Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/06/2022 | Actualizada ás 14:02
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) vén de subscribir publicamente o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, o acordo en defensa do exercicio do xornalismo na administración pública que lle foi presentado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia. O documento, impulsado polos colexios profesionais de xornalistas, ademais de pór en valor o papel dos profesionais da comunicación, reclama a creación de postos de estrutura definidos claramente para a comunicación social e institucional, que sexa necesario ter o título universitario correspondente para realizar estas funcións e que as administracións apliquen estes mesmos criterios no caso de externalizacións.
Neste sentido, a Fegamp asegura que "comparte a corresponsabilidade das Administracións Públicas nesta materia, especialmente no marco da Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno". Por todo iso, a federación "apoia a contratación de titulados e/ou colexiados nos gabinetes de prensa e direccións de comunicación das Administracións, coa finalidade de que estes departamentos cumpran a súa importante función social de xeito óptimo". Unha función aínda máis importante, nas palabras de Alberto Varela, presidente da Fegamp, "nestes tempos de infoxicación onde moitas persoas aproveitan a liberdade de expresión e as posibilidades das tecnoloxías para colar falsas novas".
A Federación trasladou aos distintos concellos galegos o Compromiso público polo emprego e a profesión xornalística, animándoos a mellorar as súas políticas de comunicación. "O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, no seu compromiso coa profesión, mantén unha defensa constante da contratación de xornalistas para os labores informativos nas administracións, posto a titulación correspondente ou a colexiación son as únicas garantías dun tratamento correcto e profesional da información no ámbito público", conclúe nun comunicado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.