Lembranzas para sempre

.. é un rastro de ausencias esquecidas nos espellos, no frío das cinzas apagadas... Xulio L.Valcárcel

Por Fermín Paz | As Pontes | 22/07/2022

Comparte esta noticia
Son un ser humano máis, con algúns vivires por contar e algunhas risas por botar. Nada teño que confesar porque os principais episodios da miña vida e as circunstancias que a envolven e o que fixen, non merecen consideración especial. O choio de falar algo dos meus, era unha tarefa que tiña pendente e decidín que o tempo chegara. Para calquera cuestión familiar dos meus vivires ou algo mais lonxe, só teño a posibilidade de falar coas miñas tías, Fina e Ofelia, ás que teño moito agarimo e das que  estou sempre moi agradecido. 
 
Desta vez, as lembranzas familiares  abillaron na miña cabeza e nos meus sentimentos. Foi unha grande felicidade.
 
Son fillo de Fermín e Adelina e irmán de Sabela, Gloria, Xosé Manuel mais Eva que xa non está con nós. Nacín en Ribadeume no 1951, pertencente daquela ao Concello da A Capela. Esta aldea como ben nos di seu nome ten a súa territorialidade vinculada co Río Eume na súa transición ata o mar. É unha das portas das Fragas do Eume. Neste espazo tiven o privilexio, na década dos 60 do século pasado, de pasar tempo dabondo en compaña das amizades. Camiñabamos desde As pontes ou ben desde Goente e baixabamos por un camiño cheo de silvas, xestas e algún toxo ata o Mosteiro de Caaveiro, onde fixabamos a nosa estadía para gozar da natureza en toda a súa gama de cores, sons e biodiversidade.
 
As lembranzas que aínda manteño, son como un pequeno tesouro e só por iso agardo que sexan para sempre. Vivencias no Campo, na Carreira, na Pena do Traste, no Cachopal, no Petouto, na Fraga dos Cregos, no Lombedrado, nos Castros, na Corredoira, no Castiñeiro, na Villerma, en Espá, nos Picadeiros, en Viador,... Por aló estiven 4-5 anos e logo a familia asentou no Concello de As Pontes. Tempo despois, tamén o fixo administrativamente a miña aldea e outras da redonda, como a Faeira e Bermui.
 
Anselmo e Xosefa foron os meus avós (pola banda da familia materna), por causas que non quero precisar foron cara a Ferrol e na Santa Mariña tiveron o seu novo asentamento, xunto a Fina, Ofelia, Pepe e Pablo, meu primo o fillo de Sara, que xa nos deixou ao igual que Demetrio e Inesita. Pouco a pouco @s da tribo dos Lamigueiro López fomos desenvolvendo as nosas vidas cos enribas e abaixos. Adolfo e Manola foron para A Coruña e Maruxa quedou xunto con Abel no lugar dos Castros.
 
Noutra ocasión falarei da outra pola familiar, d@s Paz Barro.
 
Todo na vida ten algo que o fai especial. No 2001 en Santiago nunha folga xeral na que estaba a participar co sindicato, a CIG, do que son afiliado, aconteceume algo que merece ser contado sen moitas  voltas e que renovou meu contrato vital. O importante para min non tivo relación coa loita aínda que tivera certo interese en comprobar como se desenvolvía dito proceso nunha cidade onde o tecido industrial da comarca tiña como actividade principal a dos servizos. O mais relevante das miñas historias de vida, despois do meu nacemento, aconteceu nos hospitais públicos desta cidade e mais na Coruña xa que, de novo no 2017 tiven que pasar polo "taller", desta vez, para facer algún amaño pendente e necesario. As lembranzas que teño, a forza tiven que construílas sobre dos relatos dos compañeir@s, da familia e do cadro médico que me atendeu da doenza. Grazas a isto é a unha máquina que me axudou unhas cantas horas, sigo a ter vida e presente, de ahi a relevancia.
 
Máis adiante, os estudos para saber da causalidade da doenza, permitíronme comprender algúns dos condicionantes no meu vivir e algunha cousa mais para camiñar cos pés mellor apoiados no chan e sabendo do terreo que piso e dos riscos que teño o seguir “dando zapato”.
 
