O Son do Camiño deixa un "cheo total" nos hoteis de Santiago e contorna

Compostela Aberta pide a convocatoria dun Foro Cidadán sobre a Convivencia e o Turismo e a creación dun Observatorio de Sustentabilidade Turística.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/06/2022 | Actualizada ás 13:17

Comparte esta noticia

Os bos datos do turismo en Santiago de Compostela, xunto á afluencia xerada polo festival O Son do Camiño, levaron practicamente ao cheo total dos hoteis da cidade durante o pasado fin de semana, un efecto que se estendeu aos municipios limítrofes, cunha ocupación próxima ao 95%.

Así o indicou este martes o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo de Santiago, Sindo Guinarte, que fixo un balance "moi positivo" dos efectos do Son do Camiño sobre a cidade. Segundo explicou, os datos proporcionados pola asociación de hostalaría falan dunha ocupación na cidade durante os días do festival "practicamente do 100%", un efecto que se prolongou ata os hoteis da contorna do municipio, que alcanzaron unha media de algo máis do 93% de ocupación.

Guinarte tamén mencionou o impacto no sector da restauración da cidade, sobre todo ao mediodía, dado que a última hora da xornada o público estaba no Monte do Gozo e "os festivaleiros non son moi madrugadores", dixo, en referencia ás mañás. Finalmente, tamén se detectou un incremento de consumo en tendas e supermercados.

TURISMO ESTRANXEIRO

No ámbito turístico, Sindo Guinarte lembrou que o aeroporto de Santiago está a rexistrar cifras marca este ano, o que se suma aos bos datos do tren. Pola contra, diminuíron os excursionistas que chegan a Santiago en autobús "e que se marchan pola tarde", un tipo de turismo que outros anos era moito máis importante pero que "deixa poucos recursos" en Santiago.

O goberno local está moi satisfeito con estes datos, e tamén co incremento de congresos na cidade, e destaca particularmente a gran cantidade de estranxeiros que estes días visitan Santiago. De face aos próximos meses, Guinarte confiou en poder "alongar a tempada máis aló de setembro".

TURISMO SUSTENTABLE

Por outra banda, a portavoz de Compostela Aberta, Marta Lois, anunciou este martes que a formación levará ao próximo pleno local unha proposición na que insta o goberno a cumprir dous dos puntos recollidos no acordo para a aprobación dos orzamentos de 2022, a convocatoria dun Foro Cidadán sobre a Convivencia e o Turismo e a creación dun Observatorio de Sustentabilidade Turística.

Tal e como explicou Lois, o primeiro destes órganos debe servir para "recoller a opinión" da cidadanía, do tecido asociativo, do sector e dos diferentes grupos políticos sobre a actividade turística na cidade, mentres que o segundo se establecería en colaboración coa Universidade de Santiago. Compostela Aberta incide na necesidade de conseguir un turismo sustentable e facer compatible a recuperación de cifras de visitantes coa convivencia, a calidade de vida, a conservación do patrimonio e o benestar da veciñanza.

En particular, chaman a atención sobre a "proliferación" de tendas de souvenirs e reclaman que se decrete unha moratoria na apertura deste tipo de establecementos no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica. "Santiago non pode estar copado de souvenirs made in China", asegura Marta Lois, que alerta dos "impactos claramente negativos" para a cidade do turismo de masas, como o "encarecemento dos prezos do aluguer" ou a "degradación estética dalgunhas das rúas e prazas máis importantes de Compostela".

Actuación no festival de música O Son do Camiño, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press
Actuación no festival de música O Son do Camiño, en Santiago de Compostela. César Arxina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta