Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/06/2022 | Actualizada ás 18:55
As reservas de carbón na central térmica das Pontes están a piques de acabarse mentres Endesa continúa á espera de recibir a autorización administrativa para proceder á clausura defintiva da planta. Fontes da compañía trasladaron a Europa Press que as 240.000 toneladas de carbón procedente de indonesio que chegaron hai meses ao porto exterior de Ferrol están preto de esgotarse.
"A contribución da térmica das Pontes a paliar a situación do mercado enerxético resulta desafortunadamente moi limitada", apuntaron estas mesmas fontes, que inciden en que "a singularidade da instalación e as certificacións que o seu funcionamento seguro e eficiente requiren, fan que resulte complexo mantela oficialmente dispoñible sen realizar importantes investimentos que non se poderán amortizar".
Endesa solicitou o peche da central no ano 2019. Desde entón, "está a traballar en superar os inconvenientes laborais e sociais que teña o cesamento de actividade", recibida xa a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) positiva, e á espera da resolución administrativa.
PETICIÓN DE CELERIDADE
Estiman que "a maior celeridade nos procedementos administrativos, menor incerteza na xestión das oportunidades de futuro" que xestionan "co obxectivo de captar proxectos e fondos europeos". Inciden en que esta situación de espera "non é a idónea para a zona, xa que canto antes culmine a tramitación, antes se albiscará o futuro das Pontes e Galicia".
Así mesmo, destacan que esta situación é única en España e Portugal, "que avanzan moi positivamente na transición poñendo o foco no emprego e nos proxectos de futuro". Segundo Endesa, "o desmantelamento da planta das Pontes xerará máis emprego do que sustenta a súa operación parcial e permitirá avanzar nos proxectos de futuro". Indica, así mesmo, que as auxiliares que actualmente prestan os seus servizos nestas instalacións "poderán continuar vinculadas a Endesa realizando tarefas de predesmantelamiento".
Por último, a compañía eléctrica destaca que "agradece ao seu persoal propio a dedicación e profesionalidade con que desempeñaron o seu traballo nun tempo de incertezas, especialmente a aqueles que, a pesar de ter xa outros postos adxudicados, se desprazaron ás Pontes para contribuír a manter operativa a central". Ademais, tamén exitende o seu agradecemento aos traballadores das auxiliares.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.