Case mil estudantes recibiron charlas para sensibilizar sobre os problemas de saúde mental

Máis de 15 centros educativos galegos se acollaron ás iniciativas desenvolvidas por SaúdeMental FEAFES.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Saúde Mental FEAFES Galicia achegouse durante o curso escolar 2021-2022 a máis de 15 centros educativos, entre institutos de secundaria e facultades universitarias, para falar coa mocidade de diversos temas relacionados coa saúde mental.

Un grupo de estudantes fai cola para entrar a unha aula. Glòria Sánchez - Europa Press - Arquivo
Un grupo de estudantes fai cola para entrar a unha aula. Glòria Sánchez - Europa Press - Arquivo

Así, ao redor de 500 estudantes universitarias e 430 de secundaria recibiron as visitas de profesionais da saúde mental de distintos perfís (psicoloxía, traballo social, educación social), que abordaron temas como a saúde mental en tempos de pandemia, a xestión e o manexo do estrés, mecanismos da ansiedade, sensibilización e intervención en suicidio ou prevención dos problemas de saúde mental. Nalgúns dos centros participaron tamén persoas usuarias da entidade ou familiares que achegaron a súa experiencia en primeira persoa.

O obxectivo destas charlas, explica a asociación, é "sensibilizar e previr problemas de saúde mental no contexto educativo, ensinando o alumnado a coidar a saúde mental, detectar sinais de alarma ou que facer en caso de que exista un problema desta índole". Ademais, os profesionais de Saúde Mental FEAFES Galicia tamén deron a coñecer os servizos e recursos dos que dispón a federación para atender a persoas que se atopan nesta situación.

"Esta iniciativa xorde da necesidade de educar en saúde mental desde a infancia e a xuventude, máis nun contexto como o que estamos a vivir no que os problemas de saúde mental son cada vez máis frecuentes nestes tramos de idade", asegura FEAFES, que indica que "facer chegar esta información directamente ao alumnado dos centros e a quen participa da súa vida diaria, como o persoal docente e orientador, axuda a que coñezan esta realidade e teñan as ferramentas necesarias para traballar na prevención dos problemas de saúde mental".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta