Sabes cal é a orixe da festa de San Xoán?

A súa celebración dáse en moitas zonas de Europa, mais mantense especialmente arraigada en Galicia, onde aldeas, barrios e praias enteiras celebran a chegada do verán ao carón das fogueiras.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/06/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Na mañanciña de San Xoán, a xente moza da Europa central tiña por costume subir aos cumios das montañas e deixar caer por elas unha roda de palla chea de lume. Aqueles fachuzos que alumaban dende o lonxe servían para dar a benvida ao sol en todo o seu esplendor e renderlle culto. Non pode establecerse unha data concreta en que comezou a celebración do solsticio de verán que chega ata os nosos días, mais si se coñece que estas bólas de lume escorregando montaña abaixo son as precursoras das fogueiras, cacharelas ou lumieiras que agora iluminan as beiras das casas, os barrios ou as praias galegas cada 23 de xuño. 

Cacharela na noite se San Xoán
Cacharela na noite se San Xoán | Fonte: quepasanacosta.com

Durante esta noite, tamén denominada Litha, celébrase o solsticio de verán. Fogueiras, sardiñas e certos ritos que se manteñen no tempo como saltar o lume caracterizan hoxe en día unha festa que leva miles de anos conmemorándose. "Poderíase dicir que dende o albor dos tempos", fala o antropólogo Manuel Mandianes. A ela, explica, deu orixe o culto a un representante do sol, o chamado deus Hefesto, un ser sobrenatural da cultura grega que máis tarde retomaron os romanos. "Por iso", expón Mandianes, "o primeiro que convén aclarar é que esta festa non é de orixe celta, senón grecorromana e indoeuropea", se ben tamén hai quen sinala que na cultura celta se celebraban igualmente rituais vinculados ao sol. 

A EVOLUCIÓN DA FESTIVIDADE

Trátase, segundo Mandianes, dunha celebración solar propia do calendario romano e festexada sempre no mesmo día, ao contario do que acontece coas conmemoracións luares celtas, coma o Entroido, que varían de data dunha vez para outra. Antigamente, o rito pasaba por acender unha fogueira na madrugada do día 21, momento en que comezaba o verán e o sol chegaba ao seu punto de maior forza. Xusto nese intre, principalmente as xentes do norte de Europa, mais tamén doutros lugares, saía das casas para celebrar e render culto ao astro que nos próximos seis meses iría baixando dende o seu máximo apoxeo.

"Cómpre entender que determinados fenómenos astronómicos ao longo da historia foron un referente á hora de marcar os calendarios agrícolas e rexiliosos, por iso celebramos co Nadal o solsticio de inverno e co San Xoán o solsticio de verán", explica o tamén antropólogo Rafael Quintía.

Esta tradición pagá foi logo adaptada polo cristianismo, que retomou esta data importante dentro da cultura tradicional como un culto a San Xoán, "conferíndolle así un carácter sagrado a un momento significativo a nivel social e económico", explica Quintía. Desta maneira, segundo a tradición cristiá, o 24 de xuño, a xornada de máis sol e polo tanto tamén a considerada máis sagrada do ano, marca o nacemento de Xoán O Bautista, predecesor de Xesús, quen representa "o novo sol". "O cirio pascual da Semana Santa simboliza a cristianización de todos os fachos, se ben na tradición popular os fachos e as fogueiras continúan facéndose na noite de San Xoán", explica Mandianes.

E é que a tradición cristiá se viu moi influída polo festexo antergo do solsticio e adoptou moitos dos ritos precristiáns que as xentes desenvolvían nesta noite máxica. "Como acontece noutras moitas tradicións, coa chegada do cristianismo, estas foron traídas ao ámbito da nova relixión, aínda que manteñen elementos de carácter pagán. Era a forma de que as persoas fosen asimilando a nova relixión e reconvertindo estas datas xa significativas no calendario", sinala Quintía. E cales son estes ritos que permanecen? Aqueles ligados ao lume - como saltar por riba del -, á auga - coma os baños das nove ondas - e ao mundo vexetal - coma o popular cacho de San Xoán -. 

POR QUE TEN TANTO ARRAIGO EN GALICIA?

Son moitos os refráns e cantigas populares que existen en torno á festividade do San Xoán, unha das festas con maior carga ritual e das máis populares en Galicia. Unha cita ancestral marcada pola socialización entre as persoas e coa natureza e os animais, unha data que xoga ata o extremo coa dualidade do ben e o mal a través da presenza das bruxas, a ritualización do caos (co roubo de arados ou cancelas) e a posterior purificación a través do lume e a auga. Á fin, di Mandianes, "o mal quéimase para que esta sexa a noite do ben e do amor". 

A súa celebración dáse en moitas zonas de Europa, mais mantense especialmente arraigada en Galicia. Principalmente, pola forza dos ritos. "Estes", explica Quintía, "cumpren moitas funcións: axudan á creación da identidade, reforzan a cohesión do grupo e a trama social, fan que a xente se sinta partícipe dunha colectividade...". A "potente" cultura galega dunha longa tradición de séculos fai, daquela, que a xente siga condecendo un valor importante a este tipo de celebracións, que se ben sofren transformacións derivadas dos cambios sociais, seguen funcionando porque manteñen a súa validez.

A IMPORTANCIA DE NON PERDER O SENTIDO DE COMUNIDADE

É lóxico que a tradición, en tanto que viva, evolucione canda os tempos, mais o antropólogo Rafael Quintía chama a atención sobre a lástima de que unha festa que ao longo do tempo serviu para reforzar o sentido de comunidade dun pobo acabe por sucumbir o individualismo máis propio do mundo que agora habitamos.

"Dáme pena que a fogueira, que sempre foi un acto social comunitario onde a xente se reúne ao redor do lume para facer estes ritos e pasar un momento festivo, se convirta nunha actividade máis introspectiva e individualista. Aí é cando aparecen 300 fogueiras nunha praia no canto dunha por cada barrio", sinala Quintía. E é que ante nós temos a "ferramenta ideal" para crear comunidade, para relacionármonos coa veciñanza, festexar e, por que non, purificármonos canda o solsticio de verán.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta