Rueda chama a aproveitar o liderado forestal de Galicia e a aumentar as cortas

O presidente da Xunta destaca o obxectivo do sector de acadar 2.700 millóns euros de facturación en 2022

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 17/06/2022 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fixo un chamamento a aproveitar o liderado forestal de Galicia en España e destacou o obxectivo de que o sector da madeira consiga chegar aos 2.700 millóns de euros de facturación en 2022. O titular do Goberno galego participou este venres na XII Asemblea Xeral do Clúster da Madeira e do Deseño, onde incidiu en que Galicia ten que valerse do potencial sustentable do seu territorio, xa que o 70% da súa superficie é forestal.

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, na XII Asemblea Xeral do Clúster da Madeira e do Deseño
O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, na XII Asemblea Xeral do Clúster da Madeira e do Deseño | Fonte: Ana Varela - Xunta de Galicia.

Neste sentido, lembrou que Galicia é a primeira potencia na xeración de materia prima, na creación de riqueza e emprego e na capilaridade da propiedade forestal, como mostra o dato de que unhas 80.000 familias viven directa ou indirectamente do monte.

Así mesmo, indicou que a Xunta traballa a medio e longo prazo a través do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, coa previsión de alcanzar en 2040 os 12 millóns de metros cúbicos de curta de madeira industrial para responder á demanda crecente de recurso.

No inmediato, Rueda explicou que este ano a meta é achegarse aos 11 millóns de metros cúbicos mediante un crecemento superior ao 7% na transferencia aos propietarios de montes; un incremento de facturación de toda a cadea dun 8% ata alcanzar os 2.700 millóns de euros anuais; e a consolidación dos 25.000 postos de traballo.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta tendeu a man ao sector en todos os ámbitos, con iniciativas como o Inventario Forestal e o Observatorio Forestal, que se impulsan para coñecer mellor o monte ou a tramitación telemática das curtas e detección por satélite das mesmas para facilitar e axilizar o traballo dos profesionais.

Tamén incidiu na importancia de traballar xuntos para recuperar aquelas especies prioritarias para Galicia, a través de programas estratéxicos como o do castiñeiro, que recibiu o visto e prace do Consello para recuperar 8.000 hectáreas de soutos tradicionais e plantar 16.000 novas ata o 2040. Nos tres próximos anos terá un investimento de 20 millóns de euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta