Radiografía dunha crise de saúde pública: a auga contaminada en Muxía, un gromo de norovirus único no Estado

Investigadores presentan os resultados detallados das análises que se fixeron da rede de augas da localidade muxián, onde se rexistraron até 115 casos de gastroenterite en outono pasado. A orixe da contaminación non puido ser resolta. Científicos do CRETUS preguntan se estariamos dispostos a usar auga reciclada.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/08/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado outono, o concello de Muxía informou dun aumento inusual de pacientes con gastroenterite aguda. En total, foron 115 as persoas afectadas até que se deu por solucionado o problema. A orixe atopábase na auga para o consumo humano. Agora, grazas a un equipo científico, coñécense todos os detalles daquel evento.

Auga da billa
Auga da billa | Fonte: Arquivo.

Investigadores adscritos ao Centro Nacional de Microbiologia do Instituto de Salud Carlos III en Madrid, o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, o Servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade da Coruña veñen de facer unha exhaustiva radiografía daquela crise de saúde pública que comezou o 30 de setembro de 2021, cando o Concello de Muxía informou dun aumento inusual de pacientes con gastroenterite aguda; unha crise que se prolongou por un mes, até que a primeiros de outubro se deu por rematada, logo de prohibirse o consumo de auga da billa.

 Os expertos apuntan a unha "avaría na cloración da auga como causa do gromo” que produciu ducias de casos de gastroenterite

Nun estudo agora avalado pola comunidade científica, os investigadores lembran que aquel gromo de gastroenterite no concello muxían afectou a persoas de distintos núcleos pero coa mesma fonte de abastecemento de auga, polo que desde o inicio se traballou coa hipótese dun gromo de transmisión hídrica.

A orixe de todo isto atópase nun norovirus atopado en dous puntos terminais do sistema de abastecemento de auga; confirmáronse en laboratorio 14 casos tras a detección do norovirus do xenogrupo II en mostras de feces. E identificouse un xenotipo único (GII.3[P12]) nas mostras de feces. A secuenciación metaxenómica nunha mostra de feces positiva para norovirus confirmou a etioloxía do norovirus e a ausencia doutros posibles patóxenos, deixando clara a orixe daquel gromo.

Ademais, a detección de bacterias indicadoras de contaminación fecal e o feito de que a auga potable non fose clorada, segundo os expertos, apuntaba a “unha avaría na cloración da auga como causa do gromo”.

CRONOLOXÍA

Como relatan os expertos, aínda que foi o 30 de setembro de 2021 cando Xefatura Provincial de Sanidade recibiu unha chamada telefónica do Concello de Muxía advertindo dun aumento de casos de gastroenterite, o incremento de casos notouse a partir do 28 de setembro, pero non fora denunciado polo centro de saúde de Muxía nin polo hospital comarca Virxe da Xunqueira, en Cee. Unha vez recibida a alerta, Xefatura Provincial de Sanidade púxose en contacto co centro de saúde e co servizo de urxencias do hospital e confirmou o aumento de casos con respecto a outros anos no mesmo período. A confirmación de casos mostrou que o gromo estaba a producirse nunha ampla distribución xeográfica, polo que se sospeitou desde o primeiro momento dun gromo de transmisión hídrica, e inmediatamente levouse a cabo unha investigación para avaliar o alcance deste, identificar o axente etiolóxico e implementar medidas de control.

O 30 de setembro, ante o incesante aumento de casos, o concello de Muxía emitiu unha recomendación para evitar beber auga da billa ata que se obtivesen resultados microbiolóxicos. O 1 de outubro, tras os resultados das análises que revelaban a presenza de norovirus na auga, detívose a distribución da auga e o Concello facilitou como alternativa auga embotellada aos habitantes.

En total, identificáronse 115 casos entre o 27 de setembro e o 7 de outubro durante as investigacións epidemiolóxicas realizadas

Como explican os expertos, “a descontaminación da auga comezou na tarde do mesmo día seguindo as recomendacións nacionais e incluíu hipercloración e purgas da rede”. Así, xa o 2 de outubro se reiniciou a distribución de auga para os servizos públicos (ducha, aseos, rego de plantas, etc.).