No 1971 empezo a traballar nas auxiliares de Astano. A toma de conciencia do que estaba a pasar  xa tiña algunha andadura e atopaba nun proceso de maduracion desde o ano anterior na Coruña. A miña estadía fixeina temporalmente no Caserio Vasco de Perlio. Antes de que rematara aquel ano, fun despedido. No 1972 logo da loita de Ferrol chegou a de Vigo. Ámbalas dúas mobilización dos traballador@s puxeron contra as cordas ao franquismo. As accións da clase obreira tiveron como resposta a reacción da ditadura e chegou a represión. Sen esquecer a ninguén d@s represaliad@s, quero lembrar especialmente aos meus tíos Pepe Lamigueiro de Ascón, a súa dona Maruxa (o seu pai, O Xanote, o seu irmán Simón e a súa cuñada Sefi), d@s que aprendín o verdadeiro significado do compromiso, da dignidade e a solidariedade. Dende 1974 entrei a traballar en Endesa As Pontes, e dende aquela puxen o mellor de min para que ditas ensinanzas e as doutr@s compañeir@s, tiveran utilidade na defensa da clase traballadora.
 
Os feitos da historia permiten ver as relacións sociais en acción e á vez darte conta da importancia da familia. Á súa vez as formas amosan as estruturas culturais e ideolóxicas a través das cales construímos as diferentes interpretacións das condicións reais da existencia. Toda unha escola de aprendizaxe. Meu irmán Xosé sempre di, cando xuntamos @s irmáns e rimos un pouco contando nas lembranzas familiares que, el houbera preferido ser algo máis protagonista xa que  si che cae algunha labazada,  algo fixeches e por tanto es merecedor. 
 
Adiquei moito da miña vida ao sindicalismo e a política. Descoidei outras facetas. O balance debería ser mais satisfactorio, mais non vou a queixarme, ese comportamento non ten acubillo na miña personalidade. Na vida de producirse algún ceacu ten que ser no seu tempo e senón o facemos deste xeito, o importante é aprender. Hoxe sei que teño algunha capacidade de diagnose, análise e que non é doado facerme “comulgar con rodas de muíño” e tampouco teño a ben que, os demais o fagan. Estou convencido que o nacionalismo galego, mais cedo que tarde precisará de  acordos para unificar esforzos  si quere chegar a algún dos seus obxectivos estratéxicos. Non acredito na competencia imperfecta das organizacións nin no idealismo poético. Só axudarei a un proxecto nacionalista que propoña “a necesidade de acumular enerxías se aspiramos á vitoria porque carecen de futuro político quen ten que importalas dende fóra”, como falou o meu benquerido e admirado Bautista Álvarez.
 
Non vou esquecer as lembranzas que gardo dos compañeiros e do compañeirismo na sección ou departamento de Instrumentación, tanto dos que aínda podemos contalas como dos que nos foron deixando. Un destes días pasados falabamos dalgunhas vivencias na cheminea para facerllas chegar o Sr. Rueda, moi preocupado por manter dita infraestrutura en pé. Tampouco deberíamos facelo, o conxunto do colectivo co que fixo a UGT no quinto Convenio de Endesa. O de asinar algo sen consultar @s representad@s é unha práctica que xamais deberemos consentir. O feito é tan grave que ninguén pode xustificalo ou calar. Teño un fundado temor que os acontecementos no referente ao futuro da Central das Pontes e os novos proxectos de industrialización se poñan ao servizo dun novo relato e onde pouco a pouco os feitos caían no esquecemento. Interese hai porque isto aconteza. Delegar permanentemente e sen control na representación política ou sindical é un erro sen posibilidades de corrixir.
 
Tamén sei que, no resto de vida que teño por diante deberá ten máis espazo a familia, a música, ou ben, algunha outra disciplina artística. E para rematar teño a certeza que o meu futuro ten nome de muller é chamareino polo seu nome, Celia, Noa e quen sabe si engadirei algún outro. As lembranzas son historia vivida. O futuro aínda está por facer. Cando menos haberá que, poñerse á tarefa.

Foto das lembranzas de Fermín Paz
Foto das lembranzas de Fermín Paz | Fonte: remitida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Fermín Paz A miña actividade política e social ven do ano 1970. Militei e tiven responsabilidades en organizacións do nacionalismo galego a nivel local, comarcal e nacional. A nivel Internacional, Secretario Xeral da Unión Internacional de Sindicatos da Enerxía-Química e Petróleo e da Comisión Executiva dos Sindicatos da Enerxía- Química e do Petróleo da rexión Europea-Paises árabes. Secretario Xeral da Asociación Internacional Droit á l´énergie-Sos Futur con sede en Paris e representante da Ong no Consello Económico e Social da ONU. Na actualidade estou xubilado e fago colaboracións en revistas, publicacións e Foros Internacionais de análises política ou sindical.