos o número de profesionais que se xubilan irá aumentando e desde os sindicatos denuncian a falta de renovación dos cadros profesionais. A non cobertura de cadros médicos pode incitar ás autoridades sanitarias a “meter tarefas a maiores noutros sectores profesionais da sanidade”. Isto acontece hoxe cos médicos de Atención Primaria cando “a cidadanía espera solucións no centro de saúde, porque os profesionais deses centros saben que facer” di Manuel Moreira.

Que sucede agora? “Non hai prazas MIR abondo e os licenciados prefiren outras especialidades cando non marchan para fóra” sinala Martínez. “É necesario meter cartos neste sistema porque logo veñen doutras comunidades e mesmo do estranxeiro ofertando unhas condicións moitísimo mellores que as de aquí”. Por outra parte “a Xunta non quere dar un céntimo para titorías, profesionais que axuden na formación do MIR, isto trae que esas titorías sexan mínimas, os profesionais non farán titorías sen retribución”.

O pasado 15 de xuño o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, criticaba ao Goberno central non ter abordado antes o problema da falta de profesionais. “O Ministerio non é especialmente áxil en previsión de futuro, mais Comesaña critica agora porque o Goberno central non é da súa cor política” resalta Manuel Moreira. Ante a falta de médicos, que facer?

A Xunta propuxo na mesa sectorial do 14 de xuño pagar 10.000€ anuais a profesionais da Primaria que prolonguen a xornada. “Dez mil euros? Mil euros ao mes? Pagar só dez meses? Paga os doce meses! E non só iso, é que se queren que un médico cubra unha praza non cuberta, deben pagarlle esa praza non cuberta” reclama Martínez.

Ante a situación actual, as solucións apuntadas pasan por un incremento do número de profesionais en Atención Primaria, que esta teña entidade propia e saiba cales son os seus orzamentos. Doutra parte, a mellora das condicións de traballo e salariais así como mellorar a calidade da formación coa retribución pertinente aos e ás titoras dos MIR. En canto a incentivar a prolongación dos horarios, a solución para sindicatos e profesionais sanitarios está en aumentar o número de profesionais e tamén en facilitar a accesibilidade á carreira de Medicina.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta