Responsabilidades políticas e xudiciais

A dimisión de Mónica Oltra de todos os cargos institucionais que ostentaba, ten a súa orixe na investigación decretada polo Tribunal Superior da Comunidade Valenciana por mor duns feitos graves acaecidos nun centro dependente da consellería que dirixía a política de Compromís. Mais alá do desenvolvemento futuro que experimente o procedemento xudicial, esta dimisión pode merecer unha reflexión sobre o comportamento dos partidos políticos durante os últimos anos.

Por Xesús Veiga | Compostela | 12/07/2022

Comparte esta noticia
Na altura de 2014 e 2015, cando apareceu Podemos – e tamén Ciudadanos – o taboleiro político estatal estaba dominado por dúas formacións – PP e PSOE – que tiñan un amplo historial de persoeiros acusados de presuntos delitos de corrupción na xestión de diversas instancias gobernamentais (de ámbito estatal, autonómico ou local). Ante semellantes situacións, a resposta dos voceiros autorizados de ambas forzas tiña un común denominador argumental: as eventuais culpabilidades das persoas investigadas só podían ser dilucidadas en sede xudicial, de tal xeito que non cabía contemplar a dimisión das mesmas se antes non existía unha condena en firme. Ou sexa: até que a derradeira instancia capacitada para ditar sentenza (Tribunal Superior e/ou Tribunal Supremo) non emitira ditame, ninguén debería abandonar o seu cargo institucional. Con esta lóxica, desaparecía o espazo das responsabilidades estritamente políticas e deixaba de operar calquera criterio de exemplaridade baseado nun código ético previamente establecido. Só resultaba pertinente o territorio xurídico para depurar as prácticas irregulares, coas consecuencias asociadas a esta opción: dado que a utilización da mentira forma parte das posibilidades de defensa ante un tribunal, aceitase tal posibilidade aínda que iso resulte incompatíbel coas regras dun comportamento público decente esixíbel a calquera representante da cidadanía.
 
As mobilizacións rexistradas no mes de Maio de 2011 (o que ficou bautizado como “movemento 15-M”) reflectiron un amplo clima social que sumaba, polo menos, dúas indignacións: a que provocaba o grave empeoramento das condicións de vida asociado á crise económica derivada da especulación financeira e inmobiliaria e a constatación de numerosos casos de enriquecemento ilícito protagonizado por diversos dirixentes das organizacións políticas hexemónicas dende o remate dos anos 70 da pasada década. Ese rexeitamento presente en sectores significativos do corpo social que viña apoiando ao PP e ao PSOE non tivo unha tradución electoral explícita até o ano 2015 (eleccións locais, autonómicas e xerais). A entrada da chamada “nova política” no escenario estatal semellaba abrir unha dinámica capaz de propiciar unha efectiva rexeneración nas prácticas desenvolvidas por unha boa parte das vellas elites políticas. Xurdiron, nese contexto, propostas concretas como a realización de primarias na vida interna dos partidos, a limitación dos mandatos de representación, a reforma da normativa electoral e o establecemento de códigos éticos que propiciaran o abandono dos cargos sen agardar por sentenzas xudiciais que tardaban moito tempo en ser ditadas.
 
Hoxe, varios anos despois, aqueles obxectivos rexeneradores tiveron unha tradución práctica moi cativa. A progresiva perda de peso electoral das novas formacións non facilitou a viabilidade daquelas propostas. Ademais, apareceu unha circunstancia moi relevante: a presenza cada vez maior do “lawfare” na vida política. Noutras palabras: a crecente utilización das instancias xudiciais para desgastar e destruír aos adversarios políticos. As hemerotecas certifican a verosimilitude de tal afirmación: denuncias e querelas presentadas por persoas vinculadas á extrema dereita contra responsábeis políticos de Podemos e doutras organizacións foron finalmente desestimadas despois de ocupar portadas e referencias destacadas nas radios e nas televisións.
 
A pretensión de acadar un código de conduta compartido pola grande maioría dos partidos a respecto das imputacións por corrupción está condenada ao fracaso. A sensibilidade dominante no electorado non semella premiar a quen utiliza criterios mais esixentes na depuración das responsabilidades éticas e políticas das persoas que ocupan cargos nos poderes executivos e lexislativos. Ademais, a práctica do “lawfare” obriga a unha reconsideración da estratexia seguida até agora no combate contra a corrupción. Porque, nas actuais circunstancias, esixir a dimisión por unha imputación xudicial non suscita as mesmas expectativas que cando se postulaba hai 6 ou 7 anos.
 

Díaz, Colau, Oltra, García y Hamed no acto celebrado en Valencia
Díaz, Colau, Oltra, García y Hamed no acto celebrado en Valencia | Fonte: Fonte: Ada Colau
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.