Precisamos saír da lameira histórica

Se non pode defenderse o Estado Español como plurinacional, conforme co disposto na súa Constitución (Artigo 2) sen ser considerado como un acto de traizón, como pode avanzar o nacionalismo galego cara a seu obxectivo dunha Patria Galega Ceibe?

Por Fermín Paz | As Pontes | 21/06/2022

Comparte esta noticia
Algunhas mentes “ilustradas” e os alicerces do Estado Español atacan o nacionalismo como a besta negra para calquera progreso e acúsano de moitos disparates e dun común denominador, a súa insolidariedade.Son @s mesm@s que calan diante dos vicios do sistema, da corrupción, das inxustizas, a desprotección e os incumprimentos que desde os poderes públicos se perpetúan e ao longo e ancho dos territorios do Estado.
 
A grande “verdade” da unidade forzada non se debate, imponse. Na historia hai  un bo feixe de “contos “ desta feitura.
 
Farei un pequeno recordatorio do camiño seguido por vasc@s e catal@ns. O Plan ibarretxe foi un proxecto de reforma do estatuto de autonomía do País Vasco seguindo as canles marcadas polo artigo 46 do citado texto e que foi aprobado polo pleno do Parlamento Vasco o xoves 30 de decembro de 2004 e logo, enviado ao Congreso dos Deputados para o seu debate e votación, sendo rexeitado o 1 de febreiro do 2005 por 313 votos en contra e 29 a favor. A experiencia neste asunto concreto xa ia obrigar a facer as cousas de xeito diferente polas circunstancias e situacións que se foron vivindo tanto da parte de quenes fixeron a proposta como d@s contrarios. 
 
O “procés catalá” aproveitou da experiencia anterior e permitiu , facer novas exploracións e comprobacións. A orixe dá conflitividade ven da sentenza do Tribunal Constitucional español, diante do recurso alentado polo PP, que anulou no 2010 algúns artigos do novo Estatuto de Autonomía catalán que fora aprobado por referendúm no 2006. Do 2012 ao 2020 unha serie de acontecementos foron desenvolvéndose no territorio catalán para facer unha consulta popular pactada e poder decidir libremente cal podería ser o encaixe do Estado Español e Cataluña, cousa que xamais foi consentida senón combatida por todos os medios, inclusive coa aplicación do artigo 155 da Constitución Española e a intervención da autonomía catalana, o cese do Presidente, a convocatoria dun novo proceso electoral, o apresamento e o xuízo para algúns dos principais dirixentes namentres que outros fuxiron. Finalmente o Tribunal Supremo despois de 52 sesións de xuízo, decreta unhas penas de prisión para 12 persoas que van dos nove os trece anos por un delito de sedición que, ata daquela ninguén fora condenado. Logo veu o indulto e as necesidades cointurais de Sanchez para garantir a gobernabilidade do Estado e o asunto aínda ten rabo.
 
Calquera dos camiños non foron viables por una sinxela cuestión, a xustiza española no caso de ser necesario, sempre vai sentenciar a prol do entramado institucional do Estado e calquera  escolla que fagamos por esta vía non será considerada nin democrática, nin axustada a lei.
 
Non vou negar que unha maioría de españolas e españois sinta aquelo que foi conformándose á sombra do poder político e relixioso dominante durante tantos años. Acepto que non é posible descamiñar o tempo pero tampouco é realista, soster o andamiaxe do Estado Español, tal e como está. O mais acaído sería unha nova Constitución ( por que de non facerse o risco do involución é grande), onde queden reflectidos os novos encaixes necesarios tanto no asunto territorial como na convivencia social para que a saúde, o traballo, as pensións, a vivenda, a seguridade social, etc..., teñan a mesma protección e recoñecemento que os dereitos civís e políticos. O texto que se aprobou no 1.978 non da mais de si ( só houbo dous trocos no texto , a primeira delas en 1992 para permitir o sufraxio pasivo nas eleccións municipais aos estranxeiros, por esixencia do Tratado de Maastricht da Unión Europea e a segunda en 2011 para introducir o concepto de estabilidade orzamentaria, no marco da crise económica de 2008 ), é polo tanto, non deberan seguir apoiándose nel, os políticos e a Xustiza ( que tamén precisa dunha grande renovación). A constatación da falla de honestidade ético-política nunha boa parte da tremoia político e institucional é hoxe, o impedimento para que todo siga sen moverse (camiño do suicidio social), e de que non existan mecanismos de democracia directa como o referendúm e outros.
 
Este breviario de antecedentes pode axudarnos a comprender o aparentemente incomprensible. A conformación dun estado novo que, declara a independencia de forma unilateral é un acto revolucionario. Así debe considerarse cando vai adiante. Outra cousa é, que no soberanismo de “Junts pel si” moitos dos seus dirixentes tivesen a crenza que, esta estratexia era a mellor só para forzar unha negociación co Estado español. Así o foron trasladando ao seu movemento e gañando apoios. Xa que logo, a segunda premisa que establezo é : fíxose un acto revolucionario sen medir moi ben as consecuencias. Mais, ao non estaren preparados para dito confronto, con todo o que supón e as dificultades que conleva,  a ventoleira do 155 foi un verdadeiro furacán. A forma de República non é o substantivo (aínda que sexa necesario). Formaba parte da lóxica política do que se quixo facer, mais dito asunto deixareino para outra ocasión na que falarei das contradicións que xurdiron e o seu ordenamento neste conflito.
 
Nunha análise con sosego, teriámonos que preguntar se un proceso revolucionario  pode estruturarse e dirixir desde os despachos e das asesorías ? Aínda que pareza unha pregunta sinxela, compre facela para despexar unha das claves deste proceso. A miña resposta é, unha revolución non é simplemente un acto administrativo ou xurídico e o mais fodido foi que, algunhas cabezas “pensantes” fixérono crer a quen acompañou e empurrou desde abaixo . Instalados nesa maneira de facer tamén temos fío para tecer e comprender a perspectiva belga, a fuxida de empresas significativas, o xiro editorial dalgúns medios de comunicación, o efecto dominó da ofensiva españolista e o novo escenario resultante.
 
Entre as debilidades manifestas só quero subliñar (por cuestiones tácticas) o erro de deixar en pleno confronto, a iniciativa ao contrario e quizais a falta de perseveranza. Seguramente o motivo non foi outro que, a acción tivo moito apoio nesa construción para dirixir dito proceso e onde o organizativo e discursivo estiveron orientados nunha grande confianza no aparello institucional é no proeuropeismo . A independencia debe comezar coa súa declaración, no momento xusto, mais precisa de moito mais percorrido por ser unilateral e nun marco político concreto. Quebec, Escocia, Eslovenia ou a exrepública Iugoslava non serven como exemplo, porque teñen unha diferenza de partida: ou ben houbo acordo para un referendúm ou un interese internacional de reequilibrio xeopolítico.
 
En política tamén é aplicable o segundo principio da termodinámica. Nada está perdido; hai que transformar os erros en acertos e confrontar de novo. A realidade imponse. O que non se fixo antes ou o que se fixo daquel xeito, aínda non pasou o tempo para facelo mellor. Cataluña e as demais nacións que actualmente conformamos o Estado Español non temos que ter medo a perder alguns dos confrontos na loita pola liberdade das nosas patrias, nin  a nosa propia. É mais fácil solucionar un erro que corrixir unha deriva ou anormalidade histórica. É posible que aínda vexamos algún ceacú  nos procesos que están por vir   sabendo que, mais cedo que tarde, os nosos pobos remataran a súa andaina.
 
Antes de fixar a miña posición final a cuestión prantexada estou obrigado a precisar algo importante do que pode acontecer nas vindeiras eleccións galegas, xa que , terán a súa importancia no longo camiño que, aínda temos por diante . Dou por feito algunha baixada no apoio electoral no PP e posiblemente, na súa maioría parlamentar para elixir o Presidente e o Goberno para os vindeiros 4 anos. O xogo, unha vez mais, vai estar en si o Bloque, Psoe e Mareas ou como se chame o sumatorio de Iolanda chegan ás 38 represntant@s e de chegar, si é posíbel conformar unha gobernanza alternativa. Comezarei dicindo que o asunto terá algun enleado mais se hai posibilidades de negociar tal cousa. Imaxinade que, o Pp non obteña toda a representación da dereita e teña que compartila nalgunha medida con Vox; ou que, o Psoe quede en terceira posición tras do Bloque e deixe gobernar o Pp en minoría asegurandose dun trato preferente por parte de Rueda de cara a recuperar a segunda posición na lexislatura ; ou que, o socialismo galego imposibilite desde dentro que o Bloque faga calquera avanzo cara a dito obxectivo estratéxico, adicando os seus esforzos a pactar un goberno nas mellores condicións de reparto de Consellerías e convertendo a gobernanza nunha chantaxe permanente. Só son algúns exemplos do que pode acontencer  se o Partido Popular non acada a maioría absoluta ademais de non acreditar na posibilidade que o Psoe sexa a segunda forza mais votada ( xa que ademáis doutras consideracions vai  estar metido de cheo nun novo ciclo eleitoral baixista). Na política todo é posible aínda que non sexa previsible.
 
As interpretacións son todas posibles -aínda que non sexan cribles-, mentres que as transformacións son sempre cribles -aínda que todas elas non sexan posibles nalgún tempo-.
 
No camiñar que queda por facer a priorización dás tarefas, é fundamental. Sen un ordenamento axeitado ou feito do revés, esnafrarern@s unha vez mais xa que estamos a “xogar” cuns contrari@s, aceptando a súa baralla marcada ademais do reparto das cartas. Confiar exclusivamente na sorte é tan imprevisible que o mesmo Xulio César xa o sabía ao cruzar o Rubicón.
 
Para saír desta lameira histórica a única tese posíbel a defender estratéxicamente no eixo soberanista é, a independencia. A reforma constitucional é só un medio.
 
Chegados a este punto sinto de novo a obriga de voltar a propoñer, desta vez con certa urxencia, un proxecto novo para a nación galega, que sen esquecer o vello, o actuante, tente de novo sumar esforzos e xentes do común nun novo Riazor, sobre do organizado, de quen resiste ao poder establecido individual ou colectivamente , de quen participa de movementos sociais, de quen queira debater e impulsar un proceso constituínte, tanto na consolidación de formas antagonistas de poder como na articulación, impulso e apoio a políticas claras, concretas da disputa do poder. A idea que trato de sementar cos meus argumentos é a necesidade que ten o nacionalismo de debater este e outros asuntos fundamentais como o dunha normativa unificada do noso idioma, impulsar a unificación do sindicalismo nacionalista,…Só así, é, será, posíbel avanzar cara a independencia. 
 
Da potencialidade do nacionalismo non teño dubidas, da contradición principal entre nacionalismo -españolismo, tampouco e da necesidade estratexica de impulsar ditos procesos , teño o pleno convencemento. 
 
A historia prosegue, a loita continúa e o futuro aínda está por facer. Chegaran de novo os tempos para a liberdade de todas as patrias. E @s que sintan e defendan que a única nación é a española, como teño dito noutro artigo, non nos impoñan o seu mito.

Bandeira de Galicia coa Catedral de Santiago no fondo.. XUNTA - Arquivo
Bandeira de Galicia coa Catedral de Santiago no fondo.. XUNTA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.