O 4 de outubro, novos controis nos mesmos puntos do sistema de distribución de auga mostraron niveis normais de indicadores bacterianos. O concello comunicou entón aos habitantes os resultados das análises, e levantou a prohibición de consumir auga da billa. Aínda que o número de casos primarios notificados diminuíu drasticamente despois do 1 de outubro, a vixilancia activa de novos casos implementouse ata o 8 de outubro, cando se deu por rematada esta crise.

En total, identificáronse 115 casos entre o 27 de setembro e o 7 de outubro durante as investigacións epidemiolóxicas realizadas. Os afectados foron de todas as idades, cunha franxa de idade de 0 a 92 anos, e o 54% foron mulleres. Só un caso (un cativo de 4 meses de idade) requiriu unha hospitalización dun día. Os principais síntomas dos infectados foron vómitos (78,1%) e diarrea (67,5%), seguidos de náuseas (54%), dor abdominal (52,7%) e dor de cabeza (39,1%).

O NÚMERO DE AFECTADOS PUIDO SER MAIOR

A taxa de ataque, é dicir, a taxa de incidencia que se rexistrou no curso do gromo na poboación abastecida pola mesma rede de distribución de auga de Muxía (2.022 persoas), foi do 5,7%. En comparación con outros gromos de norovirus transmitidos pola auga, asociados frecuentemente con altas taxas de ataque, esta taxa foi “relativamente baixa”, polo que os científicos manexan a hipótese de que pudieron ser máis os afectados: “O número de casos puido ter sido en gran medida subestimado, xa que os casos máis leves e os adultos teñen menos probabilidades de buscar atención médica, especialmente nas zonas rurais onde as distancias e os tempos de desprazamento para acceder aos centros de saúde son máis longos”, comentan. Por outro lado, “sábese que ata o 32% das infeccións por norovirus poden ser asintomáticas; polo tanto, o número de casos podería estar moi subestimado”, insisten.

A maioría dos casos rexistrados (un total de 87) ocorreron en Muxía, e 27 foron rexistrados en varias localidades circundantes. “Esta distribución correspondía ao sistema de distribución de auga de Muxía e, polo tanto, apoiaba a hipótese dun gromo de transmisión hídrica”, expoñen os responsables do estudo.

O primeiro caso rexistrouse o 27 de setembro, pero só a partir do 28 de setembro un número crecente de habitantes empezou a notificar síntomas, ata o 29 de setembro. Os informes alcanzaron o seu máximo o 30 de setembro, con 46 habitantes afectados. Logo, o número de casos primarios diminuíu despois do 1 de outubro e o último caso informouse o día 7 do mesmo mes. Moi probablemente, eses últimos foron casos secundarios por contacto con casos primarios que foron afectados directamente pola auga.

“O norovirus transmítese habitualmente por contacto directo con persoas infectadas (persoa a persoa), consumo de alimentos e auga contaminados, ou contacto cun ambiente contaminado. Dada a típica curva do gromo de orixe puntual, non era probable que a transmisión persoa a persoa fose a principal causa de transmisión deste gromo, aínda que os casos esporádicos posteriores ao 1 de outubro (cando se informou do último caso primario) puidesen estar asociadas con transmisión secundaria”, clarifican.

Para coñecer mellor e en detalle que aconteceu en Muxía, os investigadores fixeron un estudo de casos e controis mediante enquisas telefónicas, incluíndo 62 casos e 46 controis. A análise mostrou que os casos de persoas infectadas tiveron unha maior exposición á auga da billa mediante o consumo directo da auga da billa e o lavado de vexetais para comer.

"Foi un gromo puntual de orixe hídrica entre os veciños de Muxía que comparten o mesmo sistema de distribución de auga”

“O 96,8% dos casos foron expostos ao sistema de distribución de auga, fronte ao 26,1% dos controis (que visitaron familiares ou restaurantes de Muxía), o que suxire que a auga do o sistema de distribución foi a fonte da infección”, detallan os científicos.

A análise do Laboratorio de Saúde Pública de Galicia comprobou que as mostras de auga estudadas tiñan o norovirus GII. E, xa no Centro Nacional de Microbiología, as análises de mostras de pacientes confirmaron cepas GII.3[P12].

A investigación ambiental confirmou que os niveis de cloro libre (cloro para desinfectar a auga) en dous puntos do sistema de distribución de auga de Muxía eran de 0,0 ppm e que na auga potable estaban presentes indicadores fecais como bacterias Escherichia coli e Clostridium perfringens.

