Por Europa Press / Redacción | Folgoso do Courel | 16/07/2022 | Actualizada ás 16:27
Os incendios forestais provocados en Galicia tras as treboadas con raios rexistradas na noite do xoves ao venres, sumadas á onda de calor, con temperaturas extremas, calcinaron xa máis de 4.700 hectáreas na comunidade galega, segundo as cifras actualizadas pola Consellería do Medio Rural ata as 19,30 horas deste sábado.
Polo momento, a situación máis preocupante continúa nos municipios lucenses de Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, onde a Xunta mantén activa a alerta por proximidade do lume a núcleos habitados. En concreto, en Folgoso do Courel seguen activos tres incendios que superan xa ás 2.000 hectáreas calcinadas.
O conselleiro de Medio Rural, José González, en declaracións difundidas pola Radio Galega, incidiu en que "o maior foco de preocupación" está na Montaña de Lugo, aínda que os medios están a actuar e non se produciron desaloxos --excepto a evacuación preventiva este xoves de 40 mozos dun campamento na Pobra do Brollón, que pasaron a noite no pavillón de deportes--.
Precisamente na Pobra do Brollón segue decretada como medida preventiva a 'situación 2' no incendio rexistrado na parroquia de Saa, aínda que Medio Rural informou na pasada xornada de que o perigo para o núcleo de Busto remitira.
Este incendio permanece activo desde as 20,37 horas deste xoves e afecta a unha superficie provisional de 550 hectáreas. Ata o momento mobilizáronse para o seu control 2 técnicos, 13 axentes, 22 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 4 avións.
Activo tamén desde as 21,14 horas do xoves hai outro incendio na Pobra do Brollón, na mesma parroquia de saa, que segundo as últimas estimacións rolda as 50 hectáreas provisionais. No seu control traballaron 1 axente, 1 brigada, 1 motobomba e 1 helicóptero.
TRES INCENDIOS EN FOLGOSO: 1.790 HECTÁREAS
En Folgoso do Courel segue decretada a alerta por proximidade a núcleo habitado no incendio rexistrado na parroquia de Seceda, que se iniciou ás 1,40 horas do venres, e que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta a unha superficie de 950 hectáreas --250 máis que en parte anterior de Medio Rural--.
O lume está próximo ao núcleo de Gamiz, na parroquia de Santalla, situada en Samos, municipio limítrofe. Neste incendio traballaron un total de 9 axentes, 15 brigadas, 6 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros. Tamén participa a Unidade Militar de Emerxencias (UME), que despregou efectivos na zona.
A alerta segue igualmente decretada nun incendio da parroquia de Vilamor, tamén en Folgoso, onde as chamas están preto do núcleo de Carballal. Este incendio empezou ás 20,42 horas deste xoves e mantense en 300 hectáreas queimadas, segundo as estimacións provisionais. Combaten as chamas 3 técnicos, 12 axentes, 20 brigadas, 12 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.
Outro lume, o terceiro de Folgoso, permanece activo en Vilamor. Empezou ás 20,25 horas deste xoves e, segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 500 hectáreas --250 máis que no parte previo--. No seu control traballaron ata o momento 15 axentes, 16 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 1 unidade técnica de apoio, 6 avións e 4 helicópteros. En total, este tres incendios suman unha superficie provisional arrasada de 1.790 hectáreas.
OUTROS TRES LUMES EN QUIROGA
Tamén na provincia de Lugo, en Quiroga, permanece activo desde as 20,29 horas deste xoves un incendio na parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta a unha superficie de 250 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse 2 técnicos, 14 axentes, 13 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 4 avións e 2 helicópteros.
Activo desde as 11,42 horas deste venres, tamén en Quiroga, hai outro lume, na parroquia de Nocedo, que rolda as 180 hectáreas. Combatérono 3 axentes, 6 brigadas, 3 motobombas e 3 helicópteros.
E desde as 12,42 horas deste venres segue activo o terceiro lume de Quiroga, que afecta a 90 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata agora 4 axentes, 15 brigadas, 7 motobombas, 2 avións e 1 helicóptero.
950 HECTÁREAS EN CARBALLEDA DE VALDEORRAS
Na provincia de Ourense, segue activo desde as 6,57 horas deste venres un lume en Vilariño de Conso, na parroquia de Pradoalbar. Afecta a unhas 160 hectáreas no Parque Natural do Invernadeiro --65 máis que no anterior parte de Medio Rural--. No seu control traballaron ata agora 1 técnico, 5 axentes, 19 brigadas, 5 motobombas, 2 pas, 2 avións e 6 helicópteros.
E en Carballeda de Valdeorras permanece activo desde as 22,09 deste xoves o incendio rexistrado na parroquia de Riodolas, que afecta xa a 950 hectáreas --150 máis que no anterior parte da Xunta--. Aínda que a superficie queimada é extensa, arde monte raso e non afecta a vivendas. No seu control, participaron 3 técnicos, 14 axentes, 31 brigadas, 19 motobombas, 3 pas, 2 avións e 6 helicópteros.
LUMES ESTABILIZADOS, BAIXO CONTROL E EXTINGUIDOS
Medio Rural tamén informa de que o incendio en Rodeiro (Pontevedra), que empezou ás 20,56 horas do xoves na parroquia de Guillar e queimou 200 hectáreas de superficie, segue controlado. Extinguido quedou ás 00,53 horas un incendio rexistrado ás 00,39 horas do venres en Baiona (Pontevedra), que obrigou a desaloxar oito vivendas. Rexistrado na parroquia de Baredo, afectou a 46 hectáreas arboredos.
MELÓN E RIBADAVIA
En canto aos incendios rexistrados nos primeiros días desta onda de calor, os medios tamén avanzan na súa extinción. En concreto, en xornadas pasadas, se activaran dous incendios na parroquia de Quins, en Melón --onde un quedou extinguido o pasado xoves-- e Ribadavia, en Ourense, que queimaron en total unhas 150 hectáreas.
O extinguido afectou a unhas 35 hectáreas, e o outro lume en Melón, tamén na parroquia de Quins, que segue controlado, a unhas 50. Mentres, a superficie provisional queimada no de Ribadavia, que se rexistrou ás 22,11 horas do pasado luns e permanece estabilizado, é de 65 hectáreas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.