Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/06/2022 | Actualizada ás 19:49
A artista peruana Fabiola Anchorena foi a gañadora do XV Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados co proxecto titulado 'Esperando el amanecer', no que a autora denuncia a destrución ambiental da Amazonía.
Así o decidiu o xurado deste premio, que organizan o Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka Editora. A distinción está dotada con 9.000 euros e a publicación da obra distinguida -que estará dispoñible nas cinco linguas peninsulares- o próximo mes de novembro.
O xurado estivo formado pola ilustradora e editora Marta Madureira; a editora e mediadora de lectura Piu Martínez; os ilustradores Xosé Cobas e Federico Delicado, gañador da sétima edición do Premio Compostela; a directora editorial de Kalandraka, Manuela Rodríguez; o edil de Educación do Concello de Santiago, Rubén Prol, e Beatriz Varela como secretaria.
Elixida por unanimidade, 'Esperando el amanecer' é unha historia que "destaca pola pertinencia e a actualidade" do tema tratado, onde resoa a voz da Amazonía "como protesta ante a explotación e a consecuente destrución do medio". O relato conta que os animais que o habitan, preocupados porque a selva leva varias semanas envolta nunha longa noite, deciden emprender unha viaxe para descubrir por que non amence. O xurado resaltou "a poética do texto xunto coa atmosfera emocional, acentuada polo tratamento da cor".
A esta décimo quinta edición do Premio Compostela presentáronse máis de 200 traballos procedentes non só do ámbito peninsular, senón tamén de países como Australia, Kenia, Mauritania, Brasil, Arxentina, México, China, Reino Unido, Italia ou Grecia, entre outros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.