Con todos os datos, e observando o rápido aumento do número de casos e o seu descenso tras a implantación de medidas de control, os científicos constataron que "foi un gromo puntual de orixe hídrica entre os veciños de Muxía que comparten o mesmo sistema de distribución de auga”.

“No noso estudo, combinamos investigacións epidemiolóxicas, ambientais e microbiolóxicas para demostrar que se trataba dun brote hídrico causado por norovirus”, indican.

“É probable que os norovirus sexan pouco recoñecidos na maioría dos gromos sospeitosos de transmisión da auga. Polo tanto, a detección eficaz de norovirus e o recoñecemento temperán da auga como posible fonte de infección son importantes para reducir a morbilidade, xa que se toman as medidas adecuadas para controlar a fonte”, comentan os responsables do estudo.

Para estes científicos, a investigación deste gromo “tamén demostrou a importancia dunha comunicación oportuna ao público sobre o risco vinculado ao consumo de auga da billa”.

INCÓGNITA

Pero cal foi a orixe desta contaminación da auga? Non se sabe. Como explican os investigadores, “durante as semanas anteriores ao gromo non se rexistraron fallos na rede de canalizacións de auga nin caídas da presión da auga nin precipitacións abundantes”. Estes tres factores acostuman ser os principais causantes deste tipo de contaminación das augas.

Os investigadores non puideron identificar a orixe nin o momento do suceso responsable da contaminación da auga

Dado que a estación depuradora de Muxía trata augas do río Negro, tamén se sospeitou de verteduras fecais ao río. Porén, e como explican, “debido á alta estabilidade ambiental do norovirus na auga (pode persistir ata dous meses na auga do río), un evento de contaminación fecal no río Negro non foi necesariamente contemporáneo ao gromo e, polo tanto, non se puido identificar a orixe nin o momento do suceso responsable da contaminación”.

Ademais, engaden, “os gromos asociados a contaminación fecal masiva adoitan caracterizarse por máis dun xenotipo de norovirus e xeralmente son causados ​​por múltiples virus e patóxenos etiolóxicos”, pero no gromo de Muxía atopouse “un xenotipo único de norovirus, aínda que se probaron mostras para os xenotipos GI e GII e non se detectou ningunha infección bacteriana”. E “a secuenciación metaxenómica confirmou a única presenza de norovirus nunha mostra de feces, proporcionando probas de apoio de que a orixe do gromo podería non ser a descarga fecal ao río”.

Por outro lado, como subliñan, as cepas GI son predominantes nos gromos de norovirus transmitidos pola auga, pero no caso de Muxía identificaron unha cepa de norovirus GII como axente causante.

PRIMEIRO GROMO DESTAS CARACTERÍSTICAS EN ESPAÑA

A presenza do xenotipo GII.3[P12] nas mostras de feces de afectados en Muxía suxire unha fonte común de infección. “Segundo o que sabemos, este foi o primeiro gromo de norovirus GII.3[P12] detectado en España”, salientan os responsables do estudo, que recordan que o xenotipo GII.4 é a causa máis común de infección por norovirus en todo o mundo e en España.

“Segundo o que sabemos, este foi o primeiro gromo de norovirus GII.3[P12] detectado en España”

“Os estudos sobre a evolución de GII.3[P12] son ​​escasos, pero recentemente suxeriuse que este xenotipo específico estaba restrinxido inicialmente a Asia e que o primeiro caso foi, de feito, en Xapón en 2003. Os datos de vixilancia mostran que o GII.3[P12] comezou a circular por primeira vez en España no último trimestre de 2020 (dous casos) e no primeiro trimestre de 2021 (dez casos) na Comunidade Valenciana, en nenos menores de 5 anos. Polo tanto, aínda que GII.3[P12] circulaba en España antes de 202, está por ver se a transmisión deste xenotipo será responsable doutros gromos e se establecerá como novo xenotipo de norovirus endémico”, comentan.

Outra reflexión importante que deixa este evento é que “aínda que os gromos mediados por norovirus están xeralmente asociados a condicións invernais, o presente estudo tamén mostra que o norovirus debe ser considerado á hora de determinar a etioloxía dun gromo mesmo durante períodos interestacionais”, xa que o de Muxía comezou a finais de setembro, no tránsito do verán ao outono.

IMPACTO NA VIDA DE MUXÍA

Como consecuencia daquel gromo, houbo “un impacto en canto ao número de persoas que faltaron ás actividades escolares ou laborais como consecuencia da súa enfermidade”, din. De feito, segundo estes expertos, “o número de ausencias escolares aumentou moito despois do 30 de setembro, aínda que este número non reflicte necesariamente o número de nenos con gastroenterite”.

“As implicacións para a saúde pública poderían ter sido moito máis graves se este gromo fose causado por un patóxeno máis virulento que o norovirus"

Con todo, consideran que “as implicacións para a saúde pública poderían ter sido moito máis graves se este gromo fose causado por un patóxeno máis virulento que o norovirus, que xeralmente é unha enfermidade leve e autolimitada”.

Logo de pasar este evento, os expertos ven necesario o desenvolvemento dun plan de seguridade hídrica seguindo os métodos dados pola OMS para a auga dos concellos como unha forma eficaz de garantir a seguridade da auga, a mellora da investigación de laboratorio dos focos de auga coa promoción de probas de diagnóstico de virus en mostras de auga e a posta en marcha dun protocolo de colaboración entre as autoridades locais e os laboratorios de referencia, e un esforzo na identificación da orixe da contaminación para evitar novos focos na comarca, prestando especial atención ao seguimento dos indicadores fecais en distintos puntos do sistema de distribución de auga de Muxía.

DISPOSTOS A USAR AUGA RECICLADA?

Doutra banda, investigadores do centro interdisciplinar CRETUS da Universidade de Santiago veñen de presentar un estudo sobre a aceptación da auga reciclada entre a poboación.

Partindo da realidade de que a escaseza de auga é un problema importante que afecta cada ano a un maior número de países, plantexaron a posible solución de utilizar sistemas de auga reciclada. Non obstante, como din, “para implementar o uso da auga reciclada é necesaria a aceptación pública”, polo deseñaron un estudo para comprender as razóns da aceptación ou rexeitamento da xente ao uso de auga reciclada.

A mostra do estudo estaba formada por 726 participantes de Galicia e Murcia, dous territorios con realidades hídricas moi diferentes. Os resultados da enquisa mostraron que, en xeral, o risco percibido para a saúde foi o predictor máis importante á hora de decidirse ou non polo consumo de auga reciclada. Mentres que a obriga moral tivo un maior impacto nas persoas que teñen un maior contacto coa auga que nos de baixo contacto, sendo ao contrario cando o que se valora son os custos-beneficios.

"Os cidadáns considerarán a auga reciclada unha posible solución á escaseza se perciben o problema como grave e inmediato e se manteñen o sentido da responsabilidade"

“O diagnóstico da situación ambiental é o primeiro paso a ter en conta no proceso de fomento dunha maior aceptación do uso da auga reciclada. Noutras palabras, os cidadáns considerarán a auga reciclada unha posible solución á escaseza de auga se perciben o problema como grave e inmediato e se manteñen o sentido da responsabilidade para enfrontarse directamente ao problema. Ambos factores son consistentes entre rexións con extremos opostos de abundancia e escaseza, o que indica que é a percepción da escaseza, máis que a existencia real dela, a que realmente afecta a aceptación”, explican.

Por outro lado, “o tema da escaseza de auga ameaza a identidade do individuo, o que o leva a desenvolver un sentimento de obriga moral de aceptar a auga reciclada como solución ao problema”. Para os investigadores, “esta influencia axiolóxica pode ser aínda maior cando a auga reciclada aparece no debate público”, por iso, din, “para establecer o uso da auga reciclada na sociedade, é fundamental que as estruturas identitarias dos cidadáns incorporen de forma positiva o concepto de auga reciclada”, xa que “de non ser así, os mecanismos de identidade e obriga moral activaranse en sentido contrario, impulsando os intentos de frear a implantación de sistemas de auga reciclada”.

En canto ás percepcións da auga reciclada, consideran que o uso desta “non pode supor ningún perigo; non obstante, a mera percepción de consecuencias negativas para a saúde é suficiente para levar ao rexeitamento público do concepto”, polo que “a confianza na comunidade científica pode contrarrestar estas percepcións negativas e favorecer a percepción dos beneficios”. Neste sentido, proseguen, “e para garantir que o coñecemento científico contribúa ao desenvolvemento de políticas ambientalmente sustentables, é necesario que a ciencia non estea instrumentalizada politicamente, xa que isto afectaría á súa credibilidade”, advirten.